A Radio Galega ampliará a duración dos seus informativos e asegura que "duplicará" o tempo dedicado á cultura

A Radio Galega anunciou que a partir do mes de setembro ampliará a duración dos seus informativos e "duplicará" o tempo dedicado á información cultural, de forma que o espazo 'Diario Cultural' cambiará de formato e realizaranse catro edicións diarias.

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/05/2018 | Actualizada ás 10:40 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A Radio Galega anunciou que a partir do mes de setembro ampliará a duración dos seus informativos e "duplicará" o tempo dedicado á información cultural, de forma que o espazo 'Diario Cultural' cambiará de formato e realizaranse catro edicións diarias.

Nun comunicado, a Radio Galega anuncia para a próxima temporada 2018-2019 unha renovación na súa grella que supón que os informativos e principais programas incrementarán a súa duración "para integrar a cobertura dos asuntos de carácter local e dos contidos especializados".

Así, o 'Galicia Por Diante' emitirase entre as 6,00 e as 14,00 horas, cunha combinación de información e entretemento. 'A Crónica das Dúas' ampliará tamén o seu horario para emitirse entre as 14,00 e as 14,45 horas, de forma que o último cuarto de hora estará dedicado á información de ámbito local e comarcal.

Pola súa banda, 'A Crónica' dobrará a súa duración e ofrecerá, entre as 20,00 e as 21,00 horas, espazos dedicados á actualidade xeral, local e especializada, mentres que a partir das 22,00 horas, de luns a xoves, será tempo da análise. Os informativos da fin de semana ofrecerán dúas edicións de 'Galicia Por Diante', tanto o sábado como o domingo, entre as 8,00 e as 12,00 horas.

INFORMACIÓN CULTURAL

En canto á información cultural, crearase un novo departamento "que seguirá co consolidado 'Diario Cultural'", que segundo a emisora pública "cambia de formato para converterse nun elemento estrutural da nova grella".

Así, a emisora pública explicou que se realizarán catro edicións diarias, o que supón "que se duplica o tempo de cultura diario na Radio Galega, que pasa de 50 minutos a 100 en máis franxas horarias". Durante as fins de semana, como novidade haberá outras tres edicións en directo do 'Diario Cultural'.

A emisora pública asegurou que o equipo dedicado á cultura estará integrado "polo mesmo persoal e será reforzado con novas incorporacións de dentro da Radio Galega". Así mesmo, crearase unha web específica de 'Diario Cultural' para facer accesibles todos os contidos dixitalmente.

En canto á proposta deportiva, crearanse dúas marcas que estarán vinculadas ao 'Galicia en Goles': 'Zona Mixta' e 'Ao Contraataque'. O primeiro programa, centrado na información e análise do mundo deportivo, emitirase de luns a venres, entre as 15,00 e as 16,00 horas; mentres que o segundo realizarase na franxa nocturna, entre as 23,00 horas e a medianoite.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta