Radon en Galicia, unha alarma necesaria?

É necesaria a alarma que se estendeu dentro e fóra do país logo de que se apuntaran hipotéticos casos de cancro vinculados ao radon?.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 26/06/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A veciñanza de Cruceiro de Roo en Outes está queimada. Non é para menos, porque ata hai pouco os medios apuntaban a este lugar como o “epicentro do cancro” en Galicia. Máis concretamente 800 metros de rúa concentraban dentro deles un número de casos moi superior á media galega e española. O “inimigo invisible” co que trataban os veciños e veciñas de Cruceiro estaban a vivir un “drama” total, nun lugar onde décadas antes a xente “vivía feliz”.

Mapa do radon en Galicia. As zonas vermellas son as máis afectadas
Mapa do radon en Galicia. As zonas vermellas son as máis afectadas | Fonte: USC.

Literatura á parte, o caso é que si se fixeran estudos sobre radon en Galicia, como apuntou xa o GC. E tamén suliñaba que segundo os datos recollidos neses estudos, as concentracións de radon en Galicia, aínda que superiores a outros lugares da Península pola xeoloxía do chan, non son causantes dunha mortalidade por cancro orixinado exclusivamente polo gas saído do granito. Simplemente, hai un feito froito da casualidade. E como apuntaban fontes consultadas por Galicia Confidencial, o feito de respirar radon non implica directamente a aparición do cancro, senón que aumentarían as probabilidades de contraer a doenza.

O CASO

A incidencia de cancros en Cruceiro de Roo alarmou á xente. Os veciños e veciñas decidiran nunha reunión facer unha chamada de atención ás autoridades sanitarias. Propuxérase entón enviar o tema á prensa e que saíse de tal maneira que Sanidade tomase medidas. “A noticia saíra na prensa, pero xa antes tiñamos pedido falar con Sanidade que, non sei por que, atrasaba a xuntanza” di unha veciña de Cruceiro de Roo. Aparecida a noticia, as autoridades sanitarias si sentan a falar coa xente do lugar.  Previamente o Laboratorio do Gas Radon de Galicia, da Universidade de Santiago, fixera unha medición sobre as cantidades de gas na localidade. Sentados con Sanidade, os representantes dos veciños viron que “si que sabían da existencia dunhas normativas, a existencia duns mínimos que non se podería sobrepasar e sabían tamén que comezara o estudo e as medicións” responde a mesma veciña.

O problema, segundo os veciños, foi que desde a publicación da primeira noiticia desencadeouse todo un interese mediático sobre o fenómeno. A pesar da reticencia de moitos e moitas a falar, algúns veciños si fixeron declaracións. “Houbo persoas que dicían ter moitísimo medo” e a partir de aí a bola de neve comezou a medrar. O mesmo aconteceu coas entrevistas que concedera o médico do centro de saúde. Xosé María Dios foi intermediario entre a veciñanza e Sanidade. “Nós tampouco fomos ao Concello, a pesar de que digan que non nos fagan caso, nós non petamos á porta do Concello, simplemente quixemos ir directamente a Sanidade” afirman os veciños.

Primeiro mapa que delimita as zonas do Estado máis expostas ao gas radon
Primeiro mapa que delimita as zonas do Estado máis expostas ao gas radon | Fonte: UNED

A idea de solicitar o estudo de radon foi a primeira que se solicitara “desde un grupo de veciños, que nin sequera somos unha asociación” e que ademais “é algo que toda Galicia querería facer, pero alguén ten que facelo, alguén ten que ser o primeiro”. O feito é que os veciños de Cruceiro de Roo entenderon a necesidade de estudar a situación. “Non é que haxa máis radon aquí que noutro sitio, que hai cancro aquí, claro como en todas partes” quéixase a xente.

DIRECTIVAS

A Organización Mundial da Saúde (OMS) e a Comisión Europea crearon senllas recomendacións e directivas para que os estados fosen elaborando as súas propias normativas para o tratamento do radon nos fogares e nos postos de traballo. O caso é que España aínda non ten posto en marcha ningunha norma ou lei ao respecto. Pero pola contra, Galicia si o fixera no ano 2007, cunha lei de Habitabilidade que logo fora modificada no ano 2010 polo primeiro goberno Feijóo.

Isto último confirmoullo a Galicia Confidencial a deputada do PSdeG, María Pierres. “No 2007 buscábase un bo comportamento térmico das vivendas e un punto era crear un forxado de 60 centímetros de separación entre o chan da casa e os alicerces para mellorar a temperatura” e ademais “que isto favorecía a disipación do radon evitando concentracións maiores”. A modificación da lei veu en primeiro lugar pola redución do espazo para o forxado a 20 centímetros e logo “pola supresión do parágrafo que aludía ao gas radon” apunta María Pierres que engade “consideraban que esa parte tiña que ser lexislada por un código técnico estatal” que como sinala a deputada “aínda non existe”.

A COMUNICACIÓN

O mesmo informe da OMS aludido na reportaxe anterior e nesta, intenta crear un protocolo para a comunicación dos riscos xerados polo radon. O primeiro que recoñece a OMS é que a creación de mensaxes sobre este tema crea dificultades pois o gas non é un dos elementos máis coñecidos entre o público e isto pode facer que o radon non sexa percibido como un risco para a saúde. Por outra banda, un elemento importante que deberan ter en conta quen elabore políticas sobre o radon é que é un problema de saúde para tomar medidas sobre el.

A comunicación de cara a poboación sobre o radon debe ser elaborada en cooperación entre diferentes organizacións, creando mensaxes claras e coordinadas ademais de ter colaboradores con recoñecida credibilidade social. Ademais disto, as mensaxes sobre os riscos deste gas deben ser claras, breves e concisas. Tamén se debe ter en conta o nivel de coñecemento que ten a sociedade destinataria da mensaxe sobre o gas. A OMS recomenda facer isto antes e depois dunha campaña de comunicación.

CONCLUSIÓNS

Polo motivo que fose, o desexo dos veciños dun lugar por botar luz sobre a incidencia do cancro no lugar onde viven, converteuse nunha bola de neve que acabou por sobrepasalos. Ese desexo de saber que ocorre no seu contexto fixo que recorresen aos medios para así chamar a atención das autoridades sanitarias e que tomasen cartas no asunto.

Un feito noticiable cunha carga informativa de peso fixo que as noticias sobre o tema do radon en Cruceiro de Roo tivesen un semblante sensacionalista. Isto trouxo a desconfianza cara os medios da veciñanza e que sentisen como se convertían no centro dun acontecemento “morboso” como eles mesmos o cualifican. A desproporción que tomou o tema do radon mesmo parecía ofrecer unha imaxe “apocalíptica” non só do lugar en Outes, senón de toda Galicia.

A escasa información sobre o gas e o feito de que, segundo os datos de investigacións recollidas pola OMS, o radon só estaría implicado no cancro de pulmón e aínda así non sería unha causa de forza para padecer esta doenza, crearon unha alarma innecesaria. E tal e como afirman fontes científicas vinculadas aos últimos estudos feitos en Galicia, os demais cancros que se detectaron en Cruceiro de Roo, teñen outro tipo de orixe que pode ir desde a predisposición xenética ou a factores que aínda non foron investigados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta