Por Alberto Quian | Vigo | 14/03/2018 | Actualizada ás 22:00
Unha tregua até o próximo xoves 22 de marzo, como "mostra de boa vontade". Esta é a marxe que lle dan ao Sergas e a empresa Acciona os traballadores da limpeza do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo —o gran proxecto sanitario da Administración Feijóo— para resolver o grave problema que sofre este servizo. A escaseza de persoal nas quendas da mañá, tarde e noite, a falta de cursos de formación para os traballadores, a sobrecarga de traballo e o "incumprimento" do convenio asinado coa concesionaria levaron a un mes de mobilizacións que agora os traballadores suspenden temporalmente —unha semana—, agardando ser correspondidos polo Sergas e a empresa.
Despois de catro semanas de protestas no hospital, os empregados da limpeza decidiron este mércores, en asemblea, paralizar as súas mobilizacións, en forma de protestas desde a entrada principal do hospital ata as oficinas da Xerencia. Pero avisan desde o comité de empresa (representado por CIG, CCOO e CGT): "Se o próximo xoves non temos unha solución, non descartamos outras accións".
As reivindicacións dos traballadores da limpeza do Cunqueiro baséanse en catro puntos: cursos de formación en limpeza hospitalaria para o persoal para evitar riscos sanitarios, que se cumpran as presenzas mínimas diarias de persoal para exercer unha limpeza con garantías, que do traballo de recollida de roupa ata o punto sucio se encargue o persoal do Sergas e non o de limpeza, como está acontecendo, e por último, que se cumpra a substitución de ausencias ao 100% na quenda da noite.
Sobre a formación do persoal de limpeza, o comité denuncia que "non se imparten cursos minimamente axeitados ao persoal que non traballara antes en limpeza hospitalaria e descoñece as características dos produtos, protocolos de limpeza, etc.". Isto, alertan, deriva nun "servizo con máis riscos e menos garantías tanto para os traballadores como para os pacientes" do hospital.
"Levamos dous anos pedindo cursos de formación para a xente que entra nova, pero como supón un investimento económico, dannos largas", láianse desde o comité, que avisa dos problemas de hixiene e dos riscos de saúde que se derivan deste problema.
Os traballadores tamén esixen que se cumpra co que "recolle o prego de condicións" do propio Servizo Galego de Saúde sobre a obrigatoriedade de que sexa o persoal do Sergas, e non o da limpeza, o que recolla e leve a roupa até os puntos sucios, condición que, din desde o comité, "se nos recoñeceu e prometeu nun escrito selado e asinado por Acciona", que se comprometeu a que se empezaría a aplicar a partir do 9 de xaneiro de 2018. Porén, esta cuestión tampouco foi resolta, "despois de facilitarlles tres prórrogas", censura o comité, que acusa a empresa de "enganalos" por encargarlles unha tarefa que, como se demostrou, non lles corresponde e lles resta tempo de limpeza, contribuíndo a empobrecer aínda máis a calidade do servizo.
"O prego de condicións do Sergas asigna as tarefas de cada colectivo. E a retirada de roupa ata o punto sucio é tarefa dos auxiliares de enfermaría. Isto, tras un ano de batalla, e despois de conseguir nós ese documento, é recoñecido tanto pola concesionaria, como polo propio Sergas. E tras facilitarlles varias prórrogas, a empresa dinos que xa hai acordo e dános un escrito asinado e selado dicindo que a partir do 9 de xaneiro efectivamente o persoal sanitario retomará esta función que é súa", detallan os traballadores, que denuncian "presións" para que continúen realizando esta tarefa "voluntariamente".
Os representantes do colectivo teñen moi claro que "se está a incumprir o convenio colectivo asinado hai dous meses".
No que se refire ás substitucións por ausencias ao 100% na quenda da noite, o comité recorda que esa é a rolda con menos persoal asignado, tan só cinco persoas, que "se ven desbordadas cando falta algunha delas". "De noite fanse moitos traballos. E funcionan moitas cousas, como as urxencias, partos, ingresos, etc., co engadido das distancias e o tempo que leva chegar ao sitio", engaden fontes do comité consultadas por Galicia Confidencial.
A sobrecarga de traballo tamén afecta as quendas de día e de tarde, onde non se están cumprindo as presenzas mínimas diarias necesarias para cubrir con eficacia e eficiencia o servizo e acordadas coa empresa.
O comité reclama que se fagan máis contratos de traballo para cubrir as presenzas diarias asinadas e o 100% de ausencias na quenda da noite. En concreto, o acordo establece en 62 o número mínimo de traballadores na quenda da mañá, 50 na da tarde, máis os cinco da noite. Porén, esas cifras "non se cumpren nunca" porque "non se cobren baixas nin xubilacións...".
MIL SACOS DE ROUPA SUCIA, 14 QUILÓMETROS DE DISTANCIA
Para facerse unha idea da enorme carga de traballo que soporta o persoal de limpeza do Hospital Álvaro Cunqueiro, un dos traballadores, e membro do comité, dá a este xornal cifras que evidencian o problema. Por exemplo, nunha fin de semana, unha persoa de limpeza pode recoller uns mil sacos de roupa sucia. E nunha soa xornada chega a percorrer uns 14 quilómetros empurrando carros. Hai poucas mans e pernas para 192.000 metros cadrados que teñen que cubrir cada día nun hospital de medidas colosais.
Esta sobrecarga de traballo podería chegar ao seu fin en breve, se finalmente a xerencia do Sergas e a empresa concesionaria —Acciona— acceden a resolver as carencias e problemas do persoal de limpeza. Solicitaron tempo para facelo, até o próximo xoves 22 de marzo, e os traballadores accederon a conceder ese prazo e paralizarán as mobilizacións durante unha semana, "como mostra de boa vontade", expoñen. Con todo, desde o comité confésanse "pesimistas" e non descartan outras accións se non se satisfacen as súas demandas, aínda que isto tería que ser consensuado en asemblea de traballadores.
A situación, din, é "pésima". "A limpeza está feita unha merda. Isto é un hospital, non unha fábrica de patacas, e é unha mágoa que os responsables non se decaten disto", lamentan as fontes do comité consultadas por este xornal, que avisan de que a precariedade coa que teñen que traballar "inflúe na saúde da xente", que "ao final é o máis importante": "Hai operacións que logo requiren dobre limpeza do quirófano, 40 minutos primeiro e logo outra vez, e como non hai suficiente persoal, a empresa dinos que só fagamos unha limpeza e xa abonda. E aí opérase outra persoa despois, co que iso supón...", lamentan os traballadores.
"O problema", engaden, "é que a sobrecarga de traballo fai que teñamos que ir restando tempo a unhas tarefas para facer outras". "Se nós temos que facer o traballo das enfermeiras e transportar a roupa aos puntos sucios, non temos tempo para limpar quirófanos ou habitacións", argumentan os traballadores da limpeza, que culpan a Acciona de terlles enganado ao enconmendarlles esta tarefa que, legalmente non lles corresponde, pero tamén á Xunta por "recortar persoal nos hospitais", cargándolles a eles tarefas extras.
A súa petición é sinxela: "Que a empresa cumpra o que asinou e non está facendo". Acciona e o Sergas teñen oito días para cumprir coas súas obrigas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.