María Victoria Moreno, a estremeña que loitou en galego e coa docencia contra o franquismo

Era unha profesora "excelente" e "apixoada" que aprendeu galego, a pesares de ser estremeña, para relacionarse mellor co seus alumnos e co país ao que acababa de chegar, e cunha grande bagaxe intelectual e lingüística.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 06/05/2018 | Actualizada ás 12:20

Comparte esta noticia

María Victoria Moreno (Valencia de Alcántara-Cáceres 1939-Pontevedra 2005) era "completamente diferente a unha profesora normal". Así a describe Tomás González, un dos seus alumnos que seguiu o camiño das letras e que foi o seu discípulo nos últimos anos nos que exerceu no Instituto Torrente Ballester de Pontevedra.

Non en balde, causou "impacto" tanto entre os seus alumnos de Lugo aos que impartiu baixo a ditadura franquista como entre os nados nos anos 80, a última xeración á que deu clase no Instituto Torrente Ballester de Pontevedra antes de morrer como consecuencia dun cancro en novembro de 2005.

O poeta e narrador Xesús Rábade Paredes é un dos seus discípulos máis destacados e a el coñeceuno cando exerceu en Lugo. "Acababa de chegar a Galicia e os primeiros cursos impartiunos no Instituto Masculino de Lugo. Viña moi ben formada, era nova, empatizaba cos alumnos e foi realmente un impacto para moitos, sobre todo, para os que empezabamos a escribir, aos que ela protexía con especial coidado", describiu, en declaracións a Europa Press, Rábade Paredes.

A principios do curso 1965-66, María Victoria Moreno aprobou as oposicións de profesora agregada de Lingua e Literatura española e o seu destino foi o Instituto Masculino de Lugo, onde tomou posesión o 1 de novembro dese primeiro ano, tal e como figura na biografía publicada por Galaxia da autora Montse Penas Presas. En 1967 deixa este centro e incorpórase ao Instituto Feminino de Pontevedra.

Alí entre as súas alumnas volveu causar "impacto". Algunhas, como Ángeles Couto --que viña da emigración en Uruguai-- e as súas amigas lembran hoxe en día á súa profesora como a primeira persoa que lles ensinou lingüística, un ámbito da Lingua que nunca antes lles explicaron. E sorprendeu deixándose tutear e permitindo "fumar" ás súas alumnas naqueles inicios da década dos 70 nos que, con todo, non estaba prohibido en lugares públicos.

No que actualmente é o Instituto Valle-Inclán de Pontevedra tamén impartiu clase á catedrática e membro da Real Academia Galega (RAG) Rosario Álvarez, quen na mesma biografía de Montse Penas publicada por Galaxia lembra á docente como "excelente" e "apaixonada", adxectivos que se atopan entre alumnos e compañeiros de profesión ao longo da súa traxectoria.

María Victoria Moreno, homenaxeada no Día das Letras de 2018
María Victoria Moreno, homenaxeada no Día das Letras de 2018

"FACILITOU LIBROS QUE NON CHEGABAN A NINGUÉN"

María Victoria Moreno, como profesora, facilitou libros que "non chegaban á xente da rúa nin ao profesorado sequera porque estaban prohibidos pola ditadura" e, ademais, deu clases particulares, algunhas na clandestinidade, aínda que o seu altruísmo neste ámbito executouno até o final da súa vida.

Así o lembra Tomás González, quen se lembrou de como recibiu na súa casa aos fillos dunha familia musulmá en Pontevedra para darlles clases de lingua e conseguir a súa integración, ademais de ofrecerlles comer no seu fogar. No franquismo, eran "longas as conversas no seu coche" con Rábade Paredes, lembra o poeta.

E de feito, antes de que ela axudase a esta integración de quen viñan de fóra no ano 2000, foi María Victoria Moreno a que se incorporou á cultura galega. "Chegou a Galicia disposta a integrarse nun país que ten unha cultura", asegura Rábade Paredes, quen atribúe esta circunstancia ao "talante persoal" dela, quen procedía da Universidade Complutense de Madrid da man de Dámaso Alonso e Rafael Lapesa.

DISCÍPULOS DO RURAL

Como profesora, en palabras do escritor lucense fincado en Rianxo, captou "devotos" e detectaba os "talentos" entre os alumnos. E a través "fundamentalmente" del e outros discípulos procedentes do rural, dixo, entrou en contacto coa lingua galega.

"Ela foi cabal e honrada na súa transmisión. Por iso foinos tan mal naquela etapa na vida a moitos; xustamente, por comprometerse, por explicar a literatura cabalmente", asegurou Rábade Paredes, quen tamén lembrou que Xesús Alonso Montero foi a outra figura a través da cal entrou con contacto con Galicia.

Rábade Paredes rememora que a súa relación profesional "non se interrompeu nunca" e ela "coidou" os seus textos e mesmo promoveu a publicación da súa primeira obra poética, unha forma de ser mestra que lle acompañou durante todos os anos de docencia. "Era moi próxima. Falaba da vida e tiña unha capacidade especial para percibir á xente que escoitaba, aos que non se rían dela", comenta, pola súa banda, Tomás González, cofundador da cooperativa que creou Urco Editora.

De Vilaboa, paraba moitas veces en Pontevedra xa como universitario en Santiago para visitar á profesora María Victoria Moreno e "falar" con ela, a quen --lembrou-- "non deixaron dar en COU" (o curso preuniversitario) durante algún ano. Respecto diso, este alumno acordouse de que houbo "queixas" porque non impartía as clases da forma máis convencional, pero finalmente "calou moitas bocas" cando si puido acceder a ese curso.

OS SEUS "CACHORROS"

María Victoria Moreno, dixo citando as propias palabras da escritora, "sen os seus cachorros (alumnos), morría". Non en balde, a escritora, que deixou 5.000 volumes como legado á Biblioteca do Instituto Torrente Ballester --como lembrou para Europa Press o seu director, David Castro--, tentou dar clase até o final, mesmo cando semanalmente tiña que acudir ao médico para recibir as sesións de quimioterapia.

A súa maneira de comunicar en clase era a de "pór" ao alumnado "en contacto" coa obra, desde o franquismo até as súas clases aos nados na democracia. E "era tan boa persona", comentou Tomás González, que facía "dous modelos de exames", o que ela prefería que se realizase --cunha pregunta para desenvolver e reflexionar-- e outro para quen optaban por "chapar datas e nomes".

A profesora afincada en Pontevedra e xa viúva do seu home desde mediados dos 90 seguiu mantendo relación cos alumnos que seguían o seu interese pola literatura, desde Rábade Paredes até os máis recentes. Lembra Tomás González cando os convidou "a robaliza e cochinillo" e deulles un agasallo personalizado a cada un: "Gardo coma se fose ouro a guitarra española que fixera facer para o seu defunto marido".

O seu paso polo ensino é indisoluble á súa figura como escritora e, asegura o director do Instituto Torrente Ballester, a súa presenza segue no día a día deste centro educativo, onde alumnos que nin sequera coincidiron en con ela falan da autora pontevedresa de adopción. Agora, o instituto trata de completar a colección de libros de 'El Quijote' traducidos aos distintos idiomas que ela comezou e doou.

Ana María Victoria Moreno, Día das Letras Galegas 2018
Ana María Victoria Moreno, Día das Letras Galegas 2018
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Eu mesmo

Non sei, non sei. Para min que antes que esta, para a maioria, descoñecida, estaba Xela Arias. A única explicación é que resposta a decisións da casta que goberna a RAG.

1 Un galego

Ás veces nace unha estreliña onde menos esperas. Seguro que segue brilando aló arriba para sempre.