A loita contra o gas radon chega aos edificios de uso residencial

A Xunta avanza que realizará unha guía de solucións construtivas para a protección fronte ao radon en edificios residenciais xa existentes. Estudos médicos comprobaron que exposicións prolongadas a este gas poden provocar cancro de pulmón.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 22/05/2018 | Actualizada ás 14:15

Comparte esta noticia

A exposición ao gas radon é, despois do consumo de tabaco, o segundo factor de risco do cancro de pulmón e o primeiro en persoas que nunca fumaron. Por iso o Código Europeo Contra o Cancro, publicado en 2014 pola Axencia Internacional de Investigación en Cancro da Organización Mundial da Saúde (OMS), sinálao como unha das exposicións ambientais a reducir. 

Mapa do radon en Galicia. As zonas vermellas son as máis afectadas
Mapa do radon en Galicia. As zonas vermellas son as máis afectadas | Fonte: USC.

Galicia é unha zona de elevada exhalación de radon dadas as características xeolóxicas do seu solo, que se fai máis manifesta nas provincias de Ourense e Pontevedra. Así o recolle o Mapa de Radon que realizaron os profesores de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago (USC) Alberto Ruano Raviña e Juan Miguel Barros Dios.

Ata hai uns anos a loita contra o radon era unha cuestión menor e só centrada en determinados edificios públicos, pero nos últimos tempos, diversos estudos e a insistencia de varios sindicatos fixeron que as administracións públicas asumiran un maior compromiso de loita contra este gas que emanan, sobre todo, os edificios de pedra.

Por iso, o Consello da Xunta autorizou o pasado xoves a sinatura do convenio entre a Consellería de Infraestruturas e Vivenda e o Instituto Tecnolóxico de Galicia para a revisión e actualización da Base de datos da construción de Galicia e  impulsar medidas de protección fronte ao radon en edificios de uso residencial xa existentes.

Deste xeito, a Xunta realizará estudos, informes técnicos e guías en colaboración cos seus técnicos, e está previsto que o primeiro destes traballos sexa a confección dunha guía de solucións construtivas para a protección fronte ao radon en edificios xa existentes de uso residencial. Posteriormente deberán incorporar á base de datos as unidades de obra e materias que se definan na dita guía.

Primeiro mapa que delimita as zonas do Estado máis expostas ao gas radon
Primeiro mapa que delimita as zonas do Estado máis expostas ao gas radon | Fonte: UNED

OBXECTIVOS DA BASE DE DATOS

Esta base de datos, segundo a Xunta, está destinada aos axentes vinculados ao sector da construción para a elaboración de presupostos de obra e como elemento de consulta e serve tamén como referencia á Consellería de Infraestruturas e Vivenda, tanto na redacción de proxectos propios como no cálculo de orzamentos relacionados coas diferentes liñas de axudas á vivenda.

Contén os prezos básicos de maquinaria, man de obra, produtos e materiais empregados na construción e unha parte importante das unidades de obra empregadas en edificación, urbanización (obra civil, restauración, mantemento e seguridade) e saúde laboral. Ao tempo, inclúe pregos de condicións, gráficos e textos que poden ser empregados ao desenvolver un proxecto. 

A partir de agora revisaranse e actualizaranse os prezos contidos nela, de acordo coa normativa técnica en vigor e a que se poida aprobar no período de vixencia do convenio. Tamén se actualizarán anualmente os prezos da man de obra e, gradualmente ao longo do período de vixencia do convenio e os prezos de produtos, e daráselles prioridade aos que teñen máis peso no conxunto dun orzamento de construción.

Esta Base de Datos da Construción de Galicia é de titularidade conxunta da Consellería de Infraestruturas e Vivenda e o Instituto Tecnolóxico de Galicia, e colaboran tamén na súa elaboración a Escola de Arquitectura da Universidade da Coruña. A base de datos está dispoñible no portal web www.presupuesta.com, no cal se poden consultar, ademais, outras bases de prezos. 

O RADÓN NOS EDIFICIOS RESIDENCIAIS

Na actualidade, os niveis de radon residencial no ámbito municipal pódense consultar na páxina web do Laboratorio de Radon de Galicia, o de referencia para o noroeste de España, xa que os seus membros participaron no informe sobre o radón da Organización Mundial da Saúde.

O Laboratorio de Radón de Galicia da USC fora comisionado polo Consello de Seguridade Nuclear para a medición en 11 provincias españolas no marco do mapa español. O galego conta na actualidade con máis de 3.400 medicións noutros tantos domicilios da xeografía galega.

Fotografía da sala de medición de gas radon no Laboratorio de Radioactividade Ambiental da Universidade da Coruña
Fotografía da sala de medición de gas radon no Laboratorio de Radioactividade Ambiental da Universidade da Coruña | Fonte: Sensors, 2017, 17, 1090.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta