Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/06/2018 | Actualizada ás 14:04
A editorial Xerais, que ten os dereitos en galego do libro 'Fariña' de Nacho Carretero, porá á venda "de forma inmediata" nas librarías a obra nesta lingua após levantar o secuestro da publicación a Audiencia Provincial de Madrid. Ten preparada unha tirada de 1.750 exemplares. Así o asegurou o director editorial de Xerais, Francisco Alonso Villaverde, quen considerou "acertada a decisión" xudicial de pór fin ao secuestro da publicación.
"Non tiña sentido que o libro seguise bloqueado", afirmou o director de Xerais, para engadir que esa situación "afecta á liberdade de expresión". Por iso, manifestou que "o máis inmediato posible" sairá á venda a edición en galego de 'Fariña'. Previsiblemente, espera que "poida chegar ás librarías a principios da próxima semana".
"O libro está listo para ir ás librarías", sentenciou Francisco Alonso, quen confirmou que teñen lista unha tirada "de 1.750 exemplares". Respecto diso, recoñeceu "moita expectación". Xerais tiña previsto publicar a pasada primavera a obra en galego, pero quedou paralizada a súa comercialización polo secuestro ordenado por un xulgado de Collado Villalba a petición do exalcalde do Grove José Alfredo Bea Gondar.
A medida cautelar, agora levantada, levaba tamén a prohibición de impresión e comercialización de novos exemplares. Agora, a Audiencia Provincial de Madrid ditou un auto no que revoga a resolución do Xulgado de Instrución Número 7 de Collado Villalba de secuestrar o libro 'Fariña' como medida cautelar, ante a demanda presentada polo exalcalde do Grove Alfredo Bea Gondar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.