Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 24/04/2018 | Actualizada ás 22:00
A idea de instalar parques eólicos mariños en augas de Galicia cobra cada vez máis forza. Son xa varios e diversos os estudos técnicos, medioambientais e económicos publicados nos últimos meses sobre o potencial de Galicia para explotar enerxía eólica mariña e as vantaxes que estes parques ofrecerían. A última proposta vén de investigadores do EPhysLab (Laboratorio de Fisica Ambiental) da Universidade de Vigo, do Observatorio do Litoral da Universidade da Coruña e do CESAM (Centro de Estudos do Ambiente e do Mar) da Universidade de Aveiro. Os científicos sitúan no nordés de Galicia e ao sur da ría de Vigo os lugares idóneos para instalar muíños no mar. O estudo, titulado 'Development of Offshore Wind Power: Contrasting Optimal Wind Sites with Legal Restrictions in Galicia, Spain', vén de publicarse na revista científica Energies.
Os científicos destas tres universidades parten da premisa de que "Galicia ten un gran potencial para a instalación de parques eólicos mariños". Con todo, asumen que é necesario considerar as restricións legais —internacionais, europea, española e galega— derivadas da protección doutros intereses que converxen na contorna mariña —como a pesca, a navegación e a conservación da biodiversidade—, xunto coas limitacións técnicas, principalmente relacionadas coa profundidade da auga. Con estes criterios, identificaron aquelas "zonas de menor conflito" onde a densidade de potencia eólica é maior e as profundidades e distancias da costa son tecnicamente factibles dado o estado actual de desenvolvemento tecnolóxico.
"Identificáronse dúas zonas principais sen restricións legais e técnicas, na esquina nordés de Galicia e ao sur da ría de Vigo", expoñen os autores do traballo. Con todo, "a maior densidade de potencia eólica identificouse na zona noroccidental, desde Cabo Fisterra ata Cabo Ortegal, onde hai pequenas zonas sen restricións legais ou técnicas que se atopan preto de varias zonas protexidas (como unha reserva mariña, unha área con protección especial e un humidal e a súa zona de influencia), facendo necesario unha análise máis profunda dos impactos específicos de cada proxecto na avaliación de impacto ambiental", detallan os científicos.
Para as dúas zonas propostas, o estudo detalla que en profundidades menores a 60 metros a densidade de potencia eólica nestas dúas áreas é de entre 400 e 500 W/m-2 [watts por metro cadrado], "un pouco por debaixo do valor medio para os 388 parques eólicos instalados ou planificados en Europa (531,09 W/m-2). Porén, entre profundidades de entre 60 e 200 metros, que é a maior profundidade á que se planificaron e aprobaron os parques mariños en Europa, observaron que a densidade de enerxía eólica en ambas as rexións galegas "está por enriba do valor medio en Europa".
Consideran ademais "importante ter en conta que a distancia desde terra non é un problema, xa que a isóbata de 200 metros raramente supera unha distancia de 30 quilómetros da costa, que é a distancia media desde a costa dos parques eólicos en Europa actualmente", expoñen [a isóbata é unha curva que se utiliza para unir cartograficamente os puntos do subsolo ou dos fondos mariños que están á mesma profundidade].
Aínda que estas son as dúas áreas propostas, por cumprir, segundo os autores da investigación, coas esixencias lexislativas e técnicas para a instalación dun parque eólico mariño, tamén consideran que se poderían instalar en máis zonas da costa galega se o permiten os desenvolvementos técnicos, "especialmente máis aló das isóbatas de 60 metros".
De feito, salientan, hai áreas cunha densidade de enerxía eólica superior a 700 W/m-2, mesmo preto de 1.000 W/m-2, ao oeste do Cabo Ortegal, onde se poderían instalar parques eólicos mariños a profundidades de ao redor de 100 metros. Algúns estudos previos determinaron que Galicia ten o maior potencial na Península Ibérica para a instalación de parques éolicos mariños, con valores anuais medios próximos a 500 W/m-2 para unha altura de 120 metros sobre o nivel da superficie do mar. Outros estudos demostraron que a costa galega é a de maior densidade de enerxía anual con valores de ata 971 W/m-2 a 80 metros sobre o nivel do mar ao norte de Cabo Fisterra. E outros catalogaron, no escenario europeo, o extremo noroccidental da Península Ibérica como un dos lugares con maior potencial de enerxía eólica mariña, xunto coa área setentrional do Mar do Norte e as zonas de alta mar do noroeste por enriba do paralelo 45° N.
Con todo, os investigadores conclúen que as limitacións técnicas, así como os conflitos con outros usuarios do mar (pescadores, buques de carga, barcos de pasaxeiros) e a protección medioambiental de determinadas áreas fan que a instalación de parques eólicos mariños na costa galega se desbote para a maioría das áreas dentro das isóbatas de 60 metros, especialmente preto das rías, onde se atopan a maioría das zonas protexidas.
Os expertos tamén consideran que, malia que o 'Estudo estratéxico ambiental do litoral español para a instalación de parques eólicos mariños' —elaborado polos ministerios de Medio Ambiente e Industria— permite con restricións a instalación de muíños de vento a oito quilómetros de terra (distancia mínima á que se poden instalar estes parques), "non é aconsellable a instalación nesta área para evitar impactos visuais".
LEXISLACIÓN
O 'Estudo estratéxico ambiental do litoral español para a instalación de parques eólicos mariños' contempla 73 áreas eólicas mariñas, clasificadas en "zonas aptas, de exclusión e con condicionantes ambientais para a instalación nelas de parques eólicos mariños". As aptas serían "as máis adecuadas para o establecemento de parques eólicos mariños por ser reducidos, en principio, os seus efectos ambientais fronte ás vantaxes que presentan". Pero a clasificación dunha zona como apta non exime da realización e aprobación dos correspondentes estudos de impacto ambiental posteriores asociados á autorización de instalacións de enerxía eólica no mar.
As zonas de exclusión son aquelas "que se deben excluír do proceso por ser identificados os seus potenciais efectos ambientais significativos ou conflitividade con outros usos do medio mariño".
Por último, as zonas con condicionantes ambientais son aqueloutras "nas que o desenvolvemento de parques mariños está condicionado por algún factor", polo que os seus efectos ou conflitos "deberán ser analizados na fase posterior de deseño do proxecto".
AUXE DE PROPOSTAS E VIABILIDADE
A idea de crear un parque para explotar o potencial enerxético mariño en Galicia vén tomando corpo nos últimos tempos. En outubro de 2016, por exemplo, un equipo do Centro de Engenharia e Tecnologia Naval e Oceânica (CENTEC) do Instituto Superior Técnico de Lisboa, publicou un estudo sobre a viabilidade dun parque eólico mariño en augas galegas. As súas conclusións foron claras: "Investir nun parque eólico offshore segue sendo un investimento de alto risco en comparación cos asentados parques onshore [en terra]".
Os expertos do CENTEC fixeron tamén un estudo preliminar da localización óptima e das características xerais que debería ter un parque eólico en alta mar na costa norte de Galicia. O lugar elixido, neste caso, foi Ferrol. Para isto, ponderaron os requisitos ambientais e técnicos para elixir a mellor localización, determinaron as características técnicas do complexo eólico e calcularon os custos de desenvolvemento, construción e instalación.
Ao igual que os investigadores das universidades de Vigo, A Coruña e Aveiro, os científicos do CENTEC partiron da base de que "a batimetría do fondo mariño e os ventos predominantes constitúen características prometedoras para a explotación da enerxía eólica mariña" en Galicia. A partir de aquí, propuxeron unha localización baseándose nunha serie de requisitos relativos á súa viabilidade: recursos eólicos dispoñibles, impacto ambiental, profundidade do océano, distancia á costa, dstancia á subestación, proximidade ao estaleiro e as instalacións de subministración, harmonización con outras actividades. Cos datos analizados, consideraron que "un emprazamento que cumpre cos requisitos" esixidos atópase "na costa de Ferrol (43º50' N, -8º50' O)", aportaron.
Outro estudo realizado por profesores do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC), publicado en 2017, concluíu que a enerxía eólica mariña é unha "alternativa clave para diversificar o mix enerxético español", así como "un motor económico" para crear emprego —"a maioría no sector industrial"— que permitiría "compensar o estancamento do sector eólico en terra" ao "aproveitar a experiencia tecnolóxica e os coñecementos técnicos previos".
De igual xeito, investigadores do Departamento de Enxeñaría Industrial da Universidade da Coruña (UDC) presentaron tamén en 2017 un novo modelo analítico para avaliar o emprego directo xerado polas centrais eléctricas renovables e non renovables. O obxectivo foi axudar ao proceso de toma de decisións no campo da política enerxética. Os resultados demostraron que a eólica en terra é unha das alternativas "con menor creación de postos de traballo". Porén, a outra alternativa eólica, a offshore (no mar), a cal aínda non foi desenvolvida en Galicia, "obtivo resultados mellores que a opción da tecnoloxía terrestre". Por que? Porque "as actividades de construción, instalación e desmantelamento que se realizan requiren un número maior de empregados", sublíñase no estudo
Por outro lado, investigadores das universidades de Santiago de Compostela e Plymouth (Inglaterra) propuxeron máis recentemente para Burela outra alternativa de renovables mariñas: a creación da primeira granxa de ondas en Galicia para explotar a enerxía undimotriz (a producida polo movemento das ondas do mar).
Precisamente, outro estudo, neste caso unha tese doutoral defendida na USC, concluíu que o uso e o aproveitamento conxunto de dúas enerxías renovables como o son a eólica e a undimotriz reduce á metade os custes de produción.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.