Por Galicia Confidencial | Monforte de Lemos | 23/04/2018 | Actualizada ás 13:08
O delegado da CIG no Hospital de Monforte, Vicente Vázquez, apunta a falta de persoal no centro como un dos puntos que están detrás da mobilización do persoal sanitario monfortino. “Este persoal sofre sobrecarga de traballo nas plantas, ademais de sermos o único hospital de Galicia que queda cunha soa enfermeira de planta para tratar 28 doentes” apunta Vázquez.
Esta situación tamén se repite en horario de mañás “cando as auxiliares tamén están sobrecargadas de traballo en plantas como medicina interna” o que obriga a pedir reforzos, cousa que tarda moito en chegar segundo Vázquez. O mesmo representante sindical apuntaba “que a mesma dirección recoñecía que nos facía falta 26 enfermeiras” o que se traduce nunha “situación baixo mínimos”.
Sobre os mínimos “non se podería facer folga porque case todo o mundo está de mínimos”. Estes mínimos estaban contemplados para as fins de semana “pero agora aumentáronos para quirófano e así non poder facer folga” sinala Vicente Vázquez. Nos anteriores paros os mínimos establecidos foran respectados pero “nesta última aumentáronos para non deixar asistir á protesta”.
As peticións dos profesionais do hospital de Monforte recollen tamén a chegada de especialistas. “Levamos un ano sen un especialista en dixestivo, a xubilación dunha cardióloga está tamén sen cubrir e agora queren facer un remendo porque nos di que virá durante tres días un cardiólogo de Lugo e outro especialista dixestivo desde Lugo tamén por dous días”. Isto como apuntan desde a CIG do Hospital de Monforte, é unha solución provisoria, “queremos que os especialistas estean xa en Monforte”.
A dirección do hospital convocou a semana pasada aos sindicatos para falar dos servizos mínimos. O único sindicato que non se sumaba ao paro era CSIF, “que foron aos primeiros que chamaron para falar con eles” apunta o delegado da CIG. A dirección tamén tentou chamar a cada sindicato de maneira individual, pero ao final, as queixas das forzas sindicais evitaron isto. Outros sindicatos que foron de maneira individual foi SATSE, de enfermería e CESMA, do colectivo médico.
APOIOS Á FOLGA
Desde a Candidatura de Unidade Popular de Monforte enviaron un comunicado de apoio ás reivindicacións do comité de folga do hospital da localidade. Entre ditos puntos estaría a derrogación da actual lei de saúde aprobada recentemente no Parlamento de Galicia só cos votos do PpdeG.
A denuncia do deterioro da atención primaria e espcializada ademais da perda de dereitos dos usuarios da área sanitaria de Monforte, pedindo cubrir as áreas especializadas, a mellora salarial e a creación de nvos postos de traballo con condicións laborais dignas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.