Por Moncho Mariño | Santiago | 02/07/2018 | Actualizada ás 22:00
Os estigmas sociais sobre a saúde mental continúan moi presentes na sociedade, mesmo que se teñan dado pasos importantes para eliminar os complexos e tabús ao redor dos padecementos que afectan á mente. Así as cousas, xa van tres décadas do primeiro corpo legal que abordaba as pautas que se tiñan que seguir en canto a saúde mental en España, coa Ley General de Sanidad, do ano 1986. A lei nacía despois de informes e valoracións durante a denominada Transición, por canto se quería ter un coñecemento de primeira man sobre o estado da sanidade dentro do campo das doenzas mentais. Os cambios que reclamaban os informes eran moitas veces radicais.
A situación debía estar case que fóra de si. A pesar das reformas que adiantaran as autoridades franquistas na década dos sesenta, non deberon ser entendidas como suficientes polos profesionais da psiquiatría, ou mellor dito, da neuropsiquiatría, a disciplina que trataba as doenzas psíquicas desde un punto de vista puramente biolóxico. Eran pois, tratadas como un problema de saúde que se debía atender como por exemplo, as enfermidades contaxiosas. E seguindo este patrón, era frecuente o ingreso de persoas en centros de internamento vulgarmente coñecidos como “manicomios”.
A raíz disto nacen posturas que pretenden enfocar o tratamento da saúde mental con novas teorías e praxes como a chamada antipsiquiatría. Basicamente unha teoría que procuraba a eliminación do estigma sobre a enfermidade mental, ter en conta os dereitos da persoa afectada como individuo capaz de decidir antes que unha autoridade ou a mesma familia decida por esa persoa, tamén buscar novas maneiras de socializar aos doentes e que os soportes tradicionais de medicina e retención mecánica sexan rebaixados ao mínimo. Así, en 1968 en Oviedo abriron as portas do psiquiátrico de La Cadellada, cun modelo de socialización dos pacientes que logo sería finiquitado cando cambia a titularidade do ministerio de Sanidade franquista. Algúns daqueles psiquiatras pasaron ao hospital psiquiátrico de Conxo, en Santiago que en 1972 abriron as portas do hospital para que as persoas internas saísen fóra das súas paredes e dar así resposta a se eran pertinentes ou non os tratamentos que se daban ata aquel momento.
TENDENCIAS
O breve apuntamento sobre a historia da psiquiatría é necesario para ter claro cales son os camiños ou tendencias dentro desta rama da medicina. “ Ata os anos setenta había unha abordaxe biolóxica da enfermidade mental, esta era tratada por un neuropsiquiatra, logo esta especialidade dividiuse en dúas, neuroloxía e psiquiatría” do Víctor Pedreira, psiquatra, que continúa “na tendencia biolóxica primaba o internamento ou segregación da persoas afectadas”. Pero logo apareceron ideas que concebían que a saúde mental “debía ser tratada desde unha visión multidisciplinar, pois consideraban que arredor da doenza mental había factores psiquiátricos, sociolóxicos e psicolóxicos” aclara Pedreira. O obxectivo era “superar o hospital psiquiátrico e que sexa substituido por unha rede asistencial comunitaria, unha rede diversificada de especialistas que atendesen a esa persoa”. En base a estes fundamentos e logo do informe sobre saúde mental de 1985, en España nace a Ley General de Sanidad. Por este documento legal, a hospitalización debía facerse en hospitais xerais e non en psiquiátricos.
Non obstante, nos anos 90 aparecen novos descubrimentos sobre o funcionamento e mecanismos cerebrais dentro do campo da neuroloxía. Estes achados fixeron que a visión máis bioloxicista sobre saúde mental tomase outra vez impulso. Así e tamén grazas ás melloras en investigación farmacolóxica, apareceron novas substancias que foron colocadas no mercado e que parecían dar resposta “definitiva” aos diferentes casos de afección mental. Pero os tratamentos a base de psicofármacos volveron ser cuestionados, tanto como fora cuestionado o internamento nos anos setenta.
“Hai que fuxir de todos os reduccionismos, esas posturas que parecen dicir o que non coñezo non o trato, e neste campo pode haber tamén reduccionismo psiquiátrico, psicolóxico e sociolóxico” di Víctor Pedreira. “O grao de coñecemento non é unha chave, non nos permite dar unha explicación completa desde unha soa teoría” pero “evidentemente hai factores como son os sociais e biolóxicos que si inflúen na persoa enferma”. Por tanto, as principais “escolas” ou visións sobre saúde mental actualmente están divididas entre quen aposta por unha visión holística ou total da doenza e por tanto, cun tratamento máis aberto á busca da independencia da persoa. Por outra parte, existe a tendencia que considera a doenza mental como unha enfermidade practicamente biolóxica e a solución é o tratamento con farmacoloxía.
Diante disto nace a pregunta de se ambas as dúas tendencias están ligadas a tendencias ideolóxicas. Por que? Segundo fontes consultadas por Galicia Confidencial, o tratamento mediante equipos multidisciplinares permite que a persoa entre pouco a pouco na dinámica social. Pero este equipo custa diñeiro e nas épocas de crise, tal como ocorre na actualidade, os recortes en sanidade aplícanse alí onde as tendencias máis liberais consideran que o gasto público é innecesario ou se pode suplir coa externalización e concertación con centros privados. A saúde mental non escapa a isto. Por outra banda, hai voces que apuntan aos intereses das farmacéuticas para que exista un tratamento a base de medicamentos, deixando fóra os tratamento máis psicolóxico e terapéutico.
O CASO DE GALICIA
A noticia puxo en alerta a moitas persoas. Un informe do Defensor del Pueblo cuestionaba as prácticas dentro do centro psiquiátrico de Conxo. Inmediatamente saiu a resposta do Servizo Galego de Saúde (SERGAS) apuntando que o informe estaba baseado en informacións incompletas. A resposta á postura do SERGAS foi que “era unha desconsideración” ao non vir das instancias máis altas da Xunta, ben da presidencia ou da Consellería de Sanidade. O Movemento Galego pola Saúde Mental (MGSM) denunciou como “grave e preocupante” o que recollía o informe.
Anxo García, do MGSM, preguntado polo estado da atención á sanidade pública fai unha descrición que aborda mesmo o lado político. “Cando chegou o primeiro goberno presidido por Núñez Feijóo no 2009, puxeron en suspenso o plano posto en marcha polo bipartito para 2006-2011, que tamén tiña unha previsión de recursos ademais de seguir as recomendacións da comisión asesora nacida en tempos do conselleiro Hernández Cochón”. Ao mesmo tempo, o plano do bipartito seguía as directrices do decreto de 1994 que aínda está vixente segundo Anxo Garcísa. “Ao mesmo tempo tamén se paralizaron outras medidas estatais coa chegada do goberno do PP presidido por Rajoy” apunta García. Desde o SERGAS apúntase que se está “a aplicar o establecido no plan (2009-2011). No momento actual, estase a elaborar o novo Plan de saúde mental que definirá a liñas estratéxicas da abordaxe e prevención da saúde mental para o próximo período”.
Durante a primeira e segunda lexislaturas presididas por Núñez Feijóo na Xunta, a actitude do goberno autonómico, e cando máis apretaba a crise económica “era agresiva fronte ás críticas, negando que se incrementasen os casos de suicidio e de doenzas mentais, ata que no terceiro comezaron algúns cambios sobre todo logo do movementos “Badaladas prevención contra o suicidio”” di Anxo García. A atención á saúde mental durante a crise económica sumándolle recortes e paralización, trouxo segundo o MGSM “que se deriva cara as consultas sen ir cara ningún lugar, porque os profesionais vense nunha situación de “como organizamos isto?””. As consecuencias para García son que “hai un incremento constatado do consumo de antidepresivos”. O doutor Pedreira coincide en que “coa crise económica non houbo un coidado cara a xente, isto trouxo a falta de protección ás persoas e ás familias”.
Pero está tan mal esta área da saúde en Galicia? Falla todo? Desde o Colexio de Psicólogos de Galicia (CPG), a súa decana, María Rosa Álvarez responde que “o mellor que ten hoxe en día a nosa sanidade son os seus profesionais; a xestión ten unha marxe de mellora amplísima, porque a realidade que temos agora é de atraso social”. A aprobación da Lei de Saúde no Parlamento de Galicia parece que non trouxo unha mellora na situación. Álvarez di: “A nova lei de Saúde é moi prexudicial, pola eliminación das áreas sanitarias, polo favorecemento da privatización de servizos, a falta de aposta pola Atención Primaria”. Mentres, o SERGAS responde que “as vías de atención dos pacientes en saúde mental están en relación coa priorización da atención. A porta de entrada maioritaria para os pacientes con trastornos mentais é a través de atención primaria”.
No caso dos tratamentos e mesmo dos sistemas de contención tanto mecánica como farmacolóxica, para o MGSM as condicións nalgúns centros non son as axeitadas, segundo sinala Anxo García, nalgúns casos en unidades de hospitalización psiquiátrica como en Coruña, para procesos agudos, “hai espazos con tres camas separadas por cortinas que poden ser ocupadas de forma mixta (homes e mulleres) e sobre isto a resposta é silencio”. Preguntado o SERGAS sobre este tema e outros puntos sobre a seguridade de pacientes, a resposta foi: “No Servizo Galego de Saúde a intimidade e a seguridade para as persoas con enfermidade mental está garantida en todos os casos. Podemos salientar a existencia das áreas de urxencias nos novos hospitais onde se crearon zonas específicas para o procedemento de contención mecánica, e da mesma forma estase traballando para completar no resto”.
Sobre as carencias que sinalan algúns colectivos profesionais e de familiares de pacientes, o SERGAS contesta que “Non podemos dicir que existan carencias, unha vez que os servizos básicos recollidos na estratexia nacional e no real decreto polo que se regula a saúde mental en Galicia están cubertos na nosa comunidade”. Considérase iso si, que “poden existir áreas de mellora e neste momento estamos a traballar nelas”.
RETOS
Xosé Ramón Girón, da Federación de Asociaciones de Familiares y Personas con Enfermedad Mental de Galicia (FEAFES) apunta que “en Galicia podería haber 55.000 persoas cunha doenza mental” e que nunha poboación como a galega, de case 3 millóns de persoas, os datos apuntan a que “un 25% da poboación podería ter agora algunha enfermidade mental, e deles entre o 1% e o 3% poderían ter unha doenza grave”. As familias tamén sufren o padecemento da persoa enferma como apunta Girón “no 80% dos casos a familia é o único soporte para esa persoa”. Isto tradúcese nunha calidade de vida moi baixa tanto para quen padece a enfermidade como a familia da persoa afectada.
Esta situación fai que desde FEAFES se apunten alternativas como “implantar unha serie de servizos para a rehabilitación da persoa afectada, máis outro servizo de reintegración desa persoa, ademais dun labor de información para eliminación de prexuízos”. Girón cre necesario eliminar o modelo biomédico e a necesidade de crear outro modelo “baseado nos dereitos da persoa e nas súas necesidades”.
O empoderamento da persoa que necesita dos coidados e atención da súa saúde mental é mencionado pola maioría de persoas consultadas. “Debemos primar os dereitos das persoas, é necesario telo en conta” e para isto “pedimos a abolición da contención mecánica” di Anxo García. Para García é tamén moi necesario “a participación de todas as persoas relevantes para planificar a atención incluindo a familia”. De acordo con esta liña, Víctor Pedreira considera necesaria dita rede apuntando que “existen movementos que ven o paciente como unha persoa cos seus dereitos e que por tanto deberíase ter en conta a súa opinión”.
Desde o Colexio de Psicólogos de Galicia, María Rosa Álvarez enumera: “O primeiro, incorporar xa a psicoloxía clínica en atención primaria, o segundo punto é dotar de persoal as Unidades de Saúde Mental e precisamos un recoñecemento da nosa cualificación como facultativos especialistas de área, igual ca calquera outro, con servizos propios”.
Sobre o marco legal que ampara ou se proxecta sobre as actuais lexislacións relativas ao tratamento da doenza mental, Xosé Ramón Girón sinala que “é un modelo do século XIX, sen actualizar e que o problema non é a filosofía senón a concreción práctica do que ocorre coas persoas que sufren a enfermidade e as súas familias”.
Aínda que o SERGAS apunta que nestes momentos se está a seguir o marcado no Plano 2009-2011, o certo é que se está traballando nun novo plano. Na elaboración, segundo o SERGAS, participan en diferentes grupos de traballo profesionais, das consellerías de Política Social, de Educación e Servizos Sociais, outros colectivos profesionais e asociacións de pacientes. E apuntan tamén que “semella máis relevante que a devandita mesa estea constituida para colaborar na elaboración do vindeiro Plan galego de saúde mental que non como unha mesa de negociación co obxectivo de que sexa unha mesa de coordinación e mellora da atención global ás persoas con enfermidade mental”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.