SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/06/2018 | Actualizada ás 18:20 por EUROPA PRESS
O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, interpreta que o ente provincial recupera o control sobre Suplusa logo da sentenza da Audiencia Provincial que declara ilegal a composición e funcións do consello da sociedade que propuxo o PP, á vez que anula todos os acordos adoptados pola xunta xeral do 30 de setembro de 2016.
O fallo, con data do 13 de xuño de 2018, invalida os cambios de estatutos de Suplusa que posibilitaron que o exnúmero dous provincial e alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, saíse elixido presidente da sociedade do chan e, deste xeito, se fixese coa xestión para a apertura de residencias para a terceira idade.
Este venres, Campos asegurou que non ten por que producirse "ningunha batalla xudicial" porque afirma que a sentenza "é firme, clara, concisa, e vén demostrar que os acordos" do consello de administración adoptados o pasado mes de setembro "son nulos completamente", do mesmo xeito que "poden ser" as decisións tomadas con posterioridade.
O mandatario provincial incidiu en que o fallo "vén dicir que a modificación de estatutos, a proposta do Partido Popular, é ilegal". "Iso si que queda claro", remarcou, para logo avanzar que a deputación estudará a sentenza "nestes días" para tomar as medidas "que sexan oportunas".
Cuestionado sobre se, coa decisión da Audiencia Provincial, a Deputación recupera o control sobre Suplusa, Darío Campos aseverou que "se está estudando a sentenza". "Eu lina, é complicada; e nese aspecto creo que si que se pode executar agora mesmo", apuntou.
Nesta liña, o presidente provincial entende que Manuel Martínez "non sería o presidente de Suplusa" após o fallo emitido polos xulgados. Con todo, para Campos, a sentenza "está bastante clara e concisa", aínda que emprazou ao próximo luns para detallar os pasos que dará o ente provincial cara á resolución do conflito.
MANUEL MARTÍNEZ
Pola súa banda, o exvicepresidente da Deputación e alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, criticou as declaracións do portavoz provincial, Álvaro Santos, nas que o socialista asegura que "a sociedade é absolutamente irregular e está instalada nun disparate".
Para Martínez, esta afirmación "non se axusta á realidade" a pesar da citada sentenza. "O único que se cuestiona na sentenza é que a convocatoria da xunta xeral de 2016 ten defectos que poden ser emendados. Se é así, teremos que seguir escrupulosamente o que di a sentenza e convocar á xunta xeral para que ratifique ou non esa modificación dos estatutos", indicou este venres.
En todo caso, Martínez mantén que "as irregularidades" na convocatoria de dicha xunta levaron a cabo cando o xefe da Deputación, Darío Campo, ostentaba a Presidencia da sociedade.
A continuación, censurou que o goberno socialista defenda que "a convocatoria se ten que realizar seguindo a lei de sociedades", xa que, se fose así, segundo Martínez, "todos os consellos e xuntas celebradas desde 2003 serían ilegais".
O tamén alcalde de Becerreá avanzou que "tentará arranxar as diferenzas administrativas que recolle a sentenza", á vez que mostrou a súa intención de presentar un recurso de casación porque sostén que Suplusa "axústase ao que din os estatutos e réxese pola lei de bases de réxime local".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.