Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 26/06/2018 | Actualizada ás 12:05
Até hai ben pouco, en Galicia non existía un calendario oficial de vacinas para adultos, malia que a medida que envellecemos aumenta a probabilidade de contraer infeccións. Ademais, nos adultos describíronse determinadas condicións e enfermidades concomitantes que fan da vacinación unha estratexia adecuada para as enfermidades inmunoprevenibles. É por isto que expertos do Servizo Galego de Saúde (Sergas) e da Universidade do País Vasco deseñaron un calendario de vacinación, en formato póster con acceso á información mediante códigos QR.
O proxecto, aplicado no centro de saúde de Redondela, consistiu na elaboración dun calendario de vacinación, en forma de póster, con información sobre as vacinas recomendadas para adultos divididas por grupos de idades e condicións especiais. Ademais, creouse un blogue, con acceso directo desde o póster.
Para iso, empregaron métodos tradicionais como os códigos de cores, utilizando o vermello, o amarelo e o verde, e as novas tecnoloxías, como os códigos QR (Quick Response Code), no calendario de vacinación.
Os códigos QR, como explican os expertos, permiten acceso inmediato ao blogue, que achega información axeitada, de fácil comprensión e con contido de rigor científico, permitindo así que o paciente interaccione formulando preguntas de acordo coas súas necesidades e comparta as súas opinións.
Ese calendario foi exposto no centro de saúde, realizouse unha sección clínica e difundiuse o blogue na rede. Os expertos observaron "falta de información en ambos os grupos, profesionais e poboación, sobre as vacinas e as súas recomendacións no adulto".
Porén, "a divulgación do póster espertou a atención da poboación, debido á crenza de que as vacinas no adulto estaban limitadas á gripe e o tétanos".
"Houbo unha boa aceptación do proxecto por parte dos profesionais sanitarios, que o valoraron como unha ferramenta de axuda na consulta", aportan os autores do estudo.
Ademais, "a utilización das redes sociais foi un acelerador e facilitador de información coa entrada no blogue de 300 visitas nun mes".
Houbo, ademais, unha boa aceptación do proxecto por parte dos profesionais sanitarios, que o valoraron como unha ferramenta de axuda na consulta, ademais, a asistencia á sesión clínica foi elevada.
Os expertos consideran que aínda que as redes sociais son unha "nova ferramenta de divulgación científica", non hai que esquecer os métodos tradicionais, xa que "o seu uso está aínda limitado a determinada parte da poboación", sobre todo a máis maior.
"A cobertura de vacinación nos adultos aínda é moi baixa, por iso, debemos familiarizar e facilitar información á nosa poboación e persoal sanitario sobre elas", conclúen.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.