Menos medios e menos xornalistas en galego que en catalán e éuscaro

Un estudo sobre os sistemas mediáticos de dez linguas minoritarias europeas evidencia o atraso do xornalismo en galego: os países cataláns multiplican por 12 e os territorios vascos por dous o número de medios en lingua propia que ten Galicia. Mentres alí a prensa é un piar fundamental para o idioma, aquí os xornais seguen xogando un papel residual e é a radio a que mantén maior compromiso coa lingua.

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 05/04/2018 | Actualizada ás 22:15

Comparte esta noticia

Galicia ten menos xornalistas e menos medios en lingua propia que os países cataláns e euscaldúns. Así o reflicte un estudo sobre a realidade do ecosistema mediático das linguas minoritarias europeas entre 2009 e 2016, realizado por investigadores da Universidade do País Vasco e da Autónoma de Barcelona. As dez linguas minoritarias analizadas e os seus respectivos sistemas de medios son: galego, éuscaro, catalán, corso, bretón, frisón, irlandés, galés, gaélico-escocés e saami.

Asociación de Medios en Galego (AMEGA)
Asociación de Medios en Galego (AMEGA)

A lingua catalá é, con diferenza, a máis normalizada, representada e defendida en 757 medios, segundo os datos de 2016. Por detrás, e xa lonxe, atópase en segundo lugar o éuscaro, con 123, e o galés, con 84. O galego ocupa o cuarto lugar, con 60 medios.

As cifras son preocupantes, xa que o número de falantes de catalán (7,2 millóns) é 3,27 veces superior ao de galegofalantes (2,2 millóns), pero a proporción de medios en galego é 12,6 veces inferior. 

Ao comparar a realidade lingüística galega coa vasca e os seus sistemas de medios, sucede máis do mesmo: o galego é falado por unha poboación case 2,5 veces maior ca que fala éuscaro (0.9 millóns de falantes), pero o número de medios en éuscaro dobra aos que usan a lingua galega. Datos alarmantes.

Esa posición de inferioridade do galego vén dada tamén pola falta de compromiso dos xornalistas coa súa lingua propia. Mentres en Cataluña se contabilizaban no ano 2016 nada menos que 3.419 xornalistas exercendo a súa profesión en catalán, e no País Vasco, 577, Galicia só contou con 339 profesionais traballando en medios en galego, a maior parte deles —8 de cada 10— na Televión de Galicia e na Radio Galega (os dous medios públicos autonómicos e que, por lei, teñen a obriga de usar o idioma propio).

Con todo, a lingua galega é a terceira das dez analizadas con maior representación de xornalistas. Pero ao comparar a realidade galega coa vasca e catalá, é inevitable acender as alarmas: o número de xornalistas en galego é dez veces inferior ao de profesionais en catalán e 1,7 veces menor que os que traballan en éuscaro.

PRENSA TRADICIONAL, A MENOS COMPROMETIDA CO IDIOMA

Os números son elocuentes: a prensa tradicional é onde menos se aposta pola lingua galega, ao contrario do que acontece nos sistemas mediáticos catalán e vasco; mentres que a radio é predominante no sistema en galego.

Dos 60 medios en lingua galega contabilizados en 2016, só 15 (25%) eran xornais (diarios ou semanais) en papel. A radio é o medio que sustenta o galego, con 28 emisoras emitindo na lingua propia do país (46,7% do total dos medios en galego). Os cibermedios en lingua galega sumaban 16 cabeceiras (26,7% do total), mentres que televisións tradicionais en lingua propia só se contabilizou unha, a TVG.

Pola contra, no País Vasco a prensa tradicional segue sendo a principal táboa do éuscaro, representando esta o 54,5% do total dos medios que se editan na lingua vasca. Algo semellante acontece no caso do catalán, para o que a prensa tradicional suma o 44,1% do total de medios nesta lingua, sendo os que mandan.

Sorprende o baixo peso dos cibermedios, que no caso do éuscaro representan o 14,6% e no catalán, o 17,3%, por debaixo do galego en termos porcentuais, se ben o número de medios electrónicos en catalán é oito veces maior que os que se publican en galego (131 vs 16). No caso vasco, os cibermedios en éuscaro son 18, só dous máis que os galegos, pero para unha poboación moi inferior á galegofalante.

No que se refire aos xornalistas, tan só o 6,5% dos que usan o galego traballan en prensa tradicional, fronte a un 39,5 dos que traballan en radio, un 45,1 dos que o fan en televisión e un 8,9 dos que informan en cibermedios.

O dato é aínda máis alarmante se se compara, de novo, co País Vasco, onde case a metade dos xornalistas da prensa tradiciomal (48,7%) usa o éuscaro. Esa porcentaxe redúcese no caso do catalán ao 32,5%, con todo, segue sendo moi superior —cinco veces maior— ao da realidade galega, onde radios e televisións —principalmente a TVG e RG— maquillan a tristura da lingua galega no sistema mediático do país, a cal contrasta coa alegría do catalán e do éuscaro. 

PANORAMA XERAL

En conxunto, para os dez sistemas mediáticos analizados no estudo, atopouse que durante o período 2009-2016 un total de 158 organizacións de noticias deixaron de publicar por completo; 57 desapareceron en fusións con outras compañías, 58 experimentaron transformacións internas, como cambiar o seu nome/cabeceira ou a plataforma de publicación, é dicir, pasar da televisión terrestre local a televisión só en liña ou ao cibermedio, por exemplo; 146 novas organizacións de medios comezaron a funcionar durante eses anos, e ata 20 novas empresas novas fracasaron e pecharon. A maior parte de todos estes cambios producíronse no ecosistema mediático catalán.

"Segundo os nosos cálculos, 439 movementos (peches de medios, fusións, transformacións internas e novas empresas) tiveron lugar nese período, que parece prolífico para dez sistemas de medios que suman 1.076 medios de comunicación", salientan os autores do estudo, que subliñan que "a maioría das perdas ocorreron dentro dos medios tradicionais de alcance local e propiedade pública".

No global, o saldo é negativo para o conxunto das linguas minoritarias europeas, cun 6,1% menos de medios, se ben os autores volven repetir que "a maioría dos cambios ocorreron na comunidade catalá e, en menor medida, nos sistemas de medios vascos e irlandeses", principalmente. De feito, por exemplo, case o 90% da redución en medios tradicionais tivo lugar no sistema de medios catalán (146 de 162), un 10% noutras tres comunidades (nove vascos, cinco irlandeses e tres galegos) e peches dun só medio no sistema frisón, corso e gaélico-escocés.

Doutra banda, o aumento dos cibermedios entre 2009 e 2016 produciuse en seis sistemas: catalán, eúscaro, galés, galego, irlandés e frisón. Cuantitativamente, o caso máis significativo é a comunidade catalá (80 medios), onde o 73% dos novos cibermedios eran locais e o 27% de alcance xeral.

Un aspecto interesante é a evolución do emprego, que experimentou unha diminución neta do 14,6% (824 xornalistas menos). Pero esa contracción ocorreu en seis sistemas de medios, con maiores perdas nas comunidades catalá, galega, frisoa e irlandesa; os outros catro (galés, saami, corso e gaélico-escocés), pola contra, aumentaron o seu número. 

Centrándose na estrutura dos medios, os dez sistemas pódense clasificar en tres grupos segundo o seu tamaño e desenvolvemento ao longo de varias variables: o nivel superior, ocupado polo sistema de idioma catalán e que absorbe o 70,7% do total europeo; o nivel medio, composto por catro sistemas de medios (vasco, galés, galego e irlandés), e o nivel inferior, con cinco sistemas de medios (bretón, frisón, saami, corso e gaélico-escocés).

Outro parámetro que axuda a clasificar os sistemas de medios, e a establecer dous grupos, é o número de medios locais: nos catro sistemas de medios máis desenvolvidos (catalán, vasco, galés e galego), a porcentaxe de medios locais está por enriba de dous terzos do total, mentres que os outros seis sistemas de medios teñen moi poucos.

Nos casos do catalán, eúscaro, galego, irlandés e saami, ademais, os medios privados representan ao redor dun terzo, o que os autores consideran "positivamente significativo para a comunidade e o idioma". 

Os resultados do estudo veñen de publicarse na International Communication Gazette nun artigo titulado 'Facts and transformations in European minority language media systems amid digitalization and economic crisis'. O traballo está asinado por Iñaki Zabaleta, Arantza Gutierrez, Itxaso Fernández e Nikolas Xamardo, da Universidade do País Vasco, e Carme Ferré-Pavia, da Autónoma de Barcelona. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta