O último informe das Catedrais alertaba do risco de desprendementos en período de chuvias

O investigador José Ramón Vidal Romaní apunta cara á presión humana como principal factor de deterioración actual do monumento.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/04/2018 | Actualizada ás 18:40

Comparte esta noticia

O último informe xeolóxico elaborado sobre a Praia das Catedrais, en setembro de 2017, alertaba da "inestabilidade" dos cantís e do risco de desprendementos na zona, unha situación que se vería "incrementada despois de períodos chuviosos" como os acontecidos nas últimas semanas.

Plaia das Catedrais en Lugo
Plaia das Catedrais en Lugo

O informe, elaborado polo investigador José Ramón Vidal Romaní a petición da Consellería de Medio Ambiente dentro do plan de xestión da praia, apunta cara á presión humana como principal factor de deterioración actual do monumento, tal e como xa avanzou Galicia Confidencial este luns, ademais da auga. Independentemente do proceso erosivo natural do mar, que tamén recolle este informe, o estudo recoñece que "os principais axentes destrutores" das Catedrais son a presión humana e a "meteorización continental", coa infiltración de auga de choiva ou escorrentía nos cantís.

Por iso, apunta que é "prioritario" impedir o "aumento da deterioración" da capa de vexetación na parte superior dos cantís, que favorece a estabilidade do monumento. Esta capa vexetal, indica, está afectada polo propio paso de persoas nesta parte. "Todos os desprazamentos a pé pola rasa deberían facerse de modo que non se danase a cuberta vexetal existente", di o estudo, que recoñece a "situación inestable da roca na parte superior do cantil" e propón para iso unha pasarela de madeira.

CAÍDAS DE ROCHAS

"O risco para o público recae no posible desprendemento de materiais rochosos desde o noiro. O que se observa con maior frecuencia é que as caídas de rocas ocasionais son inmediatamente enterradas baixo a area pola propia dinámica de mariña, polo que non adoitan conservarse durante moito tempo evidencias físicas destes sucesos", apunta.

Este risco, recoñece o experto, "prodúcese en toda a rasa cantábrica". Con todo, As Catedrais presenta unha maior problemática por ser "unha zona máis concorrida", o que "incrementa a posibilidade" de que caian rochas. Nesta situación, e tendo en conta que "non se poden predicir con exactitude cando se producirán os desprendementos", o experto aposta por incrementar a información ao público de "os riscos que pode ocasionar achegarse ao noiro, tanto na parte alta como baixa".

No entanto, si recoñece que poden terse en conta "períodos máis susceptibles" nos que poidan ter lugar estes desprendementos, principalmente "após fortes choivas, cando a auga de escorrentía infíltrase nas fisuras abertas".

O informe contén ademais un mapa da zona que sinala en cor vermella a área de costa que ten unha "probabilidade maior de desprendemento de elementos asociado a unha inestabilidade do noiro". Esta zona de maior risco inclúe o lugar no que o sábado perdeu a vida unha turista ao ser golpeada por unha pedra.

SEGUNDO INFORME

A pesar da existencia deste informe, a Xunta non fixo nada para previr posibles accidentes. Con todo, anunciou un segundo informe sobre a situación dos cantís da Praia das Catedrais. Este documento será complementario ao anterior e será presentado no verán, segundo dixo a Consellería de Medio Ambiente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta