Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/03/2018 | Actualizada ás 11:57
A borrasca 'Hugo', que afecta a Galicia durante esta fin de semana, deixou fortes ventos, que alcanzaron os 129,6 quilómetros por hora no municipio costeiro de Viveiro (Lugo), e un total de 152 raios en dez horas durante a madrugada do venres ao sábado. Tamén dous tornados afectaron aos concellos de Cambados e Cee.
Segundo os datos recollidos por Meteogalicia, o refacho máximo de vento rexistrouse en Penedo do Galo, en Viveiro, ás 03,00 horas. Cedeira foi o seguinte punto máis afectado o vento, cun refacho de 117'5 km/h en Punta Candieira, ás 02,00 horas. As temperaturas caeron até os -5,4 graos, na provincia de Ourense, en concreto, no lugar de Xares, na Veiga, ás 03,10 horas.
Ademais, en tan só dez horas, rexistráronse un total de 152 raios en Galicia, concentrados na provincia da Coruña e na zona costeira da de Lugo. A maioría producíronse entre as 00,00 e as 06,00 desta madrugada.
Debido á borrasca 'Hugo' está activada a alerta laranxa por vento desde as 16,00 deste venres, con previsión de refachos de até 100 quilómetros por hora, e laranxa por nevadas desde as 00,00 horas. Na costa, hai alerta vermella desde as 08,00 horas deste 24 de marzo, por ventos de forza 8 a 9 e mar combinada de 8 a 9 metros de altura.
Os municipios de Cambados (Pontevedra) e Cee (A Coruña) sufriron danos na tarde deste venres como consecuencia de senllos tornados, e un raio caeu na madrugada sobre un edificio da localidade coruñesa de Miño, segundo informou o servizo de emerxencias do 112 Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.