Por X.M. Fernández | Quiroga | 23/03/2018 | Actualizada ás 11:00
Quiroga aposta pola tradición e a cultura musical galega dándolle pulo e promoción ao Certame Celtibérico de Gaitas que se celebra por terceiro ano consecutivo no concello. Este encontro reunirá a bandas das provincias de Lugo e Ourense pero tamén doutros lugares tanto de Galicia como de ámbito peninsular. Como novidade, este ano haberá presenza internacional xa que participarán a gaiteira iraní Liana Sharifian e a xaponesa Mikiko Watanawa. Estas dúas músicas ofreceron unha mostra do seu talento na presentación do evento que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia o mércores.
O evento está organizado polo Concello de Quiroga en colaboración co de Manzaneda e a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense e farase na Praza de España o día 31 de marzo ás 12.00 h. No mesmo, homenaxearase a Xavier Coia, mestre gaiteiro de Velle, e presentará o acto Luis Rial.
Pregoeira televisiva
Seguindo a liña de edicións anteriores, a persoa escollida para dar o pregón é unha cara coñecida da televisión, concretamente de Telecinco. Trátase de Carlota Corredera, xornalista galega orixinaria de Vigo que desenvolve a súa labor profesional como presentadora e directora de “reality-shows” da produtora La Fábrica de la Tele dos que destacan nestes últimos anos “Sálvame”, “Sálvame Deluxe” e o máis recente, “Cámbiame”. O pasado ano saíu á venda o seu primeiro libro: “Tú también puedes: como conseguí perder 60 kilos y ganar salud”.
Coa elección de Corredera preténdese repercusión nos medios e redes sociais e atraer o maior número posible de visitantes a Quiroga durante a Feira do Viño. Argumento ou criterio este que sempre está en boca de todos e bipolariza a opinión dos quirogueses. O pregón será o sábado 31 ás 20.30 horas no recinto feiral.
Concurso de tapas
E para “abrir boca” entrando na semana grande do viño en Quiroga do 22 ao 30 terá lugar o “Quiroga de tapas”, concurso de petiscos ao que este ano se apuntaron 13 establecementos da hostalería local. Haberá importantes premios para os que acaden cubrir o tapacartón cos selos dos locais participantes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.