Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 26/06/2018 | Actualizada ás 14:16
A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, reclamou hoxe a finalización do Plan Especial de Dotación e Infraestruturas “As Costeiras”, de Baiona, que incluía un proxecto de campo de golf ao que se opuxo a vecinanza. Vilán presentou unha pregunta en Comisión na que advertiu que a pesar das declaracións do alcalde, aínda falta a resolución de terminación que dea “por finiquitado” o proxecto.
Ademais, instou á Xunta a tomar cartas no asunto atendendo ás súas competencias no caso das modificacións puntuais dos plans xerais municipais, e para darlle seguridade xurídica á veciñanza que se opón a un proxecto presentado cun "estudo de impacto medioambiental insuficiente en aspectos tan relevantes como a xeografía, a demografía e ecoloxía, sendo especialmente preocupante o impacto directo sobre os recursos hídricos, a flora e a fauna", aseguran os deputados do grupo parlamentar. Daquel estudo, advirte Vilán, desprendíase que "nin o abastecemento de auga estaba garantido na parroquia de Baredo, nin se contemplaba o impacto do mantemento nos acuíferos".
Así pois, reclamoulle ao Concello que lle dea validez xurídica ao “cambio de criterio” do alcalde, que pasou de defender o proxecto de cambio de golf a desbotar esta posibilidade logo de recibir as alegacións dos veciños e das iniciativas parlamentarias que ten provocado. A parlamentaria socialista lembra que a Lei do Solo, no seu artigo 60, determina que “procede unha resolución de terminación” deste proxecto, e advertiu que o propio PP incluíra unha emenda a unha iniciativa socialista sobre este asunto na que aquel grupo reclamaba “continuar coa tramitación iniciada para a avaliación ambiental estratéxica” do Plan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.