Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/05/2018 | Actualizada ás 15:23
Un novo decreto da Xunta "simplifica" a burocracia para efectuar tallas forestais e axiliza os trámites para a curta de árbores, "preservando" os valores naturais. O decreto chega sete meses despois da gran vaga de lumes do pasado outubro que calcinou máis de 50.000 hectáreas.
Así, o decreto, que fomenta o uso telemático, recolle que para terreos sen especial protección e coníferas basta cunha autorización previa. Do mesmo xeito, entre as principais novidades, que debullou o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello --que esta semana se adiantou ao mércores polo festivo na capital galega--, céntranse en que o requisito "principal" para unha corta será "a declaración responsable" para os casos nos que non baste a comunicación.
O tempo "máximo" de autorización será de 60 días (dous meses) e o silencio administrativo concluído este período será positivo, é dicir, permite a talla. No entanto, Feijóo precisou que para moitas das 85.000 peticións anuais que se fan bastará coa comunicación previa.
Na súa intervención, o máximo mandatario autonómico tamén detallou as excepcións, como o caso da madeira queimada, que deberá someterse a autorización previa da Xunta, co fin de evitar fins "especulativos" da curta de masa forestal nesta situación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.