Científicos alertan das ameazas para a supervivencia da toniña en augas galegas

Un novo estudo publicado polo BDRI mostra que o tráfico marítimo se confirma como unha ameaza real para este cetáceo, que atopou en augas de Galicia un reduto.

Por Galicia Confidencial | Nigrán | 28/04/2018 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

O tráfico marítimo confírmase como unha ameaza real para que a toniña poida regresar ao seu hábitat natural en augas da Península Ibérica. Se o ano pasado o Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI), con base no Grove, confirmaba a presenza en augas galegas das grandes baleas azuis, agora fai fincapé na vulnerabilidade dun dos cetáceos máis pequenos do planeta, a Phocoena phocoena, especie que se atopa en clara regresión nas nosas augas.

Exemplar de toniña capturado en Galicia
Exemplar de toniña capturado en Galicia | Fonte: Cemma.

A delicada situación actual desta especie, recentemente considerada unha subespecie illada xeneticamente das poboacións do norte de Europa, é un claro exemplo da regresión que sofren as poboacións de cetáceo. É por iso que os estudos de carácter científico como o que acaba de publicar o BDRI —'Does interspecifc competition drive patterns of habitat use and relative density in harbour porpoises?''— na prestixiosa revista de bioloxía mariña Marine Biology xogan un papel fundamental para coñecer mellor esta especie tan pequena como misteriosa.

Trátase do estudo científico máis detallado a nivel internacional sobre os factores —tanto ambientais como antrópicos— que condicionan a distribución e abundancia da toniña. É dicir, tratar de responder a pregunta de por que a toniña común é cada día menos común nas nosas costas.

Este traballo levouse a cabo na costa sur de Galicia, zona considerada como un reduto para esta especie, pero non exenta de ameazas, tal e como mostra o estudo.

Cun esforzo sen precedentes para un traballo de investigación deste tipo, que levou catro anos consecutivos de traballo de investigación, 273 días no mar e case 9.417 quilómetros percorridos, foi posible observar 70 grupos de toniñas (entre 1 e 25 exemplares por grupo e de media 4,8 individuos), dez veces menos frecuentes que os grupos de arroaces (712 grupos) nas augas galegas.

Toniñas na costa galega
Toniñas na costa galega | Fonte: CEMMA.

Os resultados do estudo mostran como, contra o que se pensaba ata o momento —que a toniña común era unha especie predominantemente costeira—, a Phocoena phocoena mostra preferencias por augas profundas de máis de 100 metros de profundidade.

O estudo demostra que existen tres veces máis posibilidades de observar toniñas a 100 metros de profundidade que a 50, e en numerosas ocasións aventúranse ata o bordo da plataforma continental. Iso non indica que as toniñas non visiten con frecuencia o interior das rías e as augas costeiras, pero si que existe unha tendencia para manterse afastadas da costa. Por que?

Os resultados do estudo responden a estas preguntas evidenciando que ademais dos factores ligados á distribución das especies de peixes que forman parte da dieta deste cetáceo, existe un claro impacto humano causado polo tráfico de embarcacións de motor. Os científicos saben que as toniñas evitan estar presentes en zonas de alta concentración de embarcacións a motor, posiblemente pola contaminación acústica e o comportamento asustadizo da especie.

Igualmente, púidose confirmar que os arroaces non teñen nada que ver na distribución das toniñas, xa que se puideron ver grupos de ambas as especies compartindo o territorio sen agresividade algunha entre estes animais.

Os científicos están contribuíndo a coñecer mellor o grao de vulnerabilidade dunha das especies de cetáceos máis ameazadas en augas da Península Ibérica, achegando unha información de gran valor para os entes responsables da xestión das actividades humanas e protección da toniña en augas ibéricas. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta