Por Galicia Confidencial | Santiago | 08/06/2018 | Actualizada ás 22:00
Sitio distinto é un documental sobre a emigración galega en Euskadi. Cal foi o motivo que te moveu para facer este documental?
Homenaxear a toda a poboación galega que chegou aquí, a comezos dos anos 90 era máis de 100.000 persoas de procedencia galega que vivía en Euskadi, e que a día de hoxe son 53.000. Estes datos non suman fillos nin fillas. A finalidade de Sitio Distinto é contar unha historia, homenaxear á xente que fixo posible historia e dignificar a emigración galega. Cando eu cheguei aquí hai oito anos, vin estudar a Donosti atopei unha realidade que era unha emigración galega moi forte. Tamén atopei unha realidade galega moi topificada. O da gaita, o da empanada e o marisco. Pero dentro da emigración atopei unha realidade moito máis forte. Había vínculos culturais vinculos lingüísticos. Era unha comunidade que mantiña viva a súa cultura aquí.
A emigración galega en Euskadi vive de costas ao que pasa en Galicia?
Eu diría que todo o contrario. Faría paralelismos coa emigración italiana e irlandesa en Estados Unidos. Eles están recoñecidos como nacións pero nós non, pero a realidade dos galegos e galegas en euskadi nalgúns casos, están máis conectados o que pasa en Galicia que o que pasa en Euskadi.
"Dentro da emigración hai vínculos moi fortes coa cultura do país"
Existe una presenza galega dentro do desenvolvemento social e político en Euskadi?
Creo que existe presenza galega en todos os niveis da vida social e política en Euskadi, mesmo a nivel industrial. Os emigrantes que crearon grandes empresas aquí, e hoxe en día cunha presenza moi alta.
No teu documental describes a emigración galega en tres fases. Cando foron esas fases e cales foron os lugares the principal acollida de galegos e galegas?
Comezou a finais do século XIX, xente para traballar nas minas de ferro da marxe esquerda da ría de Bilbao. Daquela precisábase man de obra para as minas. A segunda vaga Chegou coa industrialización e a fundición de ferro. Seguían chegando a área de Bilbao e logo foron ampliando cara ás vilas da costa. Logo dentro da ditadura franquista houbo un boom industrial, que chamou por máis man de obra. O factor de chamada galego cara a Euskadi viña por zonas. No barrio de Trintxerpe falamos de xente de Porto do Son, Bueu, que eran persoas que segundo chegaban chamaban por outras para ir traballar. Dependendo da zona de Euskadi varía a presencia galega. Pero non están misturados, en cada lugar é unha procedencia distinta.
Que casos particulares che chamaron máis a atención?
Pois coñecer a historia dun batallón de galegos antifranquista vinculados á CNT no barrio de Trintxerpe, ou que a xente para chegar aquí tardaba un día en bus. Por iso me fascinou a historia de una señora que me contou que a súa bisavoa chegará a Euskadi andando. Dixéronlle que en Bilbao había traballo, ela non sabía onde estaba esa cidade, así que botou a andar.
"O efecto chamada facíase por zonas, así dependendo da zona de Euskadi varía a presenza de galegos e galegas"
E o nome de Sitio Distinto documental porque o elixiches?
Unha, por que a xente que chegaba Euskadi chegaba a un sitio distinto, outra que para a xente de aquí os galegos crearon barrios que eran sitios distintos. En cidade e vilas entras en barrios cunha realidade sociolóxica distinta. Hai un barrio en Bilbao con moitas tendas galegas, os xoves chegan os produtos galegos e fórmanse verdadeiras ringleiras diante desas tendas. As seguintes xeracións integráronse na sociedade vasca. E o terceiro punto é Antón Reixa. Para romper todos os tópicos, pon moita forza entre os vínculos creados entre os dous pobos.
Cal foi a reacción que viches entre o público galego?
A presentación oficial foi no Cineuropa en Compostela. Estivemos en Lugo, Ferrol, Rianxo e a ultima presentacion foi no teatro Colón da Coruña diante de seiscentas persoas. A sensación que nos transmitiron foi que lles gustou ver a realidade da emigración galega noutros lugares. O proxecto foi posible gracias á colaboración da televisión pública vasca. Da Televisión de Galicia recibimos un silencio moi grande. Pero si tivemos o apoio da Deputación de A Coruña, do Concello de Pontevedra ou do Concello de Rianxo. colaboración de certos entes públicos. Pero no da Televisión de Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.