Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/03/2018 | Actualizada ás 18:10
A boneca Barbie converteuse, nunha mostra que impulsa a Deputación de Pontevedra, nunha icona contra a desigualdade, violencia e a discriminación que sofren as mulleres. Baixo o título 'Rompe. Xoga en Igualdade', 18 paneis e vitrinas con Barbies "intervidas" denuncian a situación das mulleres.
A mostra, que estará aberta até o próximo 8 de abril, foi inaugurada pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e, segundo as súas palabras, trátase dunha exposición "extraordinaria, vangardista, rompedora e provocadora".
Carmela Silva estivo acompañada polas deputadas provinciais Eva Vilaverde, Digna Rivas, Chelo Besada e Montse Magallanes e polas creadoras da mostra, Isabel Blanco, Irene Silva e Noemí Chantada, así como dos deputados provinciais aos que agradeceu "que estean presentes sen subir ao escenario".
Na súa intervención, a presidenta da Deputación manifestou que ten claro que esta iniciativa, que percorrerá toda a provincia, "vai dar moito que falar porque mostra a realidade cruel das mulleres a través dunha boneca que non nos representa a todas".
Máis ben, é unha "muller-obxecto delgada, elegante e cun armario cheo de vestidos de todo tipo, que sempre está á disposición do seu Ken", pero que, a través da súa intervención, se converteu "nunha boneca digna".
A mostra recolle temáticas como a beleza, a prostitución, os ventres de aluguer, o matrimonio infantil ou os malos tratos, entre outros. Carmela Silva asegurou que os "avances conseguidos polas feministas construíron un mundo mellor" e reivindicou esta loita para "construír outra humanidade".
'Rompe. Xoga en Igualdade' está enmarcada nos actos que organiza a institución provincial polo 8 de marzo, día no que, segundo anunciou a presidenta, "todas as deputadas farán folga 24 horas". Ademais, van renunciar ao salario, porque a outras mulleres tamén llo van a descontar e queren "ser como todas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.