Temas: A CORUñA OKUPA

O goberno coruñés nega ter formulado denuncia polos incidentes con 'okupas'

Insta a "non criminalizar a disidencia política", pero defende a actuación da Policía Local.

Por E.P. | A CORUÑA | 20/06/2018 | Actualizada ás 20:15

Comparte esta noticia

O goberno local da Coruña rexeitou ter formulado denuncia polos incidentes no desaloxo da antiga Comandancia de Obras da Coruña o pasado 23 de maio, mentres instou a "non criminalizar a disidencia política" despois de que o colectivo A Insumisa confirmase a detención de dúas persoas e o ingreso en prisión dunha delas.

Desaloxo da antiga Comandancia de Obras da Coruña.
Desaloxo da antiga Comandancia de Obras da Coruña.

En concreto, na súa páxina de Facebook, este colectivo informou da detención de dúas persoas e o ingreso en prisión preventiva dunha delas, acusada de desordes, sedición e lesións. Á vista destes feitos, o goberno local fixo público este mércores un comunicado no que precisa que a Policía Municipal non formulou "denuncia" polos incidentes.

Sobre o labor policial, asegura que "seguindo o procedemento habitual en casos de situacións con persoas feridas ou con indicios da comisión dun delito", a Policía Local realizou un informe e deu traslado do mesmo, así como das dilixencias efectuadas, á Policía Nacional.

"Esas dilixencias nin identifican a persona ningunha nin cualifican os eventuais delitos nin propoñen medidas a adoptar", engade para precisar, a continuación, que non solicita condenas para ningunha das persoas identificadas nesa xornada.

DEREITOS PROCESUAIS

Por outra banda, afirma que espera, "como non podía ser doutra maneira, que os dereitos procesuais e de defensa das persoas que están incursas neste procedemento xudicial sexan respectados en todo momento, así como que a aplicación da lei penal, nestes casos e noutros semellantes, sexa proporcionada acorde cos feitos probados".

"E non sirva para criminalizar innecesariamente a disidencia política, o dereito de reunión ou manifestación ou a liberdade de expresión", engade.

Temas: A CORUñA OKUPA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta