Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/06/2018 | Actualizada ás 12:00
A editorial Xerais, que ten os dereitos en galego do libro 'Fariña' de Nacho Carretero, porá á venda o libro "de forma inmediata". Así o asegurou o director editorial de Xerais, Francisco Alonso Villaverde, quen considerou "acertada a decisión" xudicial de pór fin ao secuestro da publicación.
"Non tiña sentido que o libro seguise bloqueado", afirmou o director de Xerais, para engadir que esa situación "afecta á liberdade de expresión". Por iso, manifestou que "o máis inmediato posible" sairá á venda a edición en galego de 'Fariña'. "O libro está listo para ir ás librarías", sentenciou Francisco Alonso.
Xerais tiña previsto publicar a pasada primaveira a obra en galego, pero quedou paralizada a súa comercialización polo secuestro ordenado por un xulgado de Collado Villalba a petición do exalcalde do Grove José Alfredo Bea Gondar.
A medida cautelar, agora levantada, levaba tamén a prohibición de impresión e comercialización de novos exemplares. Agora, a Audiencia Provincial de Madrid ditou un auto no que revoga a resolución do Xulgado de Instrución Número 7 de Collado Villalba de secuestrar o libro 'Fariña' como medida cautelar, ante a demanda presentada polo exalcalde do Grove Alfredo Bea Gondar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.