Por Galicia Confidencial | | 03/04/2018 | Actualizada ás 12:25
O Ministerio de Medio Ambiente recoñeceu que os eucaliptos son especies exóticas e invasoras e deberían erradicarse. E como chegou a esta conclusión?....Pois todo se debe a unha iniciativa adoptada polo Concello de Teo que, como algúns outros en Galicia, aprobou o pasado ano unha moción a prol da biodiversidade e contra a eucaliptización que incluía unha solicitude ao Ministerio (de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente) para a inclusión do eucalipto no Catálogo Estatal de Especies Exóticas e Invasoras.
A novidade é que o concello trasladou o acordo ao Ministerio (D. G. de Calidad y Evaluación Ambiental). Dende Madrid retrucaron ao concello de Teo que probara o carácter invasor do eucalipto, polo que solicitouse un ditame ao Comité Científico Estatal de Flora e Fauna Silvestres.
O devandito Comité Científico resolveu por unanimidade tanto dos seus integrantes como dos expertos consultados, que existen abondantes evindencias científicas que certifican o carácter invasor do eucalipto, polo que recomendan a súa inclusión no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras (RD 630/2013).
CARACTERISTICAS PARA ESTA CATEGORIZACIÓN
O seu rápido crecemento e alta adaptabilidade a todo tipo de chans, fan que especies de eucaliptos como o E. globulus, E. nitens, E. camandulensis, E. gomphocephala, E. gunnii e E. sideroxylon, entre outras, sexan para o Comité Científico "nocivas para o medio natural dos lugares onde se cultivan".
Entre as razóns aportadas é que provocan o empobrecimento das cadeas tróficas, pola dificultade da descomposición das follas, “o que inibe a incorporación de materia orgánica ao solo e a mineralizacfión do nitóxeno”.Tamén, di, alteran as propiedades físico-químicas, bioquímicas e microbiolóxicas do solo, en maior medida que os lumes en bosques autóctonos de carballos; e diminúen o balanzo hídrico do chan.
“Amosan actividade allopática, dificultando a xerminación e o crecemento doutars especies”, engade o informe e provocan perda de biodiversidade tanto vexetal como animal, aumentando o risco de instalación doutras invasoras. “Supoñen tamén unha fragmentación dos ecosistemas naturais. Colonizan espazos abertos, desprazando ás colonizadoras autóctonas, sobre todo despois dos lumes, o que fai que actúen como as malas herbas", apunta.
Ademais, o informe do Comité suliña que son difíciles de erradicar, polo que o seu control supón un alto custo para a economía e “teñen un elevado risco de lumes pola acumulación de follas e a presenza de aceites inflamábeis”. Por iso, indica que as zonas plantadas con eucaliptos !”poden entrar nun bucle de retroalimentación (o eucalipto favorece o lume e este favorece ao eucalipto sobre outras especies) que resulta difícil de rachar”. Favorecen, tamén, a introdución de especies asociadas, insectos e fungos, que desprazan ás autóctonas.
ERRADICACIÓN
Xa que logo, o Comité conclúe que "calquera especie ou híbrido de Eucalyptus introducida para a explotación forestal debe considerarse potencialmente perigosa para o medio natural e debe tratarse do mesmo xeito, evitando sa súa naturalización e erradicándoa no intre de detectar a súa naturalización".
A pesar das numerosas evidencias científicas que amosan o carácter invasor e potencialmente perigoso para o medio natural do eucalipto, Adega denuncia que tanto o Ministerio como a Xunta seguen a facerlle o xogo á patronal pasteiro-enerxética.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.