Científicos de Galicia coidan dos elefantes e rinocerontes de Kenia

O grupo Invesaga do Campus Terra analiza co Servizo de Fauna do país africano as infeccións parasitarias destes animais.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 12/04/2018 | Actualizada ás 13:02

Comparte esta noticia

O grupo de investigación en Sanidade Animal en Galicia (Invesaga), con sede na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da Universidade de Santiago (USC), colabora activamente co Servizo de Fauna de Kenia -Kenia Wildlife Service (KWS)- na identificación e determinación de infeccións parasitarias que afectan a rinocerontes e elefantes de diversas reservas naturais deste país africano.

Pablo Díez Baños, catedrático da Universidade de Santiago, examina un elefante con persoal do Servizo de Fauna de Kenia
Pablo Díez Baños, catedrático da Universidade de Santiago, examina un elefante con persoal do Servizo de Fauna de Kenia | Fonte: USC.

A colaboración que manteñen desde hai xa dous anos Invesaga —grupo de referencia competitiva da Xunta de Galicia— e a Rede de Estudo Multidisciplinar dos Ruminantes en Galicia (Rumigal) con veterinarios, biólogos e graduados en Ciencias Medioambientais do Servizo de Fauna de Kenia na determinación de diversas especies de parasitos que afectan aos rinocerontes e aos elefantes, levou aos catedráticos da área de Sanidade Animal da USC María Patrocinio Morrondo Pelayo e Pablo Díez Baños, integrantes dos referidos grupos de investigación, ata Kenia para supervisar os labores de toma de mostras de feces, sangue e carrachas de elefantes e rinocerontes en diversos parques naturais de Kenia.

Morrondo e Díez Baños acudiron ás reservas de Meru, Lewa e Maasia Mara para facer un seguimento dos resultados obtidos nas teses doutorais que se están a realizar na Escola Internacional de Doutoramento do Campus Terra da USC ao abeiro do programa de doutoramento E2091 Medicina e Sanidade Veterinaria, informa a Universidade de Santiago.

TESES

A doutora Patrocinio Morrondo é a titora e codirectora da investigación de doutoramento que está a realizar o doutorando King´Ori Edward Muthetia, xunto co tamén doutor Samer Alasaad, investigador do Institute of Evolutionary Biology and Environmental Studies (IEBES) da Universidade de Zürich, e o doutor Ramón Casimiro-Soriguer, investigador titular do Consello Superior de Investigacións Científicas (Estación Biolóxica de Doñana).

María Patrocinio Morrondo e Pablo Díez Baños, catedráticos da Universidade de Santiago, examinan un rinoceronte con persoal do Servizo de Fauna de Kenia
María Patrocinio Morrondo e Pablo Díez Baños, catedráticos da Universidade de Santiago, examinan un rinoceronte con persoal do Servizo de Fauna de Kenia | Fonte: USC.

Na súa tese, que se desenvolve baixo o título ‘Patterns of parasite infection in the African elephant populations in Kenya’, este investigador trata de determinar, mediante a toma de mostras de feces, a diversidade e o grao de infección por parasitos helmintos que afectan aos elefantes na Reserva Nacional Maasai Mara e no Parque Nacional Tsavo Este. Outro dos cometidos desta liña de traballo pasa por, unha vez tomada a mostra de sangue e cos animais anestesiados, determinar a diversidade e a prevalencia de hemoparasitos dos xéneros Theileria, Babesia e Anaplasma. Ademais, tamén se analiza a posible influencia negativa que pode ter a co infección dos helmintos e dos hemoparasitos sobre a supervivencia dos elefantes en Kenia. 

Do mesmo xeito que a profesora Morrondo Pelayo, o catedrático da USC e coordinador do grupo Invesaga, Pablo Díez Baños, tamén é titor e codirector, xunto cos doutores Alasaad e Soriguer, da tese que está a realizar o investigador Linus Njeru Kariuki sobre a demografía do rinoceronte negro (Diceros bicornis Michaeli) na poboación do Este de Kenia. Neste estudo analízase a posible influencia da translocación dos rinocerontes a outros parques naturais de Kenia sobre os hemoparasitos (Anaplasma sp. E Rickettsia sp.), parasitos que son transmitidos por carrachas, que son moi abundantes nestes animais. O número de rinocerontes negros diminuíu drasticamente nos últimos anos en Kenia, polo que é de gran interese facer un seguimento das posibles infeccións que poidan padecer estes animais.

As dúas teses de doutoramento que están a co dirixir en Kenia Patrocinio Morrondo e Pablo Díez Baños contribúen á internacionalización do Campus Terra da USC. Trátase asemade de dúas liñas de investigación que se están a desenvolver grazas ao esforzo realizado polo Servizo de Fauna de Kenia, así como polo propio grupo de Investigación en Sanidade Animal en Galicia (Invesaga), que, en diversas convocatorias, acadou subvencións concedidas pola Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta