Por Galicia Confidencial | Ourense | 23/05/2018 | Actualizada ás 12:00
Voluntarios de Verdegaia bótanse de novo ao monte este vindeiro sábado como parte das brigadas deseucaliptizadoras. Será na parroquia de Lentille, no concello de Cenlle para continuar a iniciativa que comezaron hai unhas semanas de substituír especies invasoras, como o eucalipto ou a acacia, por especies autóctonas como o carballo ou castiñeiro.
Precisamente, o obxectivo desta segunda Brigada é a erradicación de acacias, unha especie exótica invasora que supón un serio problema ambiental polo seu rápido crecemento, por competir coas especies autóctonas e pola acidificación do solo que trae consigo.
Os numerosos lumes que abafaron o país en outubro pasado favoreceron a proliferación das acacias, converténdose nun grave problema para as zonas afectadas, como é o caso de Lentille. Nesta ocasión, a intervención consistirá en eliminar os pés de acacia mantendo as árbores autóctonas que conseguiron sobrevivir, coa idea de introducir no vindeiro inverno froiteiras bravas.
“Recordamos que, ademais de inscribirse como Brigadista, é preciso anotarse a cada Brigada concreta”, lembran desde a entidade. Nesta ocasión, foron algo máis de 20 persoas as que se apuntaron como voluntarias para a realización dos traballos, que se levarán a cabo entre as 10 da mañá e as 2 da tarde, hora na que se ofrecerá un xantar ás persoas participantes.
A xornada completarase cunha foliada, un pequeno obradoiro práctico sobre o combate contra a velutina e un paseo pola zona, no que se poderan disfrutar das vistas do val do Avia. Desde a organización ofrecen luvas e ferramentas para todo o mundo e recomendan traer roupa e calzado apropiado para o traballo no monte, e un chuvasqueiro se así o recomenda o tempo previsto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.