Por Galicia Confidencial | Santiago | 10/05/2018 | Actualizada ás 09:58
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, CPXG, emitiu un comunicado no que mostra a súa preocupación diante da nova programación presentada pola Radio Galega (RG). Sobre todo mostra unha preocupación pola retirada da grella das desconexións locais dentro dos servizos informativo. Esta modificación na radio pública galega será efectiva desde o mes de setembro.
A decisión de eliminar as desconexións dos servizos informativos desde as cidades de Coruña, Vigo, Lugo e Ourense, xa viña precedida da eliminación en 2010 das delegacións de Ferrol, Burela e Pontevedra. Desde o CPXG resaltan que “a información de proximidade ten que ser un dos piares básicos da función dos medios públicos”, e máis aínda “nun contexto poboacional como o galego e nun medio, o radiofónico que é un dos preferidos polo público para achegarse ás noticias locais”.
No mesmo comunicado lembran que “se ben desde a dirección (da RG) se asegura que se continuará a ofrecer información local dentro doutros espazos” para o Colexio de Xornalistas “isto implica a perda dunha referencia horaria para a cidadanía dentro da programación” e traendo como consecuencia unha “centralización da información que resta independencia ás delegacións”.
Finalmente, o CPXG lamenta que outra das “novidades” da nova programación da emisora publixa sexa a desaparición do programa “Diario Cultural como espazo independente”. O órgano colexiado dos xornalistas galegos entende que aínda que “a corporación asegura que o cambio de formato obedece a unha aposta pola cultura” e “que busca convertela nun elemento estrutural da nova grella”, os novos cambios semellan unha decisión “contraditoria coa atomización da programacón cultural e a desaparición do formato referencial da cultura nos medios públicos, que contaba con 28 anos de historia”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.