Por Galicia Confidencial | Vigo | 09/04/2018 | Actualizada ás 09:00
As comunidades de montes afectadas polos lumes do pasado outono están preocupadas pola ausencia de xestión da madeira queimada sen valor comercial. A Xunta convocara axudas para a súa retirada, co compromiso de resolver as solicitudes antes do 31 de xaneiro, pero a inicios de abril esas axudas continúan sen resolve. “E isto cos conseguintes prexuízos para os montes veciñais porque, na práctica, isto non permite iniciar os traballos”, indican.
“Tendo en conta o preto que se está do inicio da época de alto risco de lumes, a partir do 31 de maio, non se entende a lentitude da Administración en facilitar a corta e trituración desa madeira”, suliñan nun comunicado. De feito, a propia Administración autonomica comprometérase o pasado outono a executar de oficio a retirada da madeira sen valor comercial que non puideran xestionar as comunidades, pero nada se volveu saber dese compromiso.
A Asociación Forestal de Galicia está a abordar estas preocupacións na ronda de reunións que está mantendo con comunidades de montes socias, a última das cales desenvolveuse a tarde do pasado xoves en Dodro (A Coruña), con comunidades de Barbanza, Arousa e Costa da Morte. O problema orixinado pola madeira queimada non comercial bloqueada en monte é especialmente significativo nos montes veciñais da provincia de Pontevedra, moi afectados pola vaga de lumes do pasado outono.
Desde a Asociación Forestal de Galicia considérase urxente acometer a retirada da madeira queimada non comercial para previr situacións de ‘selvatización’ do territorio e, como segundo paso, é necesario que a Administración poña en marcha un plan de rexeneración dos montes queimados. Estas esixencias serán un dos eixos principais da reunión que a Asociación ten solicitada coa Dirección Xeral de Ordenación e Produción forestal.
DESATENDIDOS
Outra cuestións que se está constatando nos encontros que mantén a Asociación Forestal de Galicia coas comunidades de montes socias é o sentemento común de estar desatendidas por parte da Administración. Os comuneiros critican os bandazos que se están a dar na lexislación forestal (cambios nas distancias entre plantacións forestais e vivendas, por exemplo), sen que a Administración lles consulte aos propietarios forestais. “Son esixencias normativas que, en moitos casos, é a propia Administración quen as incumpre, tal como acontece nas infraestruturas de comunicación que están baixo a súa xestión ou mesmo nos montes que xestiona en convenio, moitos dos cales se atopan nun estado lamentable”, indican.
Tamén critican os comuneiros que non se puxeran aínda os medios e incentivos necesarios para crear unha cadea industrial que innove, creando gamas de produtos que deriven na apertura de novos mercados e así evitar que a produción forestal só alimente á industria do papel e taboleiro. Nese sentido, faise necesario concienciar á sociedade da necesidade de consumir produtos derivados da madeira porque axudaría á mellora significativa dos nosos montes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.