Temas: FOLGA XUSTIZA

Consumidores cargan contra a Xunta pola folga da Xustiza: "Queren gañar un pulso"

ACOUGA denuncia a estratexia do Goberno galego dirixida “máis a vencer que a convencer” e “a gañar o que eles cren un pulso”.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 25/04/2018 | Actualizada ás 13:03

Comparte esta noticia

A Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (ACOUGA) acusa á Xunta  da situación xerada por dous meses e medio de folga ininterrompida e o seu crecente impacto para os cidadáns galegos e os operadores xurídicos. 

Funcionarios de xustiza concéntranse ante os xulgados de Santiago
Funcionarios de xustiza concéntranse ante os xulgados de Santiago

A través dun comunicado manifesta o seu radical rexeitamento da política negociadora emprendida pola Xunta de Galicia. E pon especial énfase na responsabilidade que lles atinxe ao seu presidente, Alberto Núñez Feijoo, ao seu vicepresidente, Alfonso Rueda, e ao director xeral de Función Pública, José María Barreiro Díaz.

“Non pode entenderse que os máximos responsables da Administración Autonómica parezan máis interesados en culpar aos seus propios traballadores da situación xerada e sometelos por esgotamento que en facer un esforzo real e definitivo por solucionar o conflito de xeito inmediato”, critica.

ACOUGA considera que a actitude de Rueda e Barreiro, rexeitando a intervención mediadora do Consello Galego de Relacións Laborais e do Consello Galego da Avogacía, amosa unha estratexia dirixida “máis a vencer que a convencer”, “a gañar o que eles cren un pulso que a resolver a abafante situación da Xustiza en Galicia e acabar coas inxustas condicións laborais e retribucións dos seus propios empregados”.

Neste sentido, acusa á Xunta de desprezar os innumerables prexuízos que a folga está a provocar non só a xuíces, fiscais, letrados xudiciais, avogados e procuradores, senón sobre todo aos cidadáns. Actualmente son xa 50.000 trámites xudiciais e 17.000 xuízos suspendidos.

Perante a situación de folga en Galicia, coincidente co anuncio de  mobilizacións por parte de xuíces, fiscais e letrados xudiciais, “os cidadáns asisten ao desprestixio progresivo da Xustiza no País e no Estado, cuxos respectivos gobernos son incapaces de poñer en marcha unha auténtica política modernizadora concordada con todos os operadores xurídicos”, conclúe ACOUGA.

Temas: FOLGA XUSTIZA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta