Santiago de Compostela | 08/03/2018 | Actualizada ás 11:56 por EUROPA PRESS
Sindicatos falan dunha "xornada histórica" nas primeiras horas da folga de mulleres en Galicia, convocada para este xoves, 8 de marzo, día internacional da muller.
As mulleres están chamadas a parar Galicia nunha folga laboral, de coidados, consumo e estudantil. No tocante ao paro nos centros de traballo, as máis de 400.000 mulleres asalariadas galegas terán a posibilidade de realizalo ou por horas ou 24 horas, con cobertura legal para ambos os casos.
Por unha banda, a CUT --con Sindicato Labrego, Sindicato Ferrovial Intersindical e o Sindicato de Elevación de Galicia-- convocou a folga de 24 horas. Ademais, a CNT e a CXT tamén chaman en toda España á xornada completa.
Mentres, os sindicatos maioritarios na comunidade --UXT, CC.OO. e CIG-- convocan paros por horas --de 00,00 a 2,00, da 12,00 a 14,00 e de 19,30 a 21,30 horas--.
SEN INCIDENCIAS
Polo momento, a xornada transcorre sen incidencias de magnitude, máis aló dos piquetes informativos despregados por varias localidades.
Así, por exemplo, no centro de Santiago, representantes da CIG animaron ás mulleres do comercio e a hostalaría local a sumarse aos paros e ás mobilizacións desta xornada reivindicativa.
QUENDA DE NOITE
No caso da central nacionalista, apunta datos da quenda de noite, cun seguimento "condicionado", segundo advirte, posto que a actividade desenvólvese en sectores "moi masculinizados" e nos que boa parte da quenda realízano os homes.
Aínda así, sinala que nos hospitais da rede do Sergas "só se están cubrindo os servizos mínimos, tanto no que ten que ver co persoal sanitario como nos servizos de limpeza hospitalaria".
Na zona de Vigo, nesta quenda están a parar, segundo a CIG, o 95% dos traballadores de Alonarti e Denso, o 90% en Domiberia, o 50% en Prosegur BPO e máis do 40% en Asientos de Galicia, TRW-Dalphi e Plastic Omnium.
Na planta de Einsa As Pontes, segundo engade, máis do 50% das mulleres desta quenda secundaron o paro laboral de 00,00 a 2,00 horas.
Tamén destaca esta organización que en Ingapan, en Lugo, un grupo de mulleres secundou o paro, "nunha empresa na que non é habitual que o persoal responda as convocatorias de folga, o que dá boa conta do alcance desta folga".
Pola súa banda, a CIG espera un seguimento "amplo" no paro de 12,00 a 14,00 horas e tamén nas numerosas mobilizacións convocadas para este xoves.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.