Mozos e mozas achéganse ao galego con batallas regueifeiras entre institutos

A tradicional improvisación oral en verso do Courel forma parte do programa escolar Regueifesta que terá lugar na Pobra do Brollón.

Por Galicia Confidencial | Pobra de Brollón | 04/04/2018 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

As regueifas é o mellor xeito de achegarse e afondar no galego. E iso é o que fan os e as estudantes de varios institutos galegos con "batallas regueifeiras" para amosar o seu inxeñio no uso do noso idioma.

Alumnado de Regueifa de Vila de Cruces
Alumnado de Regueifa de Vila de Cruces

Precisamente, a Casa da Cultura “Olga Novo” de Pobra do Brollón, acollerá o vindeiro 5 de abril o Festival de Brindo a partir das 19.00. Este encontro forma parte dun programa impulsado entre o CEIP da Pobra do Brollón e o IES Marco do Camballón de Vila de Cruces, co apoio do Concello do Brollón. A intención é darlle impulso ao brindo entre a xente nova.

O pasado outono faleceu o último brindeiro do concello, José Veloso Valcárcel, da aldea de Forgas. Os irmáns José e Álvaro de Forgas fixeron historia como dous dos máis destacados improvisadores da comarca, xunto a outros repentistas do Courel como Angelita do Baño ou Antonio Rio de Louzarela.

NOVAS XERACIÓNS

Neste Festival do Brindo intervirá Antonio Río Montero, improvisador de 91 anos do lugar de Louzarela, do concello do Incio. Río Montero daralle a alternativa a Nuria Penas, repentista de 14 anos que estuda no instituto de Vila de Cruces, onde se formou como regueifeira, e que ten familia na Pobra do Brollón. Nuria Penas representa a nova xeración de brindeiras e actuará con Alba Maria, reguefeira de Vigo. Case todos os participantes son parte do alumnado da materia “Regueifa e improvisación oral en verso” das Cruces e do colexio do Brollón. Este último recibiu un Obradoiro de Brindo impartido por Sara Marchena e Alba María.

No Festival, actuarán ademais Lorena Medela, Aleixandra Torres e Carla Verde. Este Festival do Brindo quere visibilizar un dos maiores valores do patrimonio inmaterial desta comarca, a canción improvisada, un fenómeno que pervive en moi poucos territorios de Europa. Esta tradición oral está a ser impulsada en diferentes sistemas escolares do mundo para mellorar as habilidades lingüísticas e creativas do alumnado.

A actividade forma parte do proxecto escolar Regueifesta, que ten como obxectivo impulsar a improvisación en verso entre a xente nova. A Regueifesta xuntará estudantes de toda Galicia o vindeiro 2 de maio en Compostela, nun encontro no que participará tamén alumnado do País Vasco e de Cataluña. O alumnado do Brollón achegarase en representación da canción improvisada desta comarca, o brindo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta