A Xunta aumenta un 9% as subvencións aos medios mentres que a suba das pensións é dun 0,25%

O Goberno galego leva xa destinados máis de 17 millóns de euros en campañas aos medios en distintas partidas 2017-2018, sen contar outros convenios das distintas consellerías. Na nova orde, a Secretaría Xeral de Medios, incorpora novidades con respecto ao uso da lingua galega, aumentando dun 8 a un 10% o seu uso.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 27/03/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Xunta segue a súa política de enchufar diñeiro público aos medios privados e, este ano, cunha partida moito máis avultada que no 2017, 300.000 euros, o que supón un 8,4% máis que hai un ano. Unha suba que se acumula a que xa se fixo en 2016, de xeito que, en tres anos, a Xunta incrementou case un 50% estas partidas en contraposición a oferta lanzada polos populares para subir tan só un 0,25% as pensións. 

Os medios de comunicación tradicionais están sufrindo unha fonda crise
Os medios de comunicación tradicionais están sufrindo unha fonda crise | Fonte: prnoticias.com

En total son 1.976.000 euros, fronte aos 1.675.000 euros do pasado ano ou os 1.135.000 de 2015. E iso, a pesar de que a o Goberno de Feijóo insiste en que aínda non saímos da crise económica, unha crise que xustifica para realizar recortes ens servizos básicos esenciais, principalmente, a sanidade, as pensións ou os servizos sociais. 

Este diñeiro será canalizado pola Secretaría Xeral de Medios a través da concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, é dicir, case de xeito discrecional, destinadas a empresas xornalísticas e de radiodifusión para promover a “liberdade de prensa” entre medios “plurais e independentes”.

Así, a Xunta xustifica estas axudas aos medios privados apelando á liberdade de expresión. “A liberdade de expresión e de difusión constitúe un dereito fundamental e unha das bases esenciais de convivencia democrática, valores que os poderes públicos deben garantir, non só removendo os obstáculos que impliquen ou dificulten a súa plenitude senón promovendo a participación de todos os cidadáns na vida política, económica e social”, apunta a Secretaría Xeral de Medios para xustificar estas axudas.

Fomentar medios "plurais e independentes"

Tales obxectivos, engade, “son evidentemente inalcanzables sen uns medios de comunicación plurais e independentes” que cheguen, “na súa virtualidade de información e incidencia na conformación da opinión e posturas, a todos os galegos”. Por iso, insiste, “faise necesario que o Goberno galego poña os axeitados instrumentos de financiamento ao servizo da potenciación e difusión dos medios de comunicación”.

Feijóo e o editor de La Voz Santiago Rey
Feijóo e o editor de La Voz Santiago Rey | Fonte: GC

Con todo, e a pesar de apelar á lingua, á cultura e á galeguidade, case a totalidade destas axudas van para as grandes familias mediaticas de Galicia que publican en español, e delas quedan excluídas practicamente os medios en galego. Así, o grupo Voz, que recibe axudas por triplicado ao seu xornal en papel, o seu xornal dixital e a súa radio e Prensa Ibérica (Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña), son os grupos máis beneficiados. Síguelles o grupo El Progreso (El Progreso de Lugo, Diario de Pontevedra, Galiciae e Axencia Galega de Noticias), o grupo La Región (La Región de Ourense e Atlántico Diario) e o Grupo La Capital (El ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e DxT). 

Tamén Editorial Compostela (editor de El Correo Gallego, Radio Obradoiro e Correo TV) sempre foi un dos máis beneficiados, a pesar de que nos últimos tempos as súas contas estiveron embargadas por decisión xudicial. Ademais dos medios tradicionais galegos reciben anualmente importantes axudas grupos como o ABC, El Mundo, Intereconomía, a Cadena Cope ou a Cadena Ser, entre outros.

A nova liña de axudas da Xunta mánten os 1.255.000 de euros para xornais en formato papel, e os 266.400 euros a empresas radiofónicas pero triplica a cantidade para as empresas xornalísticas que difundan a súa actividade informativa mediante internet, que soen ser, na maioría dos casos, as divisións dixitais dos grandes medios en papel.  Así, esta partida pasa de 153.000 euros a 455.000.

NOVIDADES CO USO DO GALEGO

Pero esta non é a única novidade, nas novas axudas da Xunta aumentanse do 8% ao 10% o volume de informacións en lingua galega nos medios escritos. Un requisito que, a pesar de aumentar, non impide que, ano tras ano, sexa incumprido por algúns medios de comunicación sabedores de que non existe ningún tipo de control ao respecto.

Con todo, a Xunta tamén recolle, por primeira vez como “uso do galego” as citas en galego que se utilizan en informacións redactadas en castelán. “Nas informacións redactadas en castelán respectarase a lingua das declaracións da fonte ou da persoa entrevistada, sempre que as citas sexan transcritas en estilo directo”, asegura.

Nesta orde de axudas tamén se incorpora outro parágrafo que indica que “as empresas comprométense a manter ou incrementar progresivamente o uso da lingua galega nas emisións ou cabeceiras ata o 31 de decembro do ano natural da correspondente convocatoria”. 

Finalmente, tamén se recolle, por primeira vez a “a oferta positiva establecida no Plan xeral de normalización da lingua galega, cando menos na relación xornalística cos representantes dos cidadáns e cargos de responsabilidade pública”. Así, para estes efectos, “a oferta positiva consiste na adopción do galego como lingua de contacto inicial entre a empresa e a persoa entrevistada”.

17 MILLÓNS

Esta é a terceira gran convocatoria de axudas da Secretaría Xeral de Medios que, con esta, xa suma 4,2 millóns de euros para propaganda institucional en 2017 e 2018 e case 17 millóns, con esta última convocatoria de axudas, no conxunto dos departamentos da Xunta. Así,  no Acordo marco para o servizo de elaboración, producción e plan de medios de campañas institucionais da Xunta de Galicia en datas relevantes para a Comunidade Autónoma nos anos 2017 e 2018, a Xunta  destina 1.720.000 euros con IVE.  Entre estas campañas están “dúas principais” no 25 de xullo, Día de Galicia e no 17 de maio, Día das Letras Galegas. Tamén outras campañas menores sobre datas sinaladas e de alcance institucional a definir pola administración.

O outro acordo marco é para un servizo de elaboración das creatividades necesarias para o desenvolvemento de distintas campañas de comunicación e institucionais da Xunta de Galicia 2017-2018. En total,  950.000 euros con IVE. Neste caso, o importe deste concurso triplica a cantidade destinada no bienio anterior que foi de pouco máis de 200.000 euros.

Mar Sánchez Sierra, secretaria xeral de Medio, e Nuñez Feijóo
Mar Sánchez Sierra, secretaria xeral de Medio, e Nuñez Feijóo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 10 comentarios

7 LOL

El ex editor de La Voz de Galicia vuelve a los medios de comunicación https://www.mundiario.com/articulo/...

6 Alf

Nerviosismo hoxe na Voz: https://galicia.economiadigital.es/...

5 Braisiño

Non hai ningún xuíz que pare este latrocinio de diñeiro público?

4 Tino

La voz antigallega = panfleto subvencionado y corrupto pepero

3 Blanca

Hasta cuán podremos solucionar estos problemas culturales y económicos. Tendrán que pasar 3 generaciones viviendo mal, por lo visto. https://www.cultura10.org/zapoteca/