Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/04/2018 | Actualizada ás 13:59
Poucos minutos despois de dicir que non ía dimitir, o deputado de En Marea e secretario de Organización de Podemos Galicia, Juan Merlo, presentou a súa acta parlamentaria logo de que se desvelase que no seu currículo figuraba que era enxeñeiro naval cando unicamente ten formación, pero non o título.
El mesmo anunciou que presentaba a súa dimisión á acta de deputado, así como que deixa as responsabilidades na organización morada, como número dous da súa secretaria xeral, Carmen Santos, que precisamente este venres está nunha reunión coa dirección de Podemos en Madrid.
Logo de coñecerse a información que publicou 'ABC', el mesmo saíu a comparecer ante os medios de comunicación para recoñecer o "erro" coa súa "conivencia" e admitir o "bochorno" polo ocorrido, pero dixera que non entendía que fose motivo de dimisión e diferenciouno do caso da presidenta da Comunidade de Madrid, Cristina Cifuentes. Porén, as presións internas puideron con Merlo.
GC puido saber que ao longo desta mañá foron numerosas as peticións desde Podemos e En Marea para que presentase a súa dimisión, para evitar comparacións precisamente co caso Cifuentes, e no medio da desputa que existe en En Marea polo caso da tamén deputada Paula Quinteiro, tamén de Podemos, para a que algúns —incluído o portavoz Luís Villares— tamén esixen a súa dimisión tras verse envolta nunha lea nocturna con axentes da Policía en Santiago de Compostela.
CAMBIO DE POSTURA
Merlo responde coa súa dimisión ás presións que estaba recibindo no seu partido (Podemos) e En Marea para que dese exemplo de ética fronte ao que está acontecendo na Comunidad de Madrid, onde a súa presidenta, Cristina Cifuentes (PP), agárrase ao seu cargo malia descubrirse que se falsificou un título de máster seu na Universidad Rey Juan Carlos.
Antes, durante a mañá, Merlo recoñecera o "erro" de que se incluíse desa maneira na súa formación, algo que se fixo coa súa "conivencia" pero "non coa intención de enganar", dixo.
Merlo asegurou que non lle deu "importancia" cando se simplificou o que foron estudos e formación práctica na materia para transformalos en título de enxeñeiro naval.
Neste sentido, após coñecerse a información publicada por 'ABC', recoñeceu o "bochorno" e a "vergoña" que supón para el esta situación, pero considerou que non era motivo de dimisión do seu escano. É máis, opinou que se o contexto actual non fose o da polémica sobre as titulacións de varios dirixentes políticos, incluído o suposto máster de Cifuentes, serían máis "entendibles" as súas explicacións".
Durante as súas explicacións, explicou en varias ocasións que non terminou os estudos por problemas para compatibilizar o traballo e a formación como enxeñeiro debido á situación familiar e asegurou que "non asinou" ningún traballo como enxeñeiro. O que si recoñeceu é que, como "xerente", estivo á fronte dunha empresa de enxeñaría.
Agora, tras as presións recibidas, presenta a súa dimisión como deputado e como secretyario de Organización de Podemos Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.