Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/05/2018 | Actualizada ás 18:55
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, negou que o seu Goberno teña interese recadatorio coas denominadas franxas de seguridade contra os incendios forestais e asegurou que a intención é apercibir aos donos que teñan as súas leiras sen limpar a partir deste 1 de xuño (cando expira o prazo que fixa a lei) antes de multalos.
Feijóo lembrou que a obrigación está en vigor desde 2007 e que "o único novo" foi "baixar o prazo dun mes de xuño a maio". Se o particular "incumpre" a súa obriga de xestión da biomasa desde este 1 de xuño, poderá ser sancionado.
"Calquera persoa poderá denunciar aquelas leiras que non cumpran co establecido na lei", explican fontes da Consellería de Medio Rural. "Pero será competencia de cada concello supervisar que esas franxas estean correctamente xestionadas", engaden.
Pola súa banda, os municipios deberán comunicar as denuncias a Medio Rural, que será o ente encargado de proceder á incoación do correspondente expediente sancionador. Este será de tipo económico e, ademais, poderá incluír os custos derivados da actuación pública (da limpeza en si da leira) e o comiso do aroborado ilegal (en caso de habelo).
O concello "poderá repercutir os gastos", lembrou Feijóo, antes de defender a creación de ferramentas: "4,5 millóns de euros a disposición das comunidades de montes e das Sofor, un 12% máis que o orzamento do ano anterior".
Tamén se referiu ás brigadas municipais para loitar contra o lume e tachou de "sorprendente" que haxa municipios que "non queiran" telas "e boten a culpa á Xunta" por incendios que se producen no seu termo municipal, "e máis no seu ámbito urbano". Ademais, lembrou que "se está pechando un convenio" coa Fegamp dotado de "6 millóns de euros adicionais".
SANCIÓNS
Así as cousas, desde este venres, no caso de optar por esta vía, os municipios deberán comunicar á Consellería de Medio Rural a vontade de sancionar a un propietario, xa que é o departamento autonómico o que ten que proceder a incoar o expediente, segundo explicou Feijoó.
"Non temos interese recadatorio nin sancionador, o primeiro que se vai a facer é apercibir ao propietario", subliñou a continuación. Con todo, apuntou que, "se de forma reiterada, após os apercibimentos, hai incumprimentos, abrirase un expediente sancionador".
Precisando que non se trata de "abrir expediente o 1 de xuño ou o 10", senón de apercibir, o xefe do Executivo chamou a atención sobre que "hai que ter labores contratados" ou que dalgunha maneira exista a "certeza de que se vai a facer". "Isto vai ir aos poucos calando", resolveu.
"Non é cuestión de mañá imos multar, vaise apercibir", insistiu. Se despois dese paso pode haber unha sanción, respondeu que "si".
TRACTORES PARA ROZA
Nesta mesma materia, a reunión semanal do Goberno avaliou este xoves un informe no que se dá conta da colaboración que este ano volverá ter Medio Rural cos concellos galegos para facilitar os traballos de limpeza no seu ámbito competencial.
Achegará en 2018 outros 3,2 millóns de euros para a subvención ou compra de 35 tractores con rozadora para dar servizo aos concellos.
Haberá tres clases de colaboración: a primeira, a través da subvención da compra dun vehículo (cun orzamento de 85.000 euros para cada concello que cumpra os requisitos, dos que se asinarán 19 convenios).
A segunda será mediante acordos coas xefaturas territoriais para o uso de maquinaria que manterá a propiedade da consellería (recibirán tres tractores as da Coruña e Lugo, cinco a de Ourense e catro a de Pontevedra) e a terceira, un caso particular no que se contará coa Deputación de Ourense, que achegará 30.000 euros para adquirir un tractor para o concello de Larouco (a consellería financiará os 46.000 euros restantes).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.