Nace a Cátedra Ardán para contribuír á creación de riqueza en Galicia a través da investigación

Universidade de Vigo e Zona Franca achegarán, cada unha, 60.000 euros anuais.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 09/03/2018 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

Contribuír á creación de riqueza en Galicia a través do estudo e a investigación da evolución económica e dos distintos factores que determinan a competitividade dos territorios e das empresas. Estes son os principais obxectivos da nova Cátedra Ardán, posta en marcha froito da colaboración entre Universidade de Vigo e Zona Franca.

Sinatura do convenio para a creación da Cátedra Ardán
Sinatura do convenio para a creación da Cátedra Ardán | Fonte: UVigo.

O reitor da Universidade de Vigo e a delegada do Estado na Zona Franca de Vigo asinaron este venres o convenio de colaboración entre ambas as institucións, que permite poñer en marcha unha iniciativa que nace cunha vixencia de catro anos, ao longo dos que o consorcio achegará anualmente 60.000 euros e a universidade outros tantos, en concepto de medios materiais, equipos de coñecemento e experiencia investigadora e docente, informa Mª del Carmen Echevarría, do Diario da Universidade.

Na presentación da cátedra, que Salustiano Mato cualificou de “histórica”, o reitor da Universidade de Vigo destacou a súa importancia estratéxica e “o salto cualitativo que supón na colaboración dos estudos económicos, econométricos e de empresa, que ao longo de 25 anos fixemos Zona Franca e a Universidade”.

Pola súa banda, Teresa Pedrosa asegurou que este convenio constitúe “unha alianza estable que mellora a elaboración da información económica e sobre todo do valor engadido da información recollida polo informe Ardán”.

Ao abeiro da cátedra, na que participará a agrupación estratéxica da Universidade de Vigo Ecobas e os grupos investigación GEN e REDE, elaboraranse estudos sobre o desenvolvemento da competitividade da economía galega e sobre a coxuntura económica rexional, así como investigacións sobre factores de competitividade empresarial e medidores do desempeño e a xestión empresarial, orientados á mellora das organizacións.

Outras actividades contempladas no convenio subscrito son a investigación de actividades emerxentes ou sectores cun alto potencial de desenvolvemento e o seu impacto en Galicia, o deseño de ferramentas de posicionamento competitivo para as empresas, a actualización das bases metodolóxicas de Ardán, así como facilitar o seu uso como ferramenta de investigación de ámbito académico.

O reitor da Universidade de Vigo explicou que tras 25 de anos de colaboración na elaboración do informe Ardán, “nos últimos tempos vimos como xurdían novos produtos e estudos de carácter innovador e isto merecía un salto de nivel e a constitución dunha cátedra porque estabamos a xerar estudos con rigor científico para enfrontar novos retos, como a forma de facer o tránsito á economía do coñecemento”.

Pola súa banda, a delegada do Estado na Zona Franca reiterou a importancia que para o organismo que dirixe ten investir en análise e coñecemento. “A Cátedra vainos permitir afondar no coñecemento da realidade empresarial noutras materias que están de moita actualidade, como por exemplo o índice de igualdade de xénero no que levamos traballando un ano, así como a economía circular, un índice a través do que medir a eficiencia das empresas en cuestións como reciclaxe e reutilización”, explicou Pedrosa.

Mato, que agradeceu o labor de “mecenado directo e moderno” que considera que está realizar Zona Franca, pensa que a Cátedra Ardán establece un marco de traballo “con fiestra aberta e fluxo dinámico ao longo dun ano de xeito ininterrumpido, ao tempo que dá continuidade e estabilidade á nosa colaboración”. Mentres, a delegada da Zona Franca apuntou que, coa posta en marcha desta cátedra “imos ser quen de mellorar o coñecemento da realidade da empresa galega para tomar decisións que supoñan unha mellora da competitividade, da igualdade, da reutilización, da globalización e en resumo da intelixencia de do talento das nosas empresas”, sinalou Teresa Pedrosa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta