Recuperan a memoria histórica no Val do Limia

Nace o Comité pola Memoria Histórica desta zona para rescatar o traballo de veciños e veciñas deste val durante a II República e a súa posterior represión.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 09/04/2018 | Actualizada ás 12:36

Comparte esta noticia

O día tres de marzo deste ano constituiuse o Comité pola Memoria Histórica do Val do Limia. O obxectivo é a recuperación de episodios históricos que “truncaron violentamente o noso pasado máis recente”, como din no seu comunicado de prensa.  Tal como dixo tamén Carlos Morais, un dos promotores deste Comité, “ata o de agora non houbo ningunha iniciativa referente á recuperación da memoria histórica no Val do Limia que tocase o acontecido na guerra do 39, tanto no franquismo como no post-franquismo”.

Muiños, na Baixa Limia - Serra do Xurés
Muiños, na Baixa Limia - Serra do Xurés | Fonte: Xunta.

As primeiras actuacións que prevén desde o Comité pola Recuperación da Memoria Histórica, son a creación dun comité científico para investigar “tanto o número de persoas que foron executadas ata investigar as biografías dos centos de persoas represaliadas, presas e ás que lles incautaron as propiedades”.

Nos vindeiros meses tamén está previsto organizar unhas xornadas con historiadores e historiadoras, non só para denunciar a represión senón o empobrecemento da comarca no tocante a condicións laborais e sociais. Tamén como foron as iniciativas que se tomaron desde o 1931 en canto a actividades agrarias para o desenvolvemento do lugar. O traballo de investigación buscará como se desenvolveron e tamén pedirá aos concellos que se lles recoñeza o seu labor ás persoas que fixeron posible aquel traballo de desenvolvemento.

O conflito armado trouxo, durante e despois, a represión de persoas que tentaron implementar novas vías de desenvolvemento para o seu espazo xeográfico. O Comité pola Memoria Histórica do Val do Limia (CMHVL) quere recuperar a memoria de todas e cada unha desas persoas para que “o esquecemento non lle impida ás novas xeracións coñecer unha das etapas máis brillantes da nosa historia contemporánea” en atribución aos homes e mulleres que quixeron mellorar as condicións de vida da comarca.

O CMHVL considera que as autoridades actuais están a desenvolver un “branqueamento do franquismo en curso” que está nunha “deriva autoritaria”. Isto impide que se podan levar adiante inciativas como a deste Comité no tocante á Memoria Histórica. Toda a información sobre próximos actos están subidos á páxina de Facebook do CMHVL.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta