Mina Shayan: "Todas as mulleres musulmás están no punto de mira"

Aproveitando a data do fin de Ramadán, o proxecto "Mulleres musulmás pola participación social" reivindicou a ocupación dos espazos públicos para celebrar as festas populares que representen a diversidade cultural galega. Galicia Confidencial falou con Mina Shayan, técnica de intervención de SOS Racismo encargada de levar a cabo este proxecto.

Por Alicia Casas | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/06/2018 | Actualizada ás 14:25

Comparte esta noticia

Desmontar estereotipos, visibilizar unha cara máis real da poboación musulmá e combatir  a imaxe terxiversada que tanto perxudica a convivencia. Loitar contra a Islamofobia. Eses son os obxectivos que levaron ás mulleres participantes no proxecto "Mulleres musulmás pola participación social" da Federación estatal de SOS Racismo en Galicia, coa colaboración da Asociación Veciñal do Agra e a Asociación África Universal para celebrar a Fin de Ramadán o o pasado sábado na Coruña. 

Mina Shayan impartindo un obradoiro en 'Mulleres musulmás para a participación social' na Coruña
Mina Shayan impartindo un obradoiro en 'Mulleres musulmás para a participación social' na Coruña | Fonte: Galicia Confidencial

"A intención é xerar un espazo de solidariedade e coñecemento recíproco nun ambiente lúdico e alegre, a través dunha palestra onde mulleres de diferentes países falarán da súa visión como mulleres e musulmás, así como, a través dun picnic intercultural amenizado con música e baile" comunican desde SOS Racismo en Galicia. Así, reivindícase o dereito de celebrar, en espazos públicos, festas populares que representen a diversidade cultural galega "desfrutando da comida, música e baile, na compañía da veciñanza da Coruña". 

"Desmontar os estereotipos como a muller sumisa e vítima"

Mina Shayan, membro de "Mulleres musulmás pola participación social" en declaracións para Galicia Confidencial afirmou que cómpre "eliminar os prexuizos e desmontar os estereotipos como a muller sumisa e vítima". "Hai que visibilizar a cara activa, como con diferentes orixes e perspectivas sofren as mesmas discriminacións por ser negras, pobres...Hai que visibilizar que son moi distintas e parecidas ao mesmo tempo" sinalou Shayan.

Doutra banda, Mina Shayan falou dos posibles obstáculos que se pode atopar unha musulmá ao practicar o Ramadán: "será un pouco máis difícil, non existen as mesmas facilidades co horario de traballo. Non hai esa complicidade". 

Muller musulmá con velo
Muller musulmá con velo | Fonte: Ifrah Akhter

EMPODERAMENTO E PARTICIPACIÓN SOCIAL

Shayan tamén explicou o traballo que está a desenvolver en "Mulleres musulmás pola participación social". Un proxecto que están levando a cabo conxuntamente con Donostia e que consiste nunha serie de actividades e formacións que teñen como principal obxectivo fomentar a participación social de mulleres musulmás na comunidade e o achegamento entre mulleres e sociedade desde a perspectiva da diversidade cultural. 

E isto é, precisamente, o que Mina Shayan considera máis conflitivo: "formar grupos de mulleres musulmás é a parte máis difícil porque son de diferentes nacionalidades e teñen  diferentes crenzas. Nós traballamos o empoderamento e a participación social a través de diferentes actos de visibilización". 

ISLAMOFOBIA

Segundo Shayan, é preciso "dialogar, falar, hai imaxes moi negativas, hai moito rexeitamento, en ocasións nin se coñecen entre elas". E continúa: "O velo está aí, todo o mundo o ve pero non hai diálogo, non se afonda". 

"Ninguén quere sentar con elas. Sempre están no punto de mira."

"Hai moitísimas situacións de racismo, teñen moitos problemas nos espazos públicos, miradas, problemas no bus, no tren. Ninguén quere sentar con elas. Sempre están no punto de mira. Sempre están observadas" apunta Shayan, falando dunha realidade evidente da que non existe consciencia real. 

Doutra banda, o fenómeno do terrorismo está a incrementar a Islamobia, asociando unha relixión e unha cultura a un necesario radicalismo: "a xente, por ignorancia, moitas veces ten medo delas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta