Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 19/06/2018 | Actualizada ás 17:47
Alfonso Hermida e Tati Moyano, condutores do Telexornal Serán, comunicaron o pasado venres, 15 de xuño, a súa dimisión por "discrepancias coa liña informativa" da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CTVG). A dimisión destes dous reputados xornalistas coincidiu coa campaña #VenresNegro4CRTVG para denunciar a "manipulación informativa" no ente público. Con todo, ambos os dous presentadores continuarán no posto ata o arranque da temporada de outono.
No que será a quinta edición da campaña de denuncia, este #VenresNegro5CRTVG dedicarase a "aplaudir a dignidade" destes xornalistas, "tan necesaria nestes momentos", valorou o sindicato CUT.
Os chamados "venres negros" son unha iniciativa na que os profesionais dos medios públicos galegos están apoiando as reivindicacións dos seus compañeiros da CRTVE, á par que denuncian a manipulación informativa na televisión e radio galegas.
Desde a dirección da CRTVG non se fixo nin o máis mínimo esforzo por tentar convencer a Hermida e Moyano para que non dimitisen. De feito, a marcha de voces críticas dentro da CRTVG supón máis aire para a dirección, que poderá seguir aplicando o rodete.
REBELIÓN INTERNA
A rebelión dos profesionais contra a dirección do ente tivo este martes un novo capítulo. O Comité Intercentros da CRTVG entregoulle ao director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, 553 sinaturas de traballadores dos medios públicos que demandan a continuidade da emisión dos informativos locais na Radio Galega, que a dirección vai suprimir a partir do 9 de setembro.
Os traballadores solicitan ademais o reforzo das delegacións territoriais, mermadas de persoal e sen técnicos de control, para ofrecer a información de proximidade con maior calidade.
Nas sinaturas, os demandantes aseguran que a información local xera espazos de referencia que axudan a vertebrar o país e contribúen a manter a pluralide de voces e temas, tal e como ordena a lei que regula a CRTVG.
Para o persoal dos medios galegos, eliminar os locais sería abandonar en parte ese cometido, suprimir unha das funcións para as que foron creadas as delegacións da Radio Galega e renunciar a un referente para os oíntes, que acabarán escollendo outras emisoras para saber o que pasa na súa contorna. Pídenlle tamén á Dirección Xeral que recapacite e reconsidere a súa decisión.
A entrega desas sinaturas coincidíu cunha xuntanza que estaba prevista celebrar na sede central de San Marcos da CRTVG entre o Comité Intercentros e o comité de empresa provincial de CRTVE-Galicia, motivada polas problemáticas comúns que comparten ambas as dúas representacións sindicais. O Intercentros da CRTVG denuncia que a dirección de recursos humanos non permitíu o acceso dos sindicalistas da radiotelevisión pública española, polo que o encontro tivo que celebrarse na porta do edificio
Os traballadores denuncian que "é a primeira vez que se obstaculiza o acceso á CRTVG de delegados externos, unha práctica habitual que nunca se cuestionou" e que, en opinión do Comité Intercentros, está relacionada coas mobilizacións que se veñen producindo nas últimas semanas na CRTVG en defensa do servizo público (desaparición do programa Diario Cultural e das desconexións locais, ademais dos venres negros contra a manipulación informativa e a prol da creacións do Consello de Informativos) e que, segundo o comité, "causan malestar na dirección dos medios públicos".
O Comité Intercentros da CRTVG e o Comité de CRTVE reuninaranse nos vindeiros días para activar mobilizacións conxuntas de protesta
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.