Por Galicia Confidencial | Vigo | 11/05/2018 | Actualizada ás 22:00
O modelo autonómico español só serviu como "antídoto do federalismo", dun "auténtico modelo federal que recoñecese a plurinacionalidade do Estado". É por isto, e ao fío da desafección de máis de dous millóns de cataláns cara a España, polo que o politólogo galego Álvaro Xosé López Mira pide superar xa o Estado das autonomías para inaugurar unha nova xeira federalista.
López Mira —profesor do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía da Universidade de Vigo— defende a articulación dun novo modelo de Estado baixo o paraugas dunha nova Constitución federal, no que haxa unha verdadeira cámara de representación territorial con potestades desa índole, no que cada Estado federado teña capacidade de intervención nos asuntos europeos que lle afecten, no que exista un Tribunal Constitucional de designación equitativa entre os órganos federados e os federais — seguindo o precedente alemán de Karlsruhe—, onde existan principios de federalismo fiscal acompañando os de autonomía e suficiencia financeira, e no que se federalice un poder xudicial que agora o profesor considera "absolutamente centralizado".
"As técnicas lexislativas invasivas restan poder real de decisión ás Comunidades Autónomas", expón o profesor galego.
Estas son vellas demandas de López Mira que agora recupera nun contexto, o actual, no que o debate sobre a reforma da Constitución española de 1978 está máis vivo ca nunca polos acontecementos dos últimos anos en Cataluña, que levaron a un referendo de independencia lexítimo, pero sen validez legal, e a unha simbólica declaración de independencia.
No seu diagnóstico do Estado autonómico, o profesor da UVigo observa que "as competencias da maioría das Comunidades Autónomas son numerosas en canto executivas, pero sumamente avaras no verdadeiro decision-making e moi desvirtuadas por técnicas normativas en mans do poder central, nada acordes con calquera modelo federalista". Nesa liña, engade: "As técnicas lexislativas invasivas restan poder real de decisión ás Comunidades Autónomas, deixándolles só as competencias de execución coma se fosen organismos de mera descentralización administrativa, nunca política. Tendencias centrípetas que non lograron senón acentuar as centrífugas".
López Mira sinala a fallida descentralización do Estado autonómico español, pois "a descentralización implica a existencia dun goberno central, que pode repartir funcións ou áreas segundo considere oportuno". Por iso, contrapón os sistemas descentralizados, como o español, nos que "a difusión do poder é materia de graza, non de dereito, e na práctica, antes ou despois é considerada como tal", cos sistemas federais clásicos —pon coma exemplos Canadá, Estados Unidos e Suíza—, baseados nun "sistema non centralizado" no que, aínda que existe un Executivo central ou nacional, "este non controla todas as liñas de comunicación política e de toma de decisións", matiza o profesor.
O politólogo da UVigo considera que o modelo autonómico español "consolidou unha descentralización política pouco sincera".
É dicir: "nestes países [federais], as provincias, estados, ou cantóns, non son criaturas do goberno federal, senón que reciben o poder directamente do pobo. Son estruturalmente inmunes ás interferencias federais". De xeito que "a non centralización vén representada mediante unha matriz de gobernos (non unha pirámide máis ou menos jerarquizada)" na que ningún centro de poder é superior ou inferior aos outros.
Por isto, precisamente, considera que o modelo autonómico español de 1978 "consolidou unha descentralización política pouco sincera", pois "resulta difícil atopar algunha parcela competencial, é dicir, de poder político no que non se atopa como última instancia decisoria un órgano central do Estado ou dunha UE que renunciou, de facto, ao principio de subsidiariedade".
CRISE CATALÁ
Anticipándose a aqueles que reivindican a globalización como un novo marco humano no que non terían cabida novas nacións ou Estados emancipados, López Mira argúe para o caso español que "a reivindicación diferencialista de determinados territorios en España non constitúe unha anomalía nos tempos da globalización, nin tampouco unha reminiscencia da descolonización". Ao contrario, considera que "a mundialización xerou a eclosión de identidades locais sempre latentes tanto en zonas dominadas por conflitos violentos (desde os distintos Kurdistanes ata o Tíbet), como noutras de consolidadas democracias (Canadá, Reino Unido ou Bélxica)".
A isto habería que engadir unha realidade sociolóxica empiricamente demostrada: o desapego que cada vez máis cidadáns mostran cara a España, ou cando menos cara o seu modelo territorial, especialmente en Cataluña. Así, o politólogo galego recupera os datos aportados polo Observatorio Político Autonómico de 2008 —dous anos antes da sentenza do Tribunal Constitucional que mutilou o Estatuto de Autonomía de Cataluña—, cando "un 11,6% de cataláns se consideran unicamente membros da súa Comunidade (32,7% no País Vasco), 19% máis catalán que español (17,1% en Andalucía ou 22,8% en Galicia) e un 47,3% tiñan sentimento de pertenza compartido Cataluña/España". Unha realidade que foi mudando até hoxe, cando máis de dous millóns de cataláns expresaron nunhas urnas —en outubro de 2017— que se queren separar de España.
"Simplificar unha cuestión política deste calado co desprezo cara ao que se considera diferente non a vai solucionar aínda que si pode empeorala", di sobre o caso catalán.
"O cambio sociopolítico foi de tal magnitude como vertixinosos os propios acontecementos políticos (desaparición de partidos de goberno, drásticos cambios no sistema de partidos, múltiples convocatorias electorais ), pasando dos datos sinalados a, aproximadamente, a metade da cidadanía catalá apostando, a través de vías democráticas, por unha república independente de España", repasa o profesor.
Por esta contrastada realidade sociopolítica é precisamente polo que considera que "simplificar unha cuestión política deste calado co desprezo cara ao que se considera diferente non a vai solucionar aínda que si pode empeorala, nunha sorte de inconsciente unitarismo separatista".
López Mira recorda na súa análise que o proceso independentista de Cataluña xerminou nunha sentenza do Tribunal Constitucional, "instado por estreitas políticas partidistas de curto prazo, que desconsideraron o feito de que fose votado afirmativamente, alén as instancias parlamentarias, polo pobo catalán".
O profesor da UVigo non dubida que "coa reforma do Estatuto catalán se rompeu o pacto constitucional que requiría do concurso de dúas vontades políticas, a autonómica e a estatal manifestada polo órgano representante da soberanía española e reforzadas, ademais, pola vontade plebiscitaria dos interesados: o pobo catalán. Nada máis, pero nada menos".
"Se a articulación territorial non se resolve e o intervencionismo estatal é extremo, non pode ser senón fantasía, inxenuidade ou falacia alardear de modelo político-territorial descentralizado", expón López Mira.
Máis gruesas son as súas palabras a continuación: "O día que un órgano do Estado, se queremos tecnocrático e co seu prestixio en dúbida pero non politicamente neutral, o Tribunal Constitucional irrompeu como elefante en cacharrería no núcleo de pactos políticos con elevadísimos niveis de consenso, violentou, sen dúbida, o traballo de ourivaría do pacto constitucional en materia territorial e, ademais, contra o mesmo suxeito político, Cataluña, co que inaugurou a súa senda interpretativa do Estado autonómico, nunca profederal".
Para López Mira, estes feitos poñen cuestión o modelo autonómico. Pero o sistema político que se deu España en 1978 entra tamén en discusión por detalles máis pequenos pero non menos importantes. Así, o profesor lembra, por exemplo, que "a Axencia Tributaria enviou Inspectores de Traballo, escoltados pola Garda Civil, para inspeccionar as axudas entre os veciños do rural galego á hora de recoller a colleita de patacas, de uva ou o millo e a herba para o silo, colaboración comunal cun carácter ancestral nun territorio no que boa parte das propiedades son, precisamente, de mancomunidade xermánica e reguladas por un Dereito civil propio con raíces históricas milenarias", describe o politólogo, que subliña que "o Goberno autonómico se limitou a esbozar unha tímida protesta por estes feitos".
"Se a articulación territorial non se resolve e o intervencionismo estatal é extremo, non pode ser senón fantasía, inxenuidade ou falacia alardear de modelo político-territorial descentralizado, unha especie de devolution trampa e, moitísimo menos como sostén parte da doutrina, federal", sentenza López Mira.
MEDIOS DE COMUNICACIÓN E LINGUA
O profesor da UVigo observa tamén que existe en España unha "cultura política maioritaria" que "se resiste ferreamente a entender que as minoritarias queiran buscar un lugar ao sol, polo que opta por estratexias, ora defensivas ora agresivas pero, desde logo, carentes do máis mínimo espírito federal".
Aí sinala directamente aos "medios de comunicación maioritarios (televisións, radios ou prensa) radicados na capital do Estado [Madrid]", nos que hai unha "práctica unanimidade" contra as aspiracións soberanistas das periferias. Estes medios, di López Mira, "marcan a axenda mediática da maioría do país e a súa agresividade cos diferencialismos do que eles consideran o estándar da cultura política española".
Neste diagnóstico da España autonómica centralista, o politólogo galego apunta á situación que viven as linguas cooficiais nos seus territorios nun Estadio no que "se combate o deber de coñecelas" e no que, "a diferenza dos Estados federais plurilingües, gran parte da sociedade e as elites españolas non as consideran con respecto como unha gran riqueza cultural, senón como un pernicioso elemento desintegrador, exclusivo de nacionalistas periféricos".
O máis laborioso cara unha España federal será "forxar unha cultura política fundamentada no respecto á diferenza e os diferentes que non por iso son ilotas, estranxeiros, estraños e, por tanto, potenciais inimigo", advirte o experto.
CONSTRUÍR O ESTADO FEDERAL
Nun país no que, segundo López Mira, dominan os "incendiarios", recoñece que "non é doado chegar a un punto de encontro medianamente racional". Con todo, si está convencido de que "un federalismo sincero podería ser un punto de partida" para substituír o Estado autonómico, o cal "buscou ser antifederal, antídoto máis que fármaco", critica o profesor.
Pero como se articularían neste contexto Comunidades Autónomas que non pretenden ser unha nación política distinta da española? Ou como encaixaría unha xefatura de Estado monárquica cunha construción política federal? Estas son algunhas das preguntas que xorden na análise de López Mira.
O profesor non dá a resposta, pero si indica o camiño: "Construcións políticas moito máis arduas vivimos na nosa época; falemos por exemplo da Unión Europea e, aínda que rengueante nos seus procesos de adaptación aos cambios sociais, económicos e políticos máis recentes, non cabe dubidar do seu éxito a pesar da súa singularidade creativa".
O máis custoso no percorrido cara unha España federal será "forxar unha cultura política fundamentada no respecto á diferenza e os diferentes que non por iso son ilotas, estranxeiros, estraños e, por tanto, potenciais inimigos que, ademais, persisten nunha irracionalidade de pensamento que non merece debate senón mera descualificación por parte das elites intelectuais, os desfachatados intelectuais parafraseando a Sánchez-Cuenca, que establecen a verdade oficial ou dogma prexuicioso do single-mindedness", advirte o politólogo.
Esta nova achega de López Mira ao debate sobre o modelo de Estado para España vén de publicarse na Revista de Derecho Político, que edita a UNED, co título 'El modelo autonómico español como antídoto del federalismo'.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.