Por Galicia Confidencial | Compostela | 08/03/2018 | Actualizada ás 11:34
Técnicos do Ministerio de Facenda (Gestha) calculan que a fenda salarial da muller en Galicia supera os 4.500 euros. É dicir, cobran case un 30% menos que os homes, de acordo á segunda edición do informe “Brecha salarial e teito de cristal”, que foi presentado onte.
Os resultados deste estudo reflicten que a maior fenda localízase en Pontevedra; e a menor, en Ourense, onde aínda así as mulleres continúan cobrando 3.000 euros menos que os homes.
O informe apunta que se necesitarían case sete décadas para acabar coa diferencia salarial en España. Ademais, revela que a desigualdade en 2016 reduciuse un 0,3% respecto ao ano precedente, rompendo a tendencia de crecemento que se iniciou en 2013. En calquera caso, mantívose un 3,5% por encima da que había en 2007, ano da serie histórica con menor desigualdade ata a data.
As diferenzas que existen entre os salarios duns e outras se deben, maioritariamente, a que hai máis mulleres que homes que non chegan aos 1.000 euros de ingresos ao mes. No entanto, a fenda comeza a acentuarse a partir dos 16.000 euros anuais, ata o punto de que o número de mulleres con soldos entre os 50.000 e os 80.000 euros ao ano é a metade que o de homes, e de que unha de cada cinco traballadores con soldos de 140.000 euros é muller.
FENDAS POR IDADES
A fenda salarial entre homes e mulleres non só responde o lugar de residencia ou aos limiares de soldo, senón que se ensancha conforme aumenta a idade. É máis, as diferenzas agudízanse entre os 26 e os 45 anos, idades coas que moitas mulleres aínda teñen que pagar unha “peaxe” por ser nais e coidar dos seus fillos. Así mesmo, os técnicos atribúen a fenda existente entre os 46 e os 65 anos ao coidado de maiores; e a que se dá máis aló dos 65 anos, ao dos netos.
Por outra banda, a diferencia salarial das mulleres de 46 a 65 anos é un terzo do seu soldo, e os técnicos remarcan que as ocupadas maiores de 65 anos cobran un salario por baixo da metade que os homes da súa mesma franxa de idade. Non é que a igualdade chegase ás novas xeracións, pero Gestha admite que a brecha se estreita entre as traballadoras menores de 25 anos de varias provincias, entre elas, Lugo.
Ademais, na etapa adulta, as maiores fendas entre os 46 e 55 anos están localizadas en Madrid, Barcelona, Tarragona, Guadalaxara, Castelló, Melilla e Burgos. A partir desta idade, de novo, as diferenzas máis significativas atópanse en cidades como Madrid, Barcelona, A Coruña, Valencia e Tarragona.
PRECARIEDADE
Aínda que é certo que o 34% das persoas ocupadas cobran por baixo do Salario Mínimo Interprofesional (SMI), que para 2016 estivo situado en 9.172,80 euros, non é menos certo que, unha vez máis, a muller carrexa coa peor parte, pois case 3,2 millóns de traballadoras non chegan ao SMI, copando máis da metade dos empregos precarios en ambos os sexos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.