Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/05/2018 | Actualizada ás 15:32
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, tachou de "insostible" a situación política do Goberno de Mariano Rajoy após a sentenza do caso Gürtel e dixo "confiar" na formación dunha maioría alternativa nunha moción de censura que desbanque ao actual Executivo.
A preguntas dos medios nunha rolda de prensa, o rexedor local instou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a "ocuparse" de "asuntos máis importantes" que o proceso de licitación dos accesos á intermodal: "Debería preocuparse de que é o presidente do noso país representando a un partido condenado por corrupción".
Neste sentido, Noriega asegurou que a sentenza dada a coñecer este xoves, que condena, entre outros, ao que fose secretario de Organización do PPdeG Pablo Crespo a 37 anos e medio, e ao propio partido a pagar unha multa de 245.000 euros, marca "un antes e un despois" nas administracións públicas.
"Desde un punto de vista de hixiene democrática, creo que a situación institucional vai cambiar porque é insostible. Ningún Estado de Europa sostería esta situación, porque é de vergoña", expresou.
Así, o alcalde pediu que, se o Goberno de Rajoy "non asume responsabilidades", se constrúa unha alternativa política "por iniciativa doutros partidos". "Non queda outra, isto é insostible", sentenciou.
Ademais, ante o rexistro no Congreso dunha moción de censura por parte do PSOE contra o actual Executivo, e despois do apoio demostrado polo grupo confederal Unidos Podemos, que inclúe a En Marea, demandou a "outras" formacións políticas que, "se non queren construír maiorías alternativas, se retraten e digan se isto é sostible".
E é que, para Noriega, a sentenza coñecida este xoves demostra "cousas gravísimas" como o financiamento ilegal do PP: "Non se pode falar de casos illados cando o problema está no tronco".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.