Por E.P. | | 20/04/2018 | Actualizada ás 15:33
O narco arrepentido Manuel Fernández Padín demandará ao autor do libro 'Fariña', Nacho Carretero, despois de que o intento de chegar a un acordo para evitar as accións legais fracasase no acto de conciliación celebrado no Xulgado de Primeira Instancia número 44 de Madrid.
Á batalla xudicial que están a emprender varios dos personaxes que aparecen no polémico libro —sobre o que Antena 3 emite unha adaptación televisiva desde hai dous meses— sumouse Padín, que foi testemuña protexida no xuízo pola 'Operación Nécora'.
O operativo policial, impulsado polas declaracións de Ricardo Portabales e de Manuel Fernández Padín, contra o narcotráfico da década dos anos 90 permitiu condenar a penas de cárcere a gran parte do clan da droga galego, incluídos personaxes como Laureano Oubiña ou Manuel Charlín.
No seu acordo previo á interposición da demanda anunciada, o narco arrepentido solicitaba ao autor do libro e á editorial un total de 150.000 euros como indemnización. Ao fracasar o acordo, seguirase adiante coa demanda anunciada.
A principios de marzo, o xuíz de Instrución número 7 de Collado Villalba ordenou a execución do secuestro de Fariña sobre o narcotráfico en Galicia, como medida cautelar pola demanda presentada polo exalcalde do Grove José Alfredo Bea Gondar.
OUBIÑA E 'BAMBÚ'
O acto de conciliación celebrado entre Laureno Oubiña e a produtora da serie 'Fariña', Bambú Producciones, o pasado xoves tampouco chegou a bo termo.
Finalmente, a demanda seguirá adiante contra Bambú produtora e Atresmedia con motivo da rectificación que esixe Oubiña con motivo dunha escena de sexo da serie entre el mesmo e a súa segunda muller, Esther Lago, falecida en 2001 nun accidente de tráfico.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.