Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 21/06/2018 | Actualizada ás 12:55
O selo de calidade denominación de orixe protexida, que se aplica aos produtos alimentarios, constituíu a fonte de inspiración da que se serviu o alumno da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Daniel Alonso para deseñar unha campaña para a asociación Os Palleiros, encargada da canceira municipal de Pontevedra, dirixida a promocionar a adopción de cans. Denominación de Orixe Palleira é o título da campaña.
Alonso buscaba a través deste xogo de palabras “que a xente relacione tanto a protectora como os cans que están nela como sinónimo de calidade, desfacéndonos do concepto de que son animais que dan pena ou que están encerrados e o pasan mal”, á vez que poñer de relevo que os animais son entregados tras recibir os coidados hixiénicos e veterinarios precisos.
A concelleira de Sanidade Animal de Pontevedra, Pilar Comesaña, e a responsable de Os Palleiros, Gloria Cubas, presentaron xunto a Alonso unha campaña que ten como reto atopar un fogar a 16 cans e cadelas é que constitúe á súa vez o traballo de fin de grao de Alonso, estudante de Publicidade e Relacións Públicas.
“Ocorréuseme facer unha campaña para a protectora porque máis dunha vez lera cousas sobre o seu gran traballo e tamén porque me chamaba a atención este sector por estar moi pouco explotado no que a publicidade se refire”, engade este alumno, quen incide así mesmo na colaboración tanto do equipo directivo e voluntariado da asociación responsable da canceira, que atende na actualidade un total de 147 cans, “aos que desde un principio gustoulles a idea e que sempre que podían botábanme unha man no que precisara”.
O obxectivo principal desta campaña é aumentar o número de adopcións, o que inclúe tamén, como explica Alonso, os cans que maiores dificultades teñen para atopar un novo fogar de acollida, como son os considerados potencialmente perigosos e os de avanzada idade. Por iso, e seguindo con ese xogo de palabras dirixido a dar un “valor engadido” ao labor de Os Palleiros, aos carteis relativos a cans de difícil adopción engádese o subtítulo de Gran Reserva, no caso dos de maior idade, e de Etiqueta Negra, no dos potencialmente perigosos.
Con tres versións diferentes, os carteis que elaborou para cada un dos cans que se atopan en adopción repartiranse por diferentes lugares de Pontevedra e arredores, á vez que se difunden desde este mércores a través das redes sociais, nunha campaña que está previsto permaneza activa todo o verán. Así mesmo, esta iniciativa complétase cun vídeo de presentación da campaña, que se difundirá tamén a través das redes sociais, no que Alonso contou coa axuda de Adrián Iglesias, estudante do grao en Comunicación Audiovisual, que se encargou da locución, informa a Universidade de Vigo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.