Por Galicia Confidencial | Compostela | 08/03/2018 | Actualizada ás 09:35
Xornalistas galegas “cántanlle as corenta” aos medios de comunicación pola persistencia das desigualdades. Así o destaca o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) nun comunicado no que anuncia a súa acción para este 8 de marzo co cancelo #IgualdadeDePrensa e no que denuncian a fenda salarial, a corresponsabilidade, o teito de cristal, dobre xornada, discriminación ou estereotipos.
Entre as participantes hai nomes como os de Margarita Ledo -a primeira decana da Facultade de Xornalismo-, Tareixa Navaza -o primeiro rostro que nos narrou noticias en galego por televisión-, ou Ana Expósito -a xornalista de medios galegos con máis experiencia na cobertura de conflitos internacionais-; hai mulleres que dirixen medios e coordinan contidos, como Ana Pardo de Vera, Carmen Merelas ou Valeria Pereiras, e tamén moitas reporteiras a pé de rúa.
Tamén mulleres que bregan en seccións que aínda están hipermasculinizadas, como deportes ou economía; e tamén bolseiras, autónomas, guionistas, académicas e especialistas en comunicación dixital. Todas xuntas, cantáronlle as corenta ao noso sector, por todos os trofeos e loureiros que levan os seus xefes ou os recoñecementos que obteñen os seus compañeiros e que silencian moitas veces o traballo invisible de mulleres.
“Queren brindar polo compañeirismo, polo mérito, e pola igualdade de trato, e para desexar que remate dunha vez o parternalismo, a condescendencia e a discriminación”, indica. As xornalistas galegas tamén queren “poñer boca arriba o conto da raíña do fogar, a fábula da supermamá ou o calote das cremas redutoras de xornada laboral”. “Ter fillos non pode seguir penalizando a calidade de vida das xornalistas, os seus salarios e as súas pensións; non pode seguir constituíndo un agravio comparativo cos homes”, engade.
“A cultura machista é esa ignominia na que agroman as agresións, e pode ser combatida coa boa influencia dos medios. Pero para acabar cos roles, a hipersexualización e os prexuizos sexistas cómpren as gafas de ver da formación, que aínda escasea en xornais, emisoras e cadeas de televisión”, conclúe.
Xornalistas participantes na iniciativa #IgualdadeDePrensa:
· María Bragado
· Loreto Costa
· Ana Expósito
· Lara Graña
· Cristina Huete
· Margarita Ledo Andión
· Diana López Varela
· Carmen Merelas
· Mercedes Moralejo
· Tareixa Navaza
· María Obelleiro
· María Pardo
· Ana Pardo de Vera
· Aida Pena
· Valeria Pereiras Reza
· María Xosé Porteiro
· Belén Puñal
· Marta Rodríguez
· Fernanda Tabarés
· Marta Veiga
· Andrea Villa
· María Yáñez
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.