Creánse brigadas deseucaliptizadoras en Galicia para erradicar esta especie invasora

Esta nova iniciativa, coordinada por Verdegaia, pretende activar brigadas locais nos concellos para axudar na reforestación dos montes con especies autóctonas.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 10/04/2018 | Actualizada ás 10:21

Comparte esta noticia

O próximo sábado 21 de abril ten lugar o lanzamento público dun novo proxecto, as Brigadas deseucaliptizadoras, unha iniciativa da asociación ecoloxista Verdegaia que ten coma obxectivo reforestar os montes galegos con especies autóctonas no canto de especies foráneas e invasoras. 

Traballos de plantación de especies autóctonas, como carballos e castiñeiros, en terrenos inzados de eucaliptos en Froxán (Lousame)
Traballos de plantación de especies autóctonas, como carballos e castiñeiros, en terrenos inzados de eucaliptos en Froxán (Lousame) | Fonte: Coluna San Fins

A súa primeira acción será na Área Conservada pola Comunidade Veciñal de Froxán, en Lousame. Esta intervención, a primeira das programadas en Froxán, levarase a cabo en varios hábitats de interese comunitario e interese prioritario, e realizarase de maneira sinérxica coas iniciativas de restauración de hábitats degradados promovidas pola Comunidade do Monte Veciñal en Man Común de Froxán e a Sociedade Histórica e Cultural «Coluna Sanfins».

“Esta xornada é só o inicio do proxecto de Brigadas deseucaliptizadoras. Conscientes de que son moitas as persoas que en todo o país están desexando realizar accións de voluntariado ambiental en relación aos coidados do monte e a evitación de lumes, pensamos que é preciso organizar e coordinar todo ese potencial”, indican desde Verdegaia. Con esa finalidade, e coa vista posta nas accións de restauración ambiental e na “deseucaliptización do monte galego”, esta entidade considera “urxente e prioritaria” a creación destas Brigadas.

O proxecto está tamén pensado para que calquera colectivo (comunidades de montes veciñais, asociacións veciñais, grupos de sendeirismo...) poida implicarse na organización dunha brigada local. Así, aqueles colectivos locais ou titulares de parcelas forestais que queiran establecer unha Brigada no seu territorio, poden anotarse tamén por medio da web, no formulario de incorporación de parcelas. “Priorizaranse, en todo caso, aqueles terreos que estean en zonas máis susceptibles de sufrir incendios, e as que alberguen hábitats naturais ou especies ameazadas”, engaden. 

Aquelas persoas que queiran participar nesta xornada deben anotarse na páxina web das Brigadas deseucaliptizadoras (verdegaia.org/brigadas/). A data límite para anotarse nesta primeira Brigada é o 16 de abril.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 7 comentarios

5 Iñaki

Aclaro: non existe directiva de Verdegaia Ferrol como tal; no colectivo todas somos persoas activistas e voluntarias. Os traballos das brigadas só se farán en colaboración cos particulares ou comunidades donas dos terreos que o desexen, no marco de iniciativas de recuperación e coidado do bosque autóctono e patrimonio natural e cultural do país. As brigadas non veñen a suplantar ás obrigas da administración na ordenación do monte, nin son a solución ao problema da eucaliptización. Só unha iniciativa de actuación no local e de sensibilización nun ámbito máis xeral, con vontade de seren replicadas por quen quixer, tamén con outras especies como as acacias.

1 Ai si claro

Aclaro: non existe eucaliptización só ignorancia, soberbia, prepotencia e auténtica inquina contra as xentes do rural por parte dos urbanitas.

4 postureo in green

moito pantalleo de fin de semana eco-guay e o que aho pareceme a min...

3 Guillerme Gintonic

E o directivo de Verdegaia Ferrol que vive dos eucaliptos que vai facer ?

2 Vide vide

Que o fagan nas súas leiras......ai non, que non teñen, só gobernan as dos demais.... Poñede un pe nas miñas e ides sair quentiños....panda de anacletos.

1 o home da eizada

aaamen... que lo car...o pillan de fouces e o rozan o limpian ...

1 anonimo

Unha moi boa iniciativa !