Por E.P. | | 21/04/2018 | Actualizada ás 19:28
As escritoras Lupe Gómez, coa obra de poesía 'Camuflaxe', e Emma Pedreira, por 'Bibliópatas e fobólogos', foron recoñecidas cos Premios da Crítica Española 2017 en lingua galega que se deron a coñecer este sábado en Murcia. O novelista Javier Marías por 'Berta Isla' e o poeta catalán Luís Bagué Quílez por 'Clima mediterráneo' foron galardoados cos Premios da Crítica que outorgan anualmente os críticos literarios aos mellores libros de narrativa e poesía en castelán.
Os premiados en lingua catalá foron en narrativa 'Els fills de Llacuna Park' de María Guasch e en poesía 'Convivència d'aigües' (Convivencia de augas) de Zoraida Burgos.
Finalmente, en lingua vasca os premiados foron Aingeru Espaltza por 'Mendi-joak' e Luís Garde polo libro de poesía 'Barbaroak baratzean' (Bárbaros no xardín).
LUPE GÓMEZ PREMIADA POR 'CAMUFLAXE'
Lupe Gómez (Fisteus, 1972), é licenciada en Ciencias da Información pola Universidade de Santiago de Compostela e desenvolveu o seu labor profesional no ámbito do xornalismo, colaborando con diferentes medios.
Como poeta estreouse en 1995 con 'Pornografía', un poemario autoeditado, para despois desenvolver unha longa traxectoria poética con obras como 'Os teus dedos na miña braga con regra' (1999), 'Poesía fea' (2000), 'Levantar as tetas' (2004), 'Azul e extranxeira' (2005), 'O útero dos cabalos' (2005), e 'A grafía dos mapas' (2010).
Con 'Camuflaxe' recoñécese unha obra dunha "das voces máis singulares e de extensa traxectoria na poesía galega contemporánea", segundo destacou a Asociación galega da crítica. No seu oitavo libro sobrevoa a vontade de expor un exercicio mimético para "identificarse nunha contorna no que se constata a desaparición da cultura do mundo rural e a forza do telúrico".
'BIBLIÓPATAS E FOBÓLOGOS', DE EMMA PEDREIRA
'Bibliópatas e fobólogos' constitúese como unha aposta narrativa de Emma Pedreira (A Coruña, 1978), licenciada en Filoloxía Hispánica e poeta, normalmente encadrada na Xeración dos 90.
Nesta obra desenvolve o xénero do relato curto para reflexionar, a través de diversas historias, sobre a presenza dos libros e da escritura na vida cotiá, facendo uso do humor e a ironía para construír verdadeiras metáforas do tempo actual, apunta a Asociación Galega de Crítica.
Con anterioridade, publicara xa unha ducia de poemarios, entre os que destaca 'Casa das orfas' (2006), 'Libro das mentiras' (2010), 'Bestiario de Silencios' (2001), 'As cinzas adentras' (2004) ou 'Corazón e demais tripas' (2016).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.