Por Galicia Confidencial | Ourense | 15/05/2018 | Actualizada ás 09:00
Os médicos internos residentes (MIR) do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) traballan en condicións absolutamente lamentables. As condicións de hixiene e de descanso, din, son "precarias". Por isto, fan constar o seu "rotundo desacordo" e a súa "indignación" pola redistribución de cuartos de descanso para o persoal residente de garda de presenza física, en vigor dende o 10 de maio pasado. Esta redistribución, denuncian, "foi ordenada de xeito unilateral pola dirección para ampliar os seus despachos".
Os MIR recordan que antes da nova distribución xa contaban con habitacións de garda ubicadas no quinto andar do edificio cirúrxico, as cales foron construídas e acondicionadas para dito fin. A nova distribución implica que a nova ubicación das habitacións, na á esquerda do cuarto andar do edificio xeral, "non permite o descanso" destes médicos, que decidiron mostrar en imaxes as pésimas condicións nas que se atopan estas instalacións.
En primeiro lugar, están ubidacos nunha "zona de paso, con circulación ininterrompida por camas e padiolas dos servizos de coidados intensivos e reanimación; aparellos portátiles de radiografía...", o cal impide o descanso necesario.
As condicións de silencio e seguridade, detallan, "son nulas", xa que se atopan nunha "área de acceso público non restrinxido".
As habitacións, ademais, non están asignadas por especialidade, o cal "supón que as chamadas a unhas especialidades espertarán aos residentes doutras".
Outro problema que sinalan é o "mal illamento de portas e fiestras, sen sistemas de calefacción e aire acondicionado axeitados". Os MIR concretan que "non hai posibilidade de regular manualmente a temperatura".
A todo isto hai que engadir as "condicións de hixiene en estado precario", con "billas que perden auga, teléfonos de ducha rotos, falta de presión, alicatado e chan rotos...", describen os médicos.
A estas precarias condicións engádese a falta de privacidade, xa que hai "un baño por cada catro persoas, a compartir por cada dúas habitacións", quéixanse.
DESPACHOS DA DIRECCIÓN
Os MIR censuran que o cambio de habitacións entrou en vigor "sen realizar previamente o traslado de mobiliario, enviado dende as habitacións habilitadas ás desmanteladas, o que supuxo un trastorno para os residentes de garda aquel primeiro día".
Os internos residentes consideran que a ampliación do CHUO habilitou áreas noutras zonas do complexo que "poderían ser perfectamente habilitadas para ubicar os novos despachos" dos directivos, "sen necesidade de desprazar as habitacións de garda de residentes de especialidades hospitalarias".
Estes médicos recoñecen que o CHUO presenta problemas de espazo, pero "por unha mala política de planificación", de xeito que, por exemplo, "no momento actual a dirección está ubicada no edificio cirúrxico, teoricamente deseñado para minimizar as entradas de persoal con roupa de rúa ou público e posibilitar a circulación de persoal con uniformes contaminados tras a realización de procedementos sen saír a áreas públicas".
Pero coa inauguración do edificio novo de hospitalización, din, "quedaron baleiros distintos andares do hospital Santa María Nai e do propio edificio Cristal, onde podería ser reubicada a dirección", aconsellan.
"Lonxe de ser reubicada, a direción amplíase na localización actual, anulando as habitacións para médicos internos residentes, asignándolles uns espazos desmantelados sen perspectiva de rehabilitación", denuncian os MIR.
As súas queixas non quedan aí. Subliñan que "se no canto de ampliarse na ubicación actual, a dirección ao completo fose reubicada en novos espazos, o persoal médico de urxencias ubicado nos últimos anos nunhas habitacións vellas no baixo do hospital, podería contar con novas habitacións na mesma á na que están localizadas as habitacións para residentes de especialidades hospitalarias, agora desaloxadas. Desta maneira, todas as habitacións para persoal médico do hospital serían dignas", aportan.
Por todo isto, os MIR do CHUO consideran que as novas condicións nas que teñen que desenvolver a súa actividade asistencial durante as gardas "non son asumibles" e piden a restitución das habitacións de garda para MIR de especialidades hospitalarias que no seu día se contruíron para tal fin.
Ademais, suxiren "o traslado de toda a dirección a novas ubicacións", para "posibilitar que o persoal médico de urxencias que polo momento conta con habitacións precarias no baixo, teña novas habitacións no quinto andar, nas mesmas condicións que os seus compañeiros".
Os MIR avisan que no caso de non obter unha resposta rápida e satisfactoria ás súas demandas horas, tomarán as "oportunas medidas" en defensa dos seus dereitos laborais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.