Por Galicia Confidencial | Santiago | 10/05/2018 | Actualizada ás 12:10
O manifesto “Nós non imos quedar caladas” é un chamamento á defensa do programa Diario Cultural e dos medios públicos en galego. Isto despois de que a CRTVG anunciara o 8 de maio, Diario Cultural deixará de existir no seu formato actual para ser un espazo dividido e integrado noutros programas. Así, Souto comeza o seu manifesto de maneira contundente: “Os medios de comunicación públicos son patrimonio de todas, de todos: Nós non imos ficar caladas!”.
Para Souto, o programa que dirixe e presenta Ana Romaní con Xiana Arias e producido por Concha de la Fuente non ten dono ou propietario. “Ningunha dirección é propietaria do Diario Cultural. Despois de 28 anos de traxectoria, este espazo é un referente, patrimonio de todas, de todos os galegos”. Xurxo Souto salienta tamén o carácter público e divulgador da Radio Galega e da Televisión de Galicia sinalando que “A existencia de medios de comunicación públicos é un gran triunfo colectivo desta sociedade, un instrumento definitivo para o futuro da propia lingua”.
O antigo líder dos Diplomáticos de Montealto considera que a aparición dos medios públicos en galego foi todo un triunfo, porque permitiu desenvolver en galego a carreira de moitos e moitas artistas, “ un modelo propio, que nos permite recoñecérmonos e dialogar, en pé de igualdade, con todas as culturas do mundo”.
No manifesto tamén se lembra a desaparición doutros programas de tipo cultural que como Onda Vital, Libro Aberto, Planeta Furancho, Alalá ou Eirado. Encadeando con isto, o manifesto creado por Souto sinala que “ a Radio Galega non foi creada para traducir as axendas e os contidos das cadeas estatais. A Radio Galega naceu para ser o referente primeiro de todas as formas de cultura que produce esta sociedade. Exactamente como leva facendo, dun xeito espléndido, dende hai 28 anos, o Diario Cultural”.
E se aínda non quedaba claro o exposto por Souto, no seu manifesto reproduce o punto número un da lei de creación da Compañía de Radiotelevisión de Galicia. Non obstante, no manifesto ponse sobre a mesa que os medios públicos galegos, a Radio Galega neste caso: “A pesar deste mandato, a Radio Galega é cada vez menos galega, tamén en materia xeográfica” referíndose neste último punto á “ eliminación das desconexións locais cos contidos propios de cada cidade e das súas áreas de influencia”. Punto este para Souto paradoxal pois “o medio que, por definición, debería informar máis de preto, desatende a contorna máis próxima”.
O manifesto, promovido por un grupo de persoeiros entre os que están Margarita Ledo, Suso de Toro, Xiana Lastra ou Manuel Bragado, demanda: “Cómpre lembrarlle aos actuais responsables que non dirixen unha compañía privada, este medio é propiedade de todas e todos, e deben cumprir a lei. E cómpre lembrarlle tamén ao conxunto da sociedade que temos o dereito e deber de demandarllo”. E remata coas frases: “Nin silencio, nin barbarie: Longa vida á creatividade e ao talento. Longa vida ao Diario Cultural!”
Por último, quen desexe asinar este manifesto, o enlace a el é o seguinte: https://nosnonimosficarcaladas.wordpress.com/
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.