Por Galicia Confidencial | Compostela | 14/05/2018 | Actualizada ás 22:00
O funil da Xunta de Galicia para encher con cartos públicos os grandes medios de comunicación non para. E cada ano aumenta a ritmos que non se corresponden cos aumentos de partidas destinadas á sanidade, educación ou servizos sociais públicos. De feito, para o 2018 o Goberno galego aumentou en case un 20% as partidas para publicitar o turismo nos grandes medios de comunicación.
Así, a Axencia Turismo de Galicia acaba de adxudicar a elaboración, produción e plan de medios da campaña de promoción dos recursos naturais, culturais e gastronómicos de Galicia durante 2018 por valor de máis de 8,2 millóns de euros con IVE. Unhas partidas que aumentan en dous millóns con respecto ao 2017 e que serán xestionadas por 11 empresas publicitarias diferentes que serán as que contratarán as campañas nos medios de comunicación, especialmente, nos medios preferentes do Goberno galego.
A tramitación deste acordo marco foi por “procedemento aberto, tramitación anticipada, pluralidade de criterios e documentalmente simplificado” e está cofinanciado polo fondo europeo de desenvolvemento rexional (nun 80%), no marco do programa operativo feder Galicia 2014-2020, no obxectivo temático 6, prioridade de inversión 6.3, obxectivo específico 6.3.2.
A ESCUSA DO CAMIÑO
O Goberno galego xustifica este significativo incremento aludindo ao aumento do turismo en Galicia “tendo en conta que estamos ás portas da celebración do Xacobeo 2021”, indica. Así, sinala que, tendo en conta a promoción turística na súa dimensión vacacional, gastronómica, natural e cultural, así como o propio Camiño de Santiago, “faise necesario poner en marcha unha serie de instrumentos entre os cales destaca unha campaña de promoción de Galicia como destino vacacional, de peregrinación e de estancias breves, tanto na época estival como en fins de semana e pontes”.
Por iso, o principal obxectivo do contrato, segundo aclara Turismo de Galicia, é a promoción turística de Galicia no verán, primavera e no outono e os seus produtos gastronómicos. Por iso, recolle a realización de varias “ondadas” de campañas publicitarias con “impacto autonómico e nacional”.
Entre estas campañas están a promoción turística de Galicia na primavera, “potenciando o interese turístico de Galicia durante o Entroido, a Semana Santa e as pontes de maio”. E tamén no outono, potenciando o interés gastronómico e turístico de Galicia durante o último trimeste de 2018.
Pero o especial interese da Xunta é atraer turistas durante o verán con ata dúas campañas diferentes, co obxectivo de ofrecer, a través dos medios, unha imaxe de Galicia de “bo trato aos turistas que visitan a nosa comunidade durante o período estival”. Finalmente, tamén aposta por promocionar o produto gastronómico de Galicia, así como a calidade da súa restauración.
NOVAS PARTIDAS
Por outra banda, a Xunta, a través do Instituto de Estudos do Territorio destinará case medio millón de euros nunha nova partida destinada aos grandes medios galegos para difundir e divulgar a importancia da paisaxe en Galicia. Unhas axudas aos medios que chegan logo de varias normativas do Goberno para regular a paisaxe e de crear a primeira carreira de paisaxismo no país.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.