A Coruña é máis vulnerable á crise económica que Vigo

Un estudo realizado por xéografos de Santiago de Compostela demostra que na cidade herculina hai máis áreas urbanas en situación de vulnerabilidade alta ou moi alta. Con todo, os autores critican duramente a política do alcalde socialista de Vigo, Abel Caballero, ao que acusan de "seguir apostando por un modelo de cidade 'escaparate', con rúas atractivas e agradables para o paseo, pero que agocha serios problemas sociais e económicos nos seus barrios".

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 02/05/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As dúas maiores cidades de Galicia non viviron de igual xeito a crise económica. O golpe na Coruña foi maior que en Vigo, segundo se deduce dos datos dun estudo realizado por investigadores do Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e de Tysgal Consultores (empresa fundada por xeógrafos especializada na análise, xestión, ordenación e estudo territorial).

Panorámicas de Vigo e A Coruña
Panorámicas de Vigo e A Coruña | Fonte: Wikipedia.

O que fixeron estes investigadores foi estudar o grao de vulnerabilidade á crise dos distintos barrios destas urbes —isto é, problemas sociais, desemprego de longa duración, baixos ingresos, inmigración, etc.—, co obxectivo de medir o impacto da crise nos diferentes sectores urbanos. Ademais, analizaron as propostas para combater a vulnerabilidade presentadas polos partidos actualmente gobernantes, nos seus programas para as eleccións municipais de 2015: PSdeG en Vigo e Marea Atlántica na Coruña.

SEMELLANZAS E DIFERENZAS ENTRE A CORUÑA E VIGO

Na súa descrición das semellanzas e diferenzas entre Vigo e A Coruña—previa aos resultados do estudo—, os autores lembran que teñen unha poboación similar (292.817 e 243.978 habitantes, respectivamente), ambas as dúas son cidades costeiras, con portos importantes a escala estatal e internacional, pero "mentres A Coruña é unha cidade que ofrece principalmente servizos, en Vigo prevalece a actividade industrial de automóbiles e estaleiros", salientan.

A nivel urbano, subliñan que "mentres A Coruña é unha cidade compacta, densamente poboada e onde o crecemento urbano estivo condicionado pola escasa superficie do municipio e a súa localización nunha península, o espazo urbano de Vigo está fragmentado e desorganizado". Con todo, engaden, "en ambos casos podemos distinguir un centro histórico, correspondente á cidade amurallada preindustrial, na que se poden diferenzar dúas áreas: o casco antigo, que tras un período de grave deterioración física, social e económica está a recuperarse grazas a fondos europeos", e "unha segunda área, máis dinámica e atendida a nivel urbano, identificada como un centro urbano onde se concentra a actividade comercial e empresarial e o terreo e os prezos da vivenda son máis altos".

Índice de vulnerabilidade en Vigo e A Coruña, por áreas / Urban Science 2018, 2(2), 37; doi:10.3390/urbansci2020037.
Índice de vulnerabilidade en Vigo e A Coruña, por áreas / Urban Science 2018, 2(2), 37; doi:10.3390/urbansci2020037.

"Neste espazo urbano, o valor do terreo determina a segregación residencial e económica, xa que só as persoas cun alto poder adquisitivo se poden permitir comprar bens inmobles e só aqueles establecementos ou entidades especializadas con altas ganancias poden pagar o aluguer de establecementos comerciais ou oficinas. Desde o centro urbano desenvólvese un conxunto de barrios residenciais, no que reside a poboación traballadora", afondan os expertos, que diferenzan tres tipos de barrios residenciais nestas urbes.

En primeiro lugar, os barrios desenvolvidos nos anos 1960-1970 por iniciativa privada, a escala masiva para ofrecer vivendas á poboación que chegaba á cidade para traballar na industria: Florida, Teis, Cabral, O Calvario, Castrelos e Balaídos no caso de Vigo, ou Agra do Orzán, Os Mallos, Monte Alto, A Gaiteira, Castrillón e Os Castros na Coruña.

Un segundo grupo, que inclúe aqueles barrios que foron construídos como resultado de plans desenvolvidos pola iniciativa pública, dirixidos a persoas cun poder adquisitivo medio ou medio-baixo e/ou que foron expulsadas doutras áreas urbanas a través de procesos de expropiación. En xeral, caracterízanse por ter un marco urbano aberto, con edificios en bloques: Coia en Vigo; Polígono de Elviña, Barrio das Flores, Labañou, Sacra Familia na Coruña.

Por último, sitúan as novas áreas residenciais, construídas despois de 1990, onde había unha preocupación polo deseño, a calidade da vivenda, as áreas verdes e as instalacións deportivas e de lecer: Navia en Vigo, Os Rosales e Paseo das Pontes na Coruña.

CARTOGRAFÍA DA VULNERABILIDADE

Os investigadores fixeron unha cartografía para establecer unha clasificación das diferentes áreas urbanas en función do seu grao de vulnerabilidade á crise. Metodoloxicamente, desde un punto de vista xeográfico, consideráronse tanto o espazo urbano consolidado como a periferia inmediata, aínda que con respecto a esta última existen diferenzas notables entre ambas as cidades.

No caso da Coruña, os asentamentos periféricos son máis pequenos, están moi localizados e responden a dúas tipoloxías ben diferenciadas: asentamentos máis antigos nos que, a pesar de conservar unha paisaxe rural, as formas de vida dos seus habitantes son completamente urbanas, e máis recentemente, novas vivendas construídas para a clase media acomodada.

No caso de Vigo, hai un crecemento periférico disperso, absorbendo unha gran parte do déficit habitacional requirido por grupos sociais economicamente desfavorecidos, chegando a densidades superiores a 100 habitantes/ha.

Para a recolección estatística nunha escala intraurbana, os expertos utilizaron parcelas catastrais urbanas. E para o cálculo do índice de vulnerabilidade global de cada cidade, combinaron variables referidas á vulnerabilidade sociodemográfica (envellecemento, inmigración e nivel educativo), a vulnerabilidade socioeconómica (volume de traballadores desempregados, a taxa de substitución da poboación activa, volume de traballadores cun contrato temporal) e a vulnerabilidade residencial (vivendas baleiras, ano de construción, estado da construción).

MAIOR IMPACTO DA CRISE NA CORUÑA

Os resultados da análise son claros: "O índice de vulnerabilidade urbana obtido para A Coruña e Vigo dinos que a primeira viu un maior impacto da crise económica, xa que hai máis áreas urbanas en situación de vulnerabilidade alta ou moi alta, especificamente o 39.5% das parcelas catastrais, en comparación co 20,2% rexistrado en Vigo. Doutra banda, mentres que en Vigo o 38,7% das parcelas mostran baixa vulnerabilidade, esta taxa nin sequera chega ao 23% na Coruña".

Entre os factores que explican estes resultados, os investigadores consideran que "Vigo se caracteriza por ter un tecido industrial consolidado", destacanco o fabricante de automóbiles Citröen, as fábricas de conservas (Albo, Molíns, Alfageme), a industria pesqueira (Pescanova) e a industria de alimentos conxelados. Tamén nas súas proximidades se atopa o polígono industrial do Porriño, que alberga industrias comprometidas co I+D+i, e que están vinculadas ao sector enerxético, como Gamesa, ou o sector químico-farmacolóxico, como PharmaMar (fármacos antitumorais de orixe mariña), Sylentis (medicamentos baseados ​​no silenciamiento xénico mediante RNAi), Zelnova (insecticidas, ambientadores), Xylazel (produtos de protección da madeira) e Genomics (análise molecular).

Porén, na Coruña, "o tecido empresarial é máis débil", destacando a refinería de Repsol e o grupo Inditex como as grandes industrias. En segundo lugar, "malia que A Coruña ten unha taxa de desemprego algo máis baixa que Vigo, a súa economía baséase en empresas máis pequenas e un sector de servizos baseado no comercio e o turismo, ramas de actividade nas que os contratos de traballo son máis inestables e con peores condicións e salarios", destacan os autores do estudo.

"Neste sentido, non pode ignorarse o feito de que o seu clima atlántico determina a concentración da actividade turística nos meses de verán, e que A Coruña conta con 12 centros comerciais, converténdose nunha das cidades con maior superficie destinada a centros comerciais, só superada por Barcelona e Madrid. Este fenómeno levou ao peche de pequenas empresas tanto no centro urbano como noutras áreas que tradicionalmente se destacaron polo seu dinamismo comercial, como o barrio de Agra do Orzán", afondan os autores do estudo.

Finalmente, subliñan que "o feito de que en Vigo exista unha dispersión urbana do 37% da poboación brinda unha maior capacidade de resiliencia e unha vulnerabilidade de menor impacto", xa que "aínda que a maioría dos seus habitantes traballan no sector industrial ou de servizos, ter unha casa cun horto pequeno lles permite ter produtos alimenticios básicos e reducir o gasto familiar", unha "situación que non se dá na Coruña, onde a súa localización nunha península e unha topografía máis irregular na periferia provocou que o desenvolvemento urbano se concentre nunha parte do municipio e un 87% da poboación resida en pisos no núcleo urbano consolidado", describen os investigadores.

Ao analizar o grao de vulnerabilidade no centro urbano de ambas as cidades, conclúese que "as áreas cun maior índice de vulnerabilidade son en ambos os casos os seus centros históricos, que quedaron fóra dos procesos de rehabilitación e con problemas sociais serios (prostitución e drogas), así como os barrios residenciais", e entre estes últimos, "os construídos no período de desenvolvemento (1960-1970), nos que se combinaron vivendas privadas e públicas, onde actualmente reside unha poboación adulta maior e onde rexurdiu algún conflito social debido a un aumento da criminalidade", así como "os sectores urbanos periféricos, nos que durante anos houbo crecemento espontáneo, con barrios marxinais e problemas de accesibilidade" e "outros aínda non plenamente consolidados cuxa paisaxe se basea en bloques de vivendas que conviven con espazos axardinados e asentamentos tradicionais". Os autores recordan, ademais, "que nos últimos anos, se construíron vivendas oficiais nestes espazos para albergar poboación de baixos ingresos e habitantes de barrios marxinais de áreas que foron expropiadas debido á construción de novas infraestruturas na periferia e que o goberno local quería integrar socialmente".

En conxunto, as áreas con máis presenza en ambas as cidades son as que presentan un nivel de vulnerabilidade medio. Tanto en Vigo como na Coruña, estas atópanse "na maioría dos tramos urbanos que conforman o centro histórico e urbano, onde algúns procesos de renovación urbana mitigaron a deterioración da situación sufrida durante décadas de abandono e onde hai interese por parte dos gobernos locais en reactivar a actividade comercial e mellorar a calidade de vida dos habitantes grazas a iniciativas de peonalización e melloras urbanas (iluminación, mobiliario urbano, vexetación)", descríbese no estudo.

Estas áreas con vulnerabilidade media tamén se atopan nas "zonas residenciais onde se leva a cabo un proceso de rexeneración demográfica ou naquelas construídas nas décadas recentes, cando había unha maior preocupación por unha mellor calidade de construción e áreas verdes, e había unha proliferación de casas na periferia inmediata". Por exemplo, na Coruña, estas áreas serían Os Rosales, Matrogrande, San Critovo das Viñas, As Xubias e Palavea, mentres que en Vigo estes índices de vulnerabilidade danse en áreas como Navia e Comesaña, Coruxo, Candeán e Bembrive.

VIGO, MODELO DE "CIDADE ESCAPARATE"

Que fixeron os gobernos locais para minimizar o impacto da crise económica? Segundo os autores deste estudo, e malia as promesas electorais dos que agora gobernan, "as estratexias promovidas polos gobernos locais para enfrontar situacións de vulnerabilidade foron moi inconsistentes", en xeral.

Neste sentido, os investigadores son particularmente críticos coa política aplicada polo alcalde socialista de Vigo, Abel Caballero, ao que acusan de "seguir apostando por un modelo de cidade 'escaparate', con rúas atractivas e agradables para o paseo, pero que agocha serios problemas sociais e económicos nos seus barrios".

Para estes autores, o goberno de Vigo mostrou unha "total falta de interese pola situación de vulnerabilidade na que se atopan os cidadáns". 

"Puxéronse en marcha poucas iniciativas para combater a vulnerabilidade. Os únicos cambios que se observaron son a creación dun portal de transparencia a través do cal se fai público o orzamento municipal e a creación de orzamentos participativos (tres millóns de euros) que están dispoñibles para que os habitantes desenvolvan os proxectos que consideren de interese para mellorar o seu barrio e a cidade. Con todo, a pesar de que semanalmente o alcalde atende os cidadáns a través dun programa de radio para coñecer os seus problemas e necesidades, aínda non profundou sobre o estado do problema", critícase no estudo.

Como resultado, "a poboación vulnerable debe buscar os seus propios mecanismos de resiliencia", entres os que se atopan "centros de asistencia tales como refuxios onde poden durmir e cociñas baratas que ofrecen almorzo e xantar a persoas con problemas, incluso servindo a familias ou persoas que non poden acceder ao comedor levando a comida aos seus fogares", ou os "bancos de alimentos nalgúns barrios, cuxo persoal é voluntario, e outras entidades de asistencia como a Cruz Vermella ou Cáritas que distribúen alimentos, kits para axudar os nenos (hixiene e alimentos), kits de apoio familiar (material escolar, hixiene persoal) e axuda financeira para axudar a cubrir as necesidades básicas (pago de aluguer, factura de electricidade), e que viaxan pola cidade coas súas unidades móbiles de emerxencia social, axudando as persoas sen fogar para que poidan comer algo quente, obter roupa e recibir atención médica", describen os investigadores.

Por último, destacan "as redes de amigos e familiares que, no caso da Coruña e Vigo, seguen sendo de grande importancia", xa que "o diñeiro e os alimentos que achegan se utilizan para sobrevivir e fan que o grao de vulnerabilidade rexistrado sexa máis baixo que o derivado da situación económica e social das familias".

O MODELO DE CIDADE DA MAREA ATLÁNTICA

No caso do Goberno local da Coruña, liderado por Xulio Ferreiro (Marea Atlántica), os autores do traballo subliñan as súas principais liñas programáticas, que dividen en cinco áreas de intervención para "cambiar o modelo de gobernanza urbana e atender a poboación máis vulnerable".

Estas liñas de actuación son: fortalecer os valores democráticos e a participación cidadá, desenvolver un novo modelo territorial e urbano, promover a xustiza e a cohesión social, promover un novo modelo económico e enerxético, e promover a cultura, a memoria e a identidade 

FAI FALLA MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS REALIDADES LOCAIS

"Malia que as eleccións municipais de 2015 xeraron un maior interese por parte dos gobernos locais para mellorar a calidade de vida dos seus cidadáns, aínda son poucas as iniciativas que se implementaron para logralo. Neste sentido, cremos que mentres as administracións locais non se deteñan a descubrir de primeira man a realidade dos seus barrios e cales son as necesidades dos seus habitantes, non lograrán o éxito esperado na redución dos niveis de pobreza e vulnerabilidade", advírtese no estudo.

Os expertos tamén lamentan o "baleiro estatístico" sobre a situación real nas cidades e consideran "necesario promover estudos cualitativos a través do traballo de campo, enquisas de poboación e accións participativas para ter unha visión completa máis próxima á realidade". O seu traballo, din, é "un primeiro achegamento metodolóxico ao estudo da vulnerabilidade nunha escala intraurbana". 

O estudo, titulado 'Urban Vulnerability in Spanish Medium-Sized Cities during the Post-Crisis Period (2009–2016). The Cases of A Coruña and Vigo (Spain)', vén de publicarse na revista científica Urban Science e está asinado por María José Piñeira Mantiñán e Francisco R. Durán Villa, da USC, e José Taboada Failde, de Tysgal Consultores.

Distribución da vulnerabilidade por sectores urbanos en Vigo e A Coruña / Urban Science 2018, 2(2), 37; doi:10.3390/urbansci2020037.
Distribución da vulnerabilidade por sectores urbanos en Vigo e A Coruña / Urban Science 2018, 2(2), 37; doi:10.3390/urbansci2020037.
Vigo (enriba) e A Coruña
Vigo (enriba) e A Coruña | Fonte: Alberto Pérez en Wikipedia e José Losada en Flickr
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta