Por Moncho Mariño | Santiago | 15/05/2018 | Actualizada ás 23:44
O Día das Letras Galegas está dedicado este ano a María Victoria Moreno, unha extremeña que namorou do galego. Autores e autoras coma ela, que veu de fóra, axudan ao fomento do galego?
Cando a Real Academia Galega escolle a una persoa para o Día das Letras Galegas, tamén depende do momento. Buscamos primeiro un equilibrio, buscamos a alguén, unha figura que pode abrir un debate e que teña capacidade para incidir no momento social concreto. Na figura de María Victoria Moreno vexo catro factores a ter en conta. Un deles é a súa condición de profesora. Unha profesora militante unha profesora descubridora de mundos. Una profesora que traballou moito cos adolescentes, que é unha idade moi importante. E tamén era una profesora moi comprometida co seu traballo. Ela dixo moitas veces que o máis importante que era, era ser profesora. E iso de reivindicar o traballo nas aulas nunha idade tan importante como é a adolescencia. Ese é un momento no que unha profesora ou profesor pode instalar criterios nun alumno ou alumna. E aí a lingua galega ten moito que dicir. O segundo aspecto a ter en conta para min, é o feito de ser unha autora para ese mundo, o da adolescencia. Ela mesma dixo que era perfectamente capaz de escribir para adultos, pero quixo escribir para xente nova. Ela quería traballar para a descuberta de novos mundos para esa xente nova. A súa novela “Anagnólise” marcou toda unha xeración. O terceiro factor é ese feito de non ter nacido en Galicia. Chegou aquí con 24 ou 25 anos, incorporarse con esa idade xa adulta, comprometerse coa lingua que non lle ofrecía grandes exitos, senón que a comprometía cunha causa, cunha lingua e cos seus falantes. É a situación na que estaba esa lingua e os seus falantes comprometido politicamente a María Victoria como comprometeu a outras persoas. Nesa circunstancia temos autores e autoras que se comprometeron coa lingua e coa nación e que non son uns nenos. Xente que entendeu que aquí había algo que pagaba a pena. E outro factor é o feito de ser muller. Catro mulleres no Día das Letras Galegas Frente a cincuenta e cinco de celebración, tampouco é unha esaxeración por parte da academia que repare nunha muller para ese día. Que había outras? Certamente. Cada ano é unha oportunidade para abrir frontes de debate. Este ano da para falar de todas estas cousas.
Para o día das letras galegas buscamos alguén que poda abrir un debate e incida no momento social concreto
Segundo un informe elaborado pola Real Academia Galega o Consello da Cultura Galega, neste 2018 os menores de 15 anos monolingües en castelán poderían estar superando os monolingües en galego, como lingua de iniciación. Non lle parece alarmante?
Pois claro que é alarmante. Á academia preocúpalle que a xente nova non se incorpore activamente á lingua. Esa é una reflexión moi importante, porque cando os señores responsables da política lingüística din que a xente nova coñece cada vez máis a lingua, claro que a coñece na escola onde aprende a escribila correctamente ou razonablemente de maneira correcta. Iso é unha cousa, outra é a ocasión de uso. Nós agora na Academia, iniciamos contactos coa xente nova, para facerlles esas preguntas e termos datos cuantitativos como os que aparecen neses informes que elaboramos. O que vemos é unha razonable competencia no uso da lingua, grazas á súa presenza no sistema educativo. Hai unha actitude emocionalmente positiva a prol do idioma, pero logo vén un problema, os espazos de uso. Onde está o galego no ocio, na publicidade, nos grandes centros comerciais? Estou falando do mundo social que eles habitan, o mundo urbano, porque é onde se establecen os valores dominantes de comportamento. A Galicia rural non é a que manda hexemonicamente, quen o fai desde o século XIX son as cidades e as vilas. Aí é onde temos a batalla, unha batalla difícil. Centrar os recursos humanos e económicos para sacar isto adiante. E aí hai unha grande responsabilidade política, unha responsabilidade de todos, porque a lingua non é cousa só dos políticos e dos académicos. A lingua é dos falantes, dos homes e mulleres e das familias que lle transmiten aos fillos o galego. Pero as familias transmiten os valores dominantes, pois estamos na era da globalización, das novas tecnoloxías porque a xente nova consume produtos nas redes sociais. Hai unha hipocresía social de sacar en procesión as letras no día, na semana ou na quincena das letras. Pero o resto do ano buscas emisións na radio, e excepto a Radio Galega, non existe o galego máis que anecdoticamente. Porque un ten que estar pelexando para que non lle traduzan as súas declaracións ao castelán nun xornal.
Hai unha hipocresía en sacar en procesión a lingua no Día das Letras e o resto do ano a lingua non existe
Pero a responsabilidade de manter e difundir a linguna non é só obriga das autoridades educativas, non é?
O galego na escola é onde mellor está. Pero a min o que me interesa é que o galego saia do gueto da escola. E na escola hai moito que facer e que se podía facer mellor. Cunha política de mínimos e unha actitude de pasividade ou de mirar para outro lado cando non se cumpre a lei, o papel pon o que pon e despois cada un fai o que quere.
O galego está en perigo, entón.
Pois si, depende da vontade dos galegos e das galegas. Afortunadamente non está nunha situación irreversible, pero se segue nunha derivada deste tipo, pode pasar esa liña cero de crecemento cara atrás da que sería moi difícil saír. Por tanto, estamos a tempo de facer una política distinta.
Cunha política de mínimos ou mirar para outro lado non se cumpre coa lei
Teño que facerlle a pregunta. Diario Cultural, o programa da Radio Galega. Víctor Feixanes non só como presidente da real academia galega, senón como autor, terá unha visión propia.
Logo de 28 anos, o diario cultural é unha referencia na radio e Ana Romaní, concretamente, unha muller que forma parte da RAG, incorporamos una comunicadora. Pero eu non centraría o tema nin en Ana Romaní nin no mesmo programa. a propia radio galega publicou que o programa non desaparece senón que se transforma en diferentes formatos. Os que traballamos nos medios sabemos que isto é común e necesario. Non se trata de ter un esquema e reproducido eternamente. Eu son o primeiro en dicir que que as cousas deben ser enriquecidas e revisadas. Outra cousa é a política dos medios e dos medios públicos no futuro. Porque se van tratar o tema de novos formatos ou nova estratexia política de comunicación, será para conseguir máis audiencias. Eu abriría un debate sobre se a cultura galega está suficientemente representada nos medios públicos de Galicia. Falo dos medios públicos porque eses si teñen obrigatoriedade de atender o galego, incluída Radio Nacional de España en Galicia, que tamén é medio publico. Sería un erro de debate centrar isto nun só programa, cando a cuestión é moito máis ampla. Deberíamos sentar cos responsables destes medios públicos e falar sobre programación, porque eu non me conformo cunha hora de programación cultural. E tamén falar sobre outras cuestións como son os debates políticos e a información. Deberemos ter coidado nos vindeiros anos, no sexa que teñamos que poñernos mais serios.
Eu abriría un debate sobre se a cultura galega está dabondo representada nos medios públicos
Como está afrontando a RAG os cambios a respecto das novas tecnoloxías?
Con dificultades pero con xenerosidade e ilusión que é o que caracteriza a Academia. Esta é unha institución que traballa intensamente polos país e pola lingua. Ten ademais un mandato institucional da gramática e da norma. Eu digo sempre que cando hai 63.000 visitas diarias ao dicionario online da Academia, quere dicir que hai un equipo técnico que se reúne cada quince días en longas sesións de traballo. Nós deberiamos ser capaces de comunicar mellor este traballo á sociedade. Pero todo isto necesita recursos, un mínimo de recursos económicos para estabilizar orzamentariamente a institución. Eu non quero entrar agora, iso tédelo que facervos os investigadores, nos recursos que reciben outras institucións. Comparando recursos que recibe a Academia cos que recibe a Academia da lingua vasca. Ninguén daba un céntimo polo vasco hai 60 anos e aí o tes. Pero agora estamos facendo un traballo de renovación na web e na política de comunicación. Porque a parte científica é a que mellor está. Creo que a Academia ten que dar un salto na capacidade de comunicar todo isto á sociedade. En a incorporación de voces desa sociedade á propia Academia. iniciar un diálogo coa sociedade Imos comezar a través dos institutos, con reunións de traballo, con profesionais novos dos medios de comunicación, da medicina, do empresariado ou da publicidade. Falando de idioma e ver que podemos facer con todo isto. Por que volvo á pregunta de antes, que temos que facer para atraer xente nova? Para iso hai que escoitar a xente, o outro día unha alumna desta facultade, Xornalismo, “Por que non lles dades unas vacacións a Rosalía e a Castelao e nos escoitades a nós?” Esa frase quedoume gravada e vouna levar adiante polo menos no tempo que me queda la academia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.